Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Juantxo Fuertes, deportista: "O deporte adaptado tamén é un espectáculo"

 Ten 29 anos. Hai oito abandonou a competición que o levou a ser marquista mundial e olímpico en varias distancias na modalidade de estilo libre, e iso que disque a natación non lle atraía. É máis, púñalle medo a auga, e o seu adestrador lembra as dentadas e patadas que recibiu nos primeiros baños. Pero colleulle gusto.

Juantxo Fuertes sofre parálise cerebral debido a unha hipoxia no parto. Chegou ó deporte como terapia e demostrou ter calidades. De todas elas, as máis importantes son o seu tesón e as súas ganas de superación. Ambas as dúas seguen a definilo nas novas carreiras que emprendeu na vida. Escribiu o epílogo da súa faceta deportiva como representante dos deportistas da Federación Española de Deportistas con Parálise Cerebral, o que lle permitiu exercer de vínculo transmisor entre as demandas dos seus compañeiros e as altas instancias que deciden bolsas e programas de apoio. Con iso puxo punto e final a unha etapa e emprendeu outra carreira non menos complexa: formarse para traballar na integración social das persoas con dificultades, sufran ou non minusvalía, e ofrecer desde o seu coñecemento e dedicación unha axuda única.

O seu palmarés é máis brillante có de moitos deportistas de máximo nivel: medallas olímpicas, marcas mundiais, campionatos do mundo... Non obstante, non goza do mesmo recoñecemento e seguimento nos medios de comunicación. Como vive esta situación?

Coñécese de antemán. O deporte minoritario, adaptado ou non, carece de interese. Salvo uns poucos deportes e outros poucos deportistas, os atletas, teñamos ou non unha discapacidade, sabemos que isto é unha afección que poucas veces se converte nunha profesión. E non ten por que cambiar. Ó final trátase de desenvolver un labor que te volve mellor persoa, que te enriquece e fai madurar. Así que non importa tanto que o deportista se vexa recompensado coa fama. Pero si me gustaría que cambiase o concepto que a sociedade ten do deporte adaptado, porque, coas súas características propias, tamén é un espectáculo, realizado por homes e mulleres que buscan metas e que lle ofrecen o seu esforzo ó público.

Un público moi minoritario.

Ó primeiro, a xente que vai ver deporte adaptado faino como unha acción solidaria, pero iso supérase e descóbrese que pode ser moi divertido seguir a un equipo ou a un deportista. Iso si, cómpre ter moito interese, porque, salvo en contadas ocasións, os medios de comunicación ignórannos. De todos os xeitos, isto tennos que motivar a loitar máis. Non podemos agardar a que os demais recoñezan o noso mérito, hai que superar ese complexo de que nos teñen que axudar, temos que buscar esa axuda. Somos deportistas, xente afeita a superar obstáculos e non podemos pretender que a sociedade nos coñeza e nos valore se o sector concreto non se move e reivindica o seu espazo.

Cal é a lembranza deportiva que garda con máis cariño?

(Toma un tempo antes de responder) O Campionato de España de Plasencia, no 94. Nel convertinme en campión e pulvericei marcas mundiais. Foi o comezo da miña paixón pola natación, e o intre en que vin que podía intentar facer algo no deporte.

Pero vostede participou en dúas citas olímpicas, Barcelona 92 e Atlanta 96.

Dúas experiencias moi diferentes. Barcelona foi a miña primeira competición internacional, á que cheguei un pouco por casualidade. Paseino de marabilla. Gañamos medalla en relevos e houbo moito tempo para a diversión e para as amizades. En Atlanta, aínda que levou a sona de mala organización, afanáronse nos xogos paraolímpicos. Para min foi unha cita moi importante, aínda que se cadra non a vivín coa ledicia de Barcelona porque daquela xa era campión do mundo e quería ser campión olímpico. Foron días de moita concentración e de adestramentos con moito compromiso. Cheguei, é certo, cun alto nivel físico, ata o punto de que os técnicos, días antes de partir ós Estados Unidos, estaban asustados porque igual de malo é non chegar ca pasarse.

...?

Se te pasas de forza non rendes. Hai que buscar un equilibrio mental e físico. Non me refiro tanto a dosificarte, algo que nunca dei feito. É unha cuestión de estar concentrado e seguro da túa capacidade. Iso si que o logrei, e así acadei a marca mundial e olímpica.

Que mentalidade cómpre ter para converterse nun atleta?

Para poderte dedicar de modo profesional ó deporte, aínda que no noso caso dicir profesionalmente é moito dicir, amais de querer facelo, cómpre ter as calidades adecuadas. Tamén é preciso que alguén chas recoñeza para que te impulse a seguir ese camiño. A partir de aí, coma na vida, debes ter claro que queres facer iso, ser moi constante e pórte metas. Despois, hai que ser consecuente con elas e chegar ata o final.

A moitas persoas impresiónalles ver atletas con minusvalías, algunhas moi evidentes.

Está claro que unha persoa con discapacidade non é un Adonis, non cumpre as regras de beleza gregas, pero as máis das persoas tampouco as cumpren. E que non sexamos perfectos non significa que non teñamos unha alta calidade como deportistas.

Como cambia a vida cando se coloca a derradeira medalla na vitrina?

No meu caso teño que agradecer que cando decidín deixar a competición se me facilitou un retiro moi digno. A Federación Española de Deportistas con Parálise Cerebral designoume representante dos deportistas. O meu cometido era xuntarme con eles e coñecer as súas demandas para transmitirlles as súas necesidades ás altas instancias.

Pero abandonou o cargo. Non lle atraía seguir vinculado a ese mundo?

Deixeino porque precisaba desconectar e pensar sobre que quería facer coa miña vida. Tiña que buscar o meu lugar e sabía que do deporte non podía vivir. Ademais, tiña outras metas que cumprir. A primeira era estudar, acadar unha formación específica. Por iso estou sacando o título de Técnico en Integración Social, que me permitirá levar adiante o meu proxecto profesional, e non só no mundo da discapacidade, ó que me sinto moi ligado. Os campos que se me abren desde a miña profesión son moi amplos, os sectores ós que podo dirixir os meus coñecementos alcanzan a grupos de risco da sociedade que precisan un apoio de xente especializada: vellos, adolescentes, mulleres..., non necesariamente persoas discapacitadas.

Un mundo con moitas barreiras. Como se enfronta a elas?

Se nos referimos ás arquitectónicas, chegamos a un estado absurdo. As leis marcan como deben ser as cousas, pero os lexisladores non fan cumprir aquilo que promulgan. Acometer as obras necesarias non prexudica a ninguén e beneficia a moitas persoas. Pero se estas barreiras son boas de quitar e non se fai, un pode imaxinar o duro que pode resultar a eliminación das outras barreiras, as que non se ven pero que lles impiden ás persoas con discapacidade sentirse integrantes de pleno dereito nesta sociedade.

A que se refire, exactamente?

  Os centros de Educación Especial ou os centros especiais de emprego teñen que existir, pero non deben limitar outras accións políticas. Grazas a eles persoas preparadas pero con discapacidade poden desenvolver unha actividade laboral, pero non son abondos. Ademais, tampouco deberían ser o final do camiño, pois, senón, non son máis ca unha escusa para non promover outras medidas que ofrecen outras saídas. É como se se cumprise o expediente. Agora ben, se a sociedade se conforma co que hai, ata se se mellora, é que só contempla o problema e só busca unha solución para ese problema. Unha persoa acode a un centro especial porque vive unha situación especial e en desvantaxe. De acordo. Pero esa persoa, amais de ser un discapacitado, é algo máis, e as súas necesidades son moito máis amplas, non só as que xera a súa discapacidade. Se non contemplamos a persoa de maneira integral, o que se lle transmite a ela mesma e á súa familia é que é un discapacitado agora e que o vai ser sempre. Esta condición interiorízase e dificulta aínda máis a posibilidade de romper esta dinámica e enfrontarse á sociedade. Por iso, é precisa moita fortaleza, e fortaleza traballada. Non serve ser moi valente e aturar os estoques como se non se sufrisen, porque ó final pasan factura.

Pero as medidas concretas son necesarias

Estou de acordo, pero non son as únicas válidas. Son consciente de que vou ter que demostrar a miña valía coma calquera, pero tamén quero que as dificultades sexan as mesmas. Non poden limitar as miñas metas. Poreilles o límite eu, non os demais. A min tocoume vivir experiencias desagradables, pero axudáronme a madurar. Quen non sufriu desgustos no seu posto de traballo ou tivo que tomar unha decisión difícil? Pero igual que non quero que me protexan diso porque sufro parálise cerebral, non quero que esta sexa unha escusa para impedir que me mova polo mundo. Hai que posibilitar que as persoas normalicen a súa vida.

Seguro que temos lectores e lectoras que están pensando en se facer atletas, ou polo menos en practicar deporte. Que lles aconsella?

O principal é que sexa cada un quen decida, tanto que deporte lle gusta como ata onde quere chegar. En ocasións, fan o que queren os pais, que coas súas mellores intencións proxectan nos seus fillos e fillas os seus propios desexos, e para un neno o que pensa o seu pai ou a súa nai é moi importante e non os quererá defraudar. Unha vez elixido, é bo deixarse aconsellar por alguén que poida validar as túas capacidades, para ser realista nos soños. A min apoiáronme meus pais e alentáronme os meus adestradores, e estou moi orgulloso dos meus éxitos.

Que lle suxire que Xavi Torres, outro gran deportista adaptado, sexa embaixador de Madrid 2012?

Xavi Torres é un exemplo, e por moitas razóns. Amais de ser un gran deportista que leva no cume moitos anos, fai aquilo que sinalaba antes: rompe a barreira do prexuízo e véndese como un deportista que logrou fazañas. Non só no ámbito da discapacidade.

Cando se publique esta entrevista aínda faltará un mes para saber se Madrid é ou non cidade olímpica. Como campión olímpico, atrévese a facer unha aposta?

A min non me gusta ningunha das candidaturas. Coido que a organización das Olimpíadas debería estar contemplada doutro xeito. O espírito olímpico debería ser o motor para que cidades con poucos recursos se dotasen de infraestruturas deportivas de alto nivel, ó tempo que se melloraran as estradas e a organización enriquecese a cidade ou o país. Que non se me entenda mal, se é Madrid antes ca Londres, pois ben, é máis, así terei máis oportunidades de velas, pero eu cambiaría o xeito de elixir a sede.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto