Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Un pequeno respiro ó día beneficia o equilibrio psíquico e permite un maior autocoñecemento
No devir cotián hai tantas cousas que facer e tanto ó que atender que o pouco tempo que queda das obrigas se dedica ó descanso. Pero ese lapso que ben serve para reparar as forzas perdidas non desenvoca necesariamente en momentos de lecer, nin procura unha tregua para mimarse a un mesmo. É máis, a dinámica lévanos moitas veces a ceder as horas libres das que dispomos para satisfacer ós demais e cumprir con guións sociais, aparcando desexos e necesidades. Somos capaces de esquecernos das nosas apetencias interiores para que o exterior funcione. Esta actitude, mal chamada altruísta, non respecta ou descoñece os límites en que un se move con satisfacción, o que xera unha negación persoal e acaba provocando anoxo e rabia.
De feito, o hábito de deixarnos postergados a un segundo plano tórnanos incapaces de vernos e de atender ás nosas apetencias e gustos. Esta falta de interese propio lévanos a agacharnos, polo que deixamos de amosarnos antes os demais. Encamiñámonos a un espazo onde as nosas aspiracións non caben, xa que lles restamos importancia e deixamos de procuralas. Haberá momentos en que reclamemos atención, máis como unha esixencia ca como unha petición, pois percibimos os demais como debedores, aínda que foramos nós mesmos quen nos mutilásemos. Nós mesmos somos quen esquecemos gardar un tempo para facermos actividades que nos satisfán ou para estarmos con aquelas persoas con quen nos apetece estar. Máis aínda; existe unha parcela esquecida e deixada de lado que nin botamos de menos: a de estar centrado un consigo mesmo durante un tempo, aínda que sexa reducido, a cotío.
Dez escasos minutos abondan para recuperar esa parcela. Pór unha cifra e que sexa tan reducida pode parecer ridículo, pero igual que programamos o resto das nosas actividades, por que non programar esta? O tempo concreto que acordemos, e, máis aínda, o feito de facelo, implica:
Se un familiar ou un bo amigo nos solicitase dez minutos diarios, case seguro que non dubidariamos en llos conceder. Daquela, por que non termos a mesma atención e coidado con nós mesmos? Por que nos custa tanto vernos e sentirnos como o que somos: unha persoa importante? Será que non nos valoramos nin queremos?
As máis das persoas forxámonos un ideal sobre quen queremos ser e, como acontece con todos os ideais, non conseguimos que se torne realidade. Isto en si non é negativo, pois esa diferenza entre o ideal e a realidade percíbese en moitas ordes da vida. O problema xorde cando a dicotomía desencadea unha frustración e nos leva a anoxarnos con nós mesmos por non darmos acadado aquelo que perseguimos e que, erroneamente, pensamos que nos faría felices. Non vérmonos reflectidos como cremos que nos gustaría ser lévanos a sentirnos frustrados e a perder a confianza en nós mesmos, o que é sinónimo de non aceptar os nosos defectos, nin tampouco as nosas virtudes. Se non nos gustamos, dificilmente quereremos estar a soas con nós, nin dedicarnos tempo, aínda que sexan só 10 minutos. Pero isto non nos pode servir de escusa para non intentalo.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI