Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Enerxía das ondas e das mareas: A forza do mar

Os avances tecnolóxicos ábrenlle a porta a unha enerxía lastrada polo seu alto custo

  Pode que algunha vez pensara, ó se atopar na praia ou nun barco e sentir o forte empuxe das ondas ou das mareas, se se podería aproveitar toda esa forza para producir electricidade, do mesmo xeito que o facemos con outros elementos da natureza. O certo é que a idea non é nova: a primeira patente de enerxía das ondas realizouse en Francia en 1799, pero non foi ata comezos dos anos 70 do pasado século cando xurdiron proxectos financiados por empresas e gobernos como os de Xapón e o Reino Unido. Así e todo, o lento desenvolvemento da tecnoloxía e o seu enorme custo foron paralizando uns proxectos que rexurdiron nos últimos cinco anos. Cada vez máis gobernos e empresas invisten neste tipo de enerxía, concienciados de que as enerxías renovables poden ser de grande axuda para evitar os problemas de contaminación e escaseza de recursos enerxéticos, e apoiados polos avances tecnolóxicos.

Métodos diversos

Países como a India, China, Xapón ou Estados Unidos están desenvolvendo diversos sistemas e plantas de produción enerxética. A Unión Europea, onde o océano Atlántico, o mar do Norte e as augas que bañan os países escandinavos posúen unhas condicións idóneas, está tamén liderando este tipo de proxectos. De feito, a illa escocesa de Islay conta coa primeira turbina europea que traballa co movemento das ondas, que xera enerxía para unhas 400 casas.

Energía del mar:

 Ver infografía

Na actualidade, existen unha ducia de métodos que obteñen electricidade do movemento das ondadas, en diferentes graos de desenvolvemento, e sen que exista a seguridade de cal pode ser o definitivo. Basicamente, divídense en dous tipos. Dunha banda, aqueles que aproveitan o movemento horizontal das ondas e que se valen do mesmo principio das centrais hidráulicas: canalizan as ondas mediante estruturas de tubos que conducen a auga ata un depósito situado en terra, desde o que se alimenta un sistema de turbinas que xera a forza eléctrica. Doutra banda, aqueles métodos que se basean nas oscilacións verticais das ondas.

Con respecto á enerxía das mareas, esta transfórmase en electricidade nas denominadas centrais mareomotrices, que funcionan como un encoro tradicional de río. O depósito énchese coa marea e a auga retense ata a baixamar para ser liberada despois a través dunha rede de condutos estreitos, que aumentan a presión ata as turbinas que xeran a electricidade. Non obstante, as súas altas custas de mantemento frean a súa proliferación.

Caso español

No tocante a España, estanse desenvolvendo en Cantabria e no País Vasco proxectos de centrais piloto que utilizarán a forza das ondas en Santoña e en Mutriku.

No primeiro caso, os seus responsables confían en que estará lista para mediados deste ano. A idea é utilizar esta experiencia para instalar máis centrais eléctricas deste tipo en distintos puntos do Cantábrico. O seu funcionamento baséase no aproveitamento da enerxía da oscilación vertical das ondas a través dunhas boias eléctricas que se elevan e descenden sobre unha estrutura semellante a un pistón, na que se instala unha bomba hidráulica. A auga entra e sae da bomba co movemento e impulsa un xerador que produce a electricidade. A corrente transmítese a terra a través dun cable submarino. A planta de Santoña, que conta cun orzamento de partida de 2,66 millóns de euros, atoparase a unha milla mariña (algo máis dun quilómetro) da costa. Contará cunha rede de dez boias distribuídas en 2000 metros cadrados e proporcionará electricidade para 1500 fogares da localidade cántabra. Segundo os seus promotores, as principais vantaxes deste sistema son a súa seguridade, ó se atopar somerxido, a súa maior duración e un impacto ambiental mínimo.

Pola súa banda, a planta do porto de Mutriku (Guipúscoa) empregará a tecnoloxía denominada "columna de auga oscilante", que só existe en Escocia e nas illas Azores, aínda que na de Guipúscoa vai funcionar con máis dunha turbina, 16 en concreto, para mellorar a integración da planta no dique. O sistema funciona do seguinte xeito: cando a onda chega ó dique, a auga ascende polo interior dunhas cámaras, comprimindo o aire que hai no interior e expulsándoo a través dunha pequena apertura superior. Isto fai que o aire comprimido saia a gran velocidade, provocando o xiro das turbinas, e os seus xeradores producirán a enerxía eléctrica. As obras comezarán a vindeira primavera e prevese que culminen no 2007. A planta localizarase na zona exterior do novo dique de abeiro que se vai construír en Mutriku e que vai ocupar 75 metros de lonxitude, o que non suporá impacto ambiental nin paisaxístico ningún e xerará enerxía de xeito continuado para máis de 240 familias. A planta tamén converterá a auga do mar en apta para o consumo.

Obstáculos para a súa expansión

Malia estes esperanzadores proxectos, a enerxía procedente do mar está lonxe de ser unha realidade xeneralizada. A rede WaveNet, creada pola Comisión Europea no ano 2000 e composta por académicos, industrias e centros de investigación de varios países europeos, publicaba un estudo no que explicaba que o descoñecemento dos cidadáns é unha das pexas que impide o seu desenvolvemento. Ademais, o informe detallaba tamén algunhas consecuencias negativas que se poderían orixinar na produción enerxética deste tipo, como o ruído, o risco de colisión con barcos, o impacto visual e posibles cambios na estrutura dos sedimentos da auga. Por iso, salientaba a necesidade de continuar as investigacións neste ámbito para lograr que estas tecnoloxías resulten máis competitivas.

O mar, fonte inesgotable de enerxía

Aínda que se chama "Terra", o noso planeta está cuberto por un 75 por cento de auga. As mareas están causadas polo xogo de atraccións gravitacionais entre a Terra, a Lúa e o Sol, mentres que as ondas se orixinan pola forza do vento. Para extraer enerxía do mar existen diferentes procedementos. Amais da enerxía das ondas e das mareas, que son as principais, tamén se pode aproveitar a enerxía térmica oceánica e a enerxía das correntes, que contan con desenvolvementos tecnolóxicos para o seu aproveitamento en diferentes graos de madurez.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto