Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Penso para cans: Por que uns custan cinco veces máis?

Desde unha perspectiva nutricional todos cumpren satisfactoriamente coa súa función

  Analizáronse oito mostras de comida para cans que custaban desde pouco máis dun euro o quilo (Friskies, Bon Menú e Brekkies) ata case cinco euros por quilo (Royal Canin). Neste comparativo tivéronse en conta unicamente as análises efectuadas polo laboratorio e a información das etiquetas. O penso máis barato, Bon Menú, é a mellor relación calidade-prezo, xa que (salvo nun aminoácido esencial, lisina, no que ningún alcanza a cantidade aconsellada) cobre as recomendacións nutricionais dun can adulto. Non se compararon as características organolépticas (sabor, cheiro, textura...) nin se realizou unha cata con cans e, polo tanto, non se pode establecer a capacidade que cada penso ten para agradar ó can, pero todos cumpren satisfactoriamente coa función nutritiva que teñen encomendada.

Cada vez é menos habitual alimentar os cans con comida caseira. A maioría dos donos optan por preparados que cubran por si sós as necesidades nutricionais dos cans dun xeito san e equilibrado. Os oito analizados son preparados secos, máis calóricos e proteicos cós húmidos (cun 75% de auga), polo que a cantidade cotiá destes pensos que precisa un can é inferior que se se tratase de húmidos, amais de que son máis económicos e de que se poden almacenar en grandes cantidades. A dureza dos pensos axuda a manter fortes os dentes e as enxivas sas previndo a formación de sarrio. Iso si, a maioría dos cans prefiren os húmidos porque resultan máis doados de mastigar.

Recomendacións para cada animal

Cada can, pola súa idade, peso, raza, actividade física ou características especiais (por exemplo, se acaba de ter cachorros) precisa unha achega nutricional específica. Neste test analizáronse pensos con polo ou ave, para cans adultos de raza mediana cunha actividade física moderada. Determinouse no laboratorio o contido nutricional de cada composto, e, posteriormente, comparouse co que afirmaban nas súas etiquetas, co que establece a norma para pensos e, para rematar, co que -sen ser lei- se emprega como referencia do penso ideal. A mostra máis seca é Ultima (só o 6% de humidade), e a de maior contido en auga foi Friskies 9%. A composición de nutrientes, nesta análise, calculouse sobre alimento seco, é dicir, o que queda do produto tras eliminar toda a auga. Os hidratos de carbono son o nutriente principal en todos os casos: Advance foi o de contido máis discreto, co 42% e Science Plan o que máis hidratos incluíu, co 54%. Estes hidratos de carbono proceden, principalmente, dos cereais (arroz, trigo, cebada...) e vexetais (millo e soia) engadidos. A AAFCO non sinala cantidade idónea para este macro-nutriente.

No tocante á graxa, a proporción recomendada é dun 5%; agora ben, todas as mostras superaron amplamente este valor: desde o 11,5% de graxa de Friskies e Bon Menú ata o 19,4% de Advance (catro veces máis do recomendado). O menos calórico é Friskies, con 331 calorías cada cen gramos, e os máis enerxéticos, Advance e Ultima, ó andaren arredor das 386 calorías cada cen gramos. Esta (importante) achega calórica, unida á gran cantidade de proteína e graxa que conteñen os pensos, leva a que se desaconselle darlles ós animais unha cantidade de comida superior á que indican as súas etiquetas. O risco é que as mascotas se tornen obesas.

A fibra non é esencial en cans, pero un contido que non supere o 5% resulta axeitado para controlar enfermidades como a diarrea, a colite ou a diabetes. Os de menor cantidade de fibra son Advance (1,9%), Ultima e Royal Canin (ambos, 2%) e o de maior é Friskies, cun 3,5%.

Vitaminas e minerais

Todos os pensos estudados indican o seu contido en tres minerais esenciais: calcio, fósforo e cobre. Royal Canin é o que maior proporción destes micro-nutrientes di ter, ó incluír tamén sodio, magnesio, manganeso, cinc, ferro e selenio. Science Plan afirma incorporar sodio e selenio; e Ultima, só selenio. As mostras estudadas cobren as cantidades de minerais recomendadas por AAFCO, agás en potasio, xa que Royal Canin (o máis caro) e Brekkies Excel non chegaron ó mínimo. Os oito declaran vitaminas A, E e D. Ademais, Science Plan, Ultima e Friskies din achegar vitamina C, e Royal Canin engade tamén vitamina B1. Science Plan non chegou ó mínimo recomendado de vitamina D. Entre as que mencionan vitamina C, Science Plan (72 mg/kg) e Royal Canin (74 mg/kg) foron as de contido máis discreto e Ultima e Friskies as máis (100 e 104 mg/kg, respectivamente) xenerosas nesta vitamina.

Proteína: cantidade e calidade

  A cantidade e calidade da proteína é un dos criterios esenciais nun penso. Este nutriente procede de tecidos animais e dos derivados dalgúns cereais e vexetais, xa que o can é un animal omnívoro, non carnívoro.

AAFCO, entidade estadounidense que marca as pautas do que debe ser un penso ideal, recomenda que as proteínas representen o 18% do produto, proporción que superan amplamente os oito pensos analizados. Isto non é necesariamente bo: o sedentarismo e a sobrealimentación das mascotas producen cans obesos, cos conseguintes problemas para a súa saúde. Friskies é a mostra con menos proteína (22%) e Advance a máis proteica (29%).

A calidade das proteínas (tanto ou máis importante cá cantidade) foi estudada polo laboratorio, que analizou a presenza de 9 dos 10 aminoácidos esenciais que determinan o 'valor biolóxico' das proteínas. Conclusión? Os pensos analizados incorporan 8 dos 9 aminoácidos esenciais estudados, agás a lisina, que non se atopou en cantidade abonda en ningunha das oito mostras. En resumo: a proteína utilizada nos oito pensos é dunha calidade aceptable e semellante.

Conclusións nutricionais

En resumo: os contidos de proteína, graxa e vitaminas das mostras máis baratas foron inferiores ás dos pensos máis caros, pero os oito superaron as recomendacións nutricionais dos expertos e, polo tanto, son de boa calidade. Ademais, un exceso de graxa ou proteína, lonxe de ser positivo, pode inducir á obesidade. No tocante ós aminoácidos esenciais, ningunha mostra chegou ó mínimo de lisina recomendado.

A norma que regula as características destes pensos non indica que cantidade de nutrientes mínima debe incorporar cada tipo de pensos, pero si establece o rango que debe existir entre o que din as súas etiquetas e a cantidade real de humidade, proteína, graxa, cinzas e fibra. As comidas para cans analizadas cumpren con esta norma, pero, se se investigan outros nutrientes non regulados pola lei, o resultado non é tan positivo: Eukanuba, Advance e Friskies son os únicos que ofrecen o contido de nutrientes mencionado nas súas etiquetas (nalgúns casos mesmo ofrecen máis). O resto tivo desviacións de polo menos o 30% nalgún dos elementos mencionados na etiqueta.

Science Plan tivo un 50% menos de vitamina D cá indicada, Ultima e Royal Canin por riba do 60% menos de vitamina C, Bon Menú ofrece un 40% menos de vitamina A e un 30% menos de vitamina D, e en Brekkies Excel a cantidade real de vitamina A é un 45% menos do declarado na súa etiqueta.

Transxénicos

Os pensos para cans son susceptibles de incorporaren transxénicos, xa que é habitual que se empreguen millo e soia (produtos con equivalentes transxénicos aprobados). A norma establece que os transxénicos deben declararse se superan o 0,9% do contido do ingrediente en cuestión. En dous dos oito pensos a análise deu positivo e en ningún se informaba diso: en Science Plan o escaso contido de soia transxénica (0,6% do total de soia) permite que non se indique na etiqueta.

Pero na mostra de Brekkies Excel a cantidade de soia transxénica foi do 19%, vinte veces máis do autorizado se non se informa desta presencia. Este fabricante entregoulle a CONSUMER EROSKI documentos que avalan que merca só soia certificada como "non transxénica" (coñécese como de "identidade preservada"), polo que a presenza deste transxénico deberíase ó seu provedor de soia.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto