Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Pan de molde: Algo máis graxos, pero non máis calóricos có pan común

As dúas mostras dunha determinada marca eran as de mellor composición

  CONSUMER EROSKI analizou catro mostras de pan de molde branco e outras catro de pan de molde integral de Bimbo, Panrico, La Bella Easo e Brook's en envases desde 475 ata 600 gramos. Os brancos máis caros foron Brook's (3,22 euros o quilo) e os máis baratos, Panrico (2,40 euros o quilo); os integrais custaban desde 2,64 ata 3,22 euros o quilo. Os pans de molde teñen máis graxa có pan común, pero non proporcionan máis calorías, e as súas vantaxes principais son que resultan máis doados de mastigar e que o seu período de conservación é moi superior ó do pan común.

As materias primas do pan común son fariña de trigo, sal, lévedo e auga potable, e pódense engadir aditivos e coadxuvantes tecnolóxicos que non afectan ó valor nutritivo do pan. O de molde pertence á categoría de pans especiais e emprega, ademais, fariña enriquecida e ingredientes como glute de trigo, salvado, lácteos (leite, leite condensado, en po, total ou parcialmente desnatado, soro en po, lactosoro...), ovos, fariña de leguminosas ou de malta, extracto de malta, azucre e mel, graxas vexetais, cereais, especias e condimentos.

O que di a análise

As dúas mostras (pan branco e integral) de Brook's e La Bella Easo ofrecen menos rebandas por envase ca Panrico e Bimbo: 14 unidades fronte ás 22 das outras dúas marcas, se ben nas dúas primeiras cada rebanda pesa preto de 40 gramos mentres que as de Panrico e Bimbo pesan uns 25 gramos.

A humidade é o único parámetro lexislado especificamente para o pan de molde: non pode superar o 40% nos brancos e o 42% nos integrais. Todo ben: ningunha mostra superou os límites.

Doutra banda, o nutriente fundamental do pan de molde son os hidratos de carbono, e dentro destes o amidón. No branco representan entre o 45% e o 48% e no integral arredor do 40%. Amais do amidón (hidrato de carbono complexo) que procede das fariñas, conteñen azucre (hidrato sinxelo), engadido na elaboración. Se obviamos a peculiaridade dos dous pans de Bimbo (con menos azucre, arredor do 3% nos dous), os brancos teñen máis azucre (máis do 7%) cós integrais (entre o 4% e o 6,5%).

Estes pans de molde proporcionan tamén proteínas (entre o 7% e o 10%) de calidade só intermedia, xa que carecen de lisina, aminoácido esencial. O de molde achega máis graxa có pan común: os valores de graxa máis habituais (a excepción, Bimbo, con só o 2,3%) foron arredor do 5%, mentres que o pan común ten só o 1,5% de graxa.

Máis sobre a graxa do pan de molde

Só as dúas mostras de Bimbo empregan aceite de oliva, o resto emprega aceite vexetal sen especificar a súa orixe. Brook's e La Bella Easo recoñecen que o seu aceite foi hidroxenado ou parcialmente hidroxenado, co que a saturación da graxa é maior. Importa tanto a cantidade de graxa do alimento coma o seu perfil lipídico, ou relación entre ácidos graxos saturados e insaturados: canto maior sexa a proporción de saturados, o perfil lipídico é menos saudable. As graxas insaturadas axudan a reducir os niveis de colesterol en sangue e a facer o sangue máis fluído, evitando así a formación de trombos, de aí que sexan consideradas graxas aliadas do corazón e dos vasos sanguíneos. Pola contra, as graxas trans, que aparecen durante a hidroxenación de aceites vexetais, compórtanse de xeito semellante á graxa saturada: consumidas a miúdo aumentan os niveis de colesterol en sangue e prexudican a nosa saúde. As dúas mostras de Bimbo (branco e integral) non só teñen a metade de graxa cás demais mostras senón que tamén figuran entre as que teñen graxa máis saudable: só un 25% e un 21,6% de graxa saturada, respectivamente, mentres que no resto de pans de molde brancos as saturadas supoñen a metade da graxa e nos integrais de La Bella Easo e Brook's andan tamén arredor do 50%, ó tempo que Panrico queda nun eloxiable 17% de saturados.  

Calorías e fibra

O valor enerxético do pan de molde é semellante ó do pan común, e será maior segundo se lle engada azucre, aceite, graxa, leite, manteiga e outros ingredientes, o que xa fan algúns fabricantes en pans de molde especiais, distintos dos aquí estudados. O pan común proporciona de media 250 calorías cada cen gramos, arredor de 20 calorías menos có de molde branco, mentres que o de molde integral achega de media 238 calorías. As mostras de pan de molde branco foron sempre máis calóricas cás integrais da súa marca, pero o branco de Bimbo resultou menos calórico cós integrais das outras marcas. O máis enerxético en ambos os dous tipos de pan de molde foi Brook's: 272 calorías cada cen gramos no "branco" e 250 no integral.

A fibra alimentaria, que favorece a motilidade intestinal ó non ser dixerida polo noso aparello dixestivo, ten un consumo recomendado de 25-30 gramos ó día. Os pans de molde están elaborados con fariña de trigo, pero na elaboración do pan branco elimínanselle ó gran a casca e o xerme, que conteñen a maior parte da fibra. No integral, pola contra, emprégase o gran de trigo enteiro moído.

O laboratorio determinou a fibra nestes pans de molde. Nos "brancos" foi desde o 4,1% de La Bella Easo ata o 5,5% de Bimbo e nos integrais, como era previsible, o contido de fibra foi maior: preto do 8% en Brook's e La Bella Easo e o 8,5% en Panrico e Bimbo. Catro rebandas do integral de Brook's e La Bella Easo proporcionan 13 gramos de fibra, mentres que nas de Bimbo e Panrico, máis pequenas, con catro rebandas conséguense 9 gramos de fibra.

Os contidos en sal variaron desde os 500 mg/kg do branco de La Bella Easo ata os 710 mg/100 g do integral de Panrico; esta última cantidade de sal considerouse elevada. Doutra banda, os dous pans de Brook's declaran vitamina B12, da que se cuantificaron en laboratorio 0,68 µmg/100 g no branco e 0,94 µmg/100 g no integral, cantidades relevantes (a recomendada cada día para un adulto é de 1 µmg) e catro veces maiores do anunciado na súa etiqueta.

Para rematar, o pan de molde branco Panrico declara e contén proteínas lácteas (outros declárana pero non se lles detectou), o que debe ter en conta quen amose intolerancia ó leite. E quen sufra enfermidade celíaca (intolerancia ó glute, proteína do trigo, centeo, cebada, avena e triticale, híbrido de trigo e centeo), tampouco pode consumir pan de molde, non sendo o elaborado con fariña de millo ou arroz, ou con cereais exentos de glute.

Etiquetaxe e envase

As únicas irregularidades das etiquetas destes pans de molde (que contiñan toda a información obrigatoria) víronse nas lendas nutricionais.

A máis evidente é que as dúas mostras de Bimbo declaran ser "99% libre de graxa", cando o laboratorio determinou que ambas as dúas (as menos graxas da análise, tamén cómpre dicilo) conteñen o 2,3% de graxa.

Doutra banda, non parece necesario anunciar "Sen colesterol", lenda destacada en todas as mostras agás nas de La Bella Easo, cando ningún pan de molde destas características contén colesterol, só presente nas graxas de orixe animal. Ademais, confúndese ós consumidores: os pans de molde conteñen graxas saturadas, aínda que en baixa cantidade, ás que se adxudica responsabilidade directa no aumento do colesterol sanguíneo.

Para rematar, obrígase ós alimentos que anuncian propiedades nutricionais, como "Sen colesterol", "99% libre de graxa" ou "Con fibra" (fano seis destas oito mostras) a incluír información nutricional. Pois ben, nos oito etiquetados facilítase esta información tan útil para os consumidores.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto