Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O compoñente máis importante do organismo humano ten distintas propiedades segundo a súa composición en minerais
A auga é fonte de vida no noso planeta e no noso organismo. De feito, a auga é o compoñente máis abundante nun ser humano: supón o 50-60% do noso peso corporal total. As células máis activas, como as dos músculos e as das vísceras, teñen a concentración máis alta de auga. Malia o esencial que resulta, o corpo humano non ten provisión para almacenar auga e cada día pérdense arredor de dous litros e medio polos ouriños (1500 ml), as feces (150 ml), a suor (350 ml) e a respiración (400 ml). Polo tanto, a cantidade de auga que se elimina cada 24 horas debe restituírse para manter o organismo ben hidratado.
A toma de auga (e outros líquidos que a conteñan, como caldos, infusións, zumes...) é o mellor xeito de compensar as perdas que se producen no noso corpo cada día. Tamén conseguimos hidratarnos a través da auga que conteñen os alimentos que comemos. Na maioría das verduras, hortalizas e froitas, máis do 90% do seu peso é auga. Se incluímos estes alimentos na dieta na cantidade aconsellada (5 froitas, verduras e hortalizas ó día) inxerimos preto dun litro de auga. Ademais, o organismo, cando metaboliza (utiliza) os nutrientes dos alimentos (hidratos de carbono, proteínas e graxas) xera de 200 a 300 mililitros de auga. Necesitamos, polo tanto, tomar preto de 1,5 litros de auga ou doutros líquidos (tan só 6-8 vasos ó día) para equilibrar as perdas de auga e manter o nivel adecuado de hidratación. A cantidade de auga que cómpre beber aumenta cando vai calor e cando hai maiores perdas de líquidos, como no exercicio intenso, diarrea, vómitos e febre.
A auga é unha especie de 'vehículo' que transporta sales minerais, e clasifícase segundo a composición de minerais que conteña e mais a súa concentración. Isto depende do percorrido subterráneo que realiza antes de brotar ó exterior, no que arrastra e disolve diversos minerais en cantidades variables. Catalogáronse distintos tipos de auga con diferentes propiedades, dependendo da súa composición mineral, que, amais de hidratarnos, contribúen a depurar o noso organismo, a mineralizar os nosos ósos e dentes, a previr a caries e as infeccións de ouriños, a mellorar o estado da nosa pel...
En función da súa composición mineral e do grao de mineralización (o seu contido total en minerais), as augas poden ser de mineralización forte (máis de 1.500 mg de residuo seco, é dicir, de minerais por litro), débil (ata 500 mg/l) ou moi débil (ata 50 mg/l), e posúen distintas propiedades beneficiosas para a saúde. Nalgúns casos a auga pode ser unha fonte excelente de minerais e axúdanos a cubrir as inxestións recomendadas destes nutrientes e evitar así deficiencias.
| Augas minerais | Composición mineral (por litro) | Beneficios |
|---|---|---|
| Bicarbonatadas ou alcalinas | Máis de 600 mg de bicarbonatos | Estimula a dixestión e neutraliza a acidez de estómago |
| Cálcicas | Máis de 150 mg de calcio | O calcio é o mineral máis abundante do corpo humano. O da auga é moi ben aproveitado por parte do organismo e contribúe á mineralización de ósos e dentes. |
| Magnésicas | Máis de 50 mg de magnesio | Contribúen á mineralización de ósos e dentes, e poden resultar lixeiramente laxantes. |
| Hiposódicas ou sódicas | Hiposódicas: menos de 20 mg de sodio | Hiposódicas: benefician a quen sofre alteracións renais, hipertensión ou retención de líquidos e ós bebés e persoas maiores. Depuran e eliminan o exceso de líquidos. |
| Sódicas: máis de 200 mg de sodio | Sódicas: non aconselladas para nenos, persoas maiores, persoas con problemas de ril, de corazón ou de retención de líquidos. | |
| Fluoradas | Máis de 1 mg de fluoruros | Preveñen a caries dental, pero están desaconselladas nos máis pequenos porque un consumo excesivo deste mineral mentres os dentes se están desenvolvendo pode causar fluorose dental, que produce baixa mineralización do esmalte e cambios na aparencia dos dentes (estrías ou manchas castañas na súa superficie). |
| Ferruxinosas | Máis de 1 mg de ferro | Contribúen á achega de ferro e, xunto cunha dieta axeitada, axudan a previr a anemia. |
| Carbónicas ou con gas | Máis de 250 mg de anhídrido carbónico (CO2) ou gas libre | O contido de gas pode ser natural ou engadido. Estimulan o apetito, neutralizan a acidez e facilitan a dixestión. |
| Augas de mineralización débil (ata 500 mg/l) ou moi débil (ata 50 mg/l) | Estimulan a diurese, é dicir, a produción de ouriños. Son as augas máis indicadas para a preparación de alimentos infantís e para as dietas de control de sodio; hipertensión, problemas de corazón, cálculos e insuficiencia renais ou retención de líquidos. | |
As necesidades de auga de cada persoa varían en función das perdas de líquido que sufra, da dieta, da actividade física, do clima, da idade, dalgunhas situacións concretas (embarazo, lactación) e do estado de saúde.
Cando se bebe líquido abondo, o organismo está ben hidratado, e isto beneficia a saúde.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI