Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Fillos e fillas nas familias homoparentais: Un novo modelo de familia

O debate céntrase en se o desenvolvemento dos nenos que medran en familias con proxenitores homosexuais é o axeitado

  O sentido de familia e a súa consideración como institución básica da sociedade segue vixente, pero modificáronse as súas estruturas e diversificáronse os modos de convivencia, o que deu lugar a novos modelos. Do mesmo xeito que se deixou atrás a estrutura que acollía baixo o mesmo teito a avós, nai, pai e fillos, e mesmo a irmáns ou tíos solteiros, a familia tradicional formada por pai, nai e fillos perdeu a súa hexemonía absoluta e comparte agora a organización dos núcleos familiares con outras fórmulas: fogares dunha soa persoa, dun proxenitor con fillos, de parellas sen fillos ou con fillos non irmáns...

Duns tempo para aquí foise asumindo a existencia das familias nas que os dous membros da parella son homosexuais, pero aínda non gozan do recoñecemento social e en ocasións suscitan receos, iso cando non se atopan con fobias e marxinación. O feito de que comecen a ser visibles formúlalle preguntas a unha sociedade que se ve obrigada a atopar respostas.

Que din as investigacións

O que parece inquietar máis á sociedade con respecto a este novo modelo de familia non é a súa propia existencia ou a súa crecente visibilidade social, senón a incidencia que este formato familiar poida ter nos fillos e fillas que medran nel, é dicir, no seu desenvolvemento como persoas, e se este modelo incide negativamente ou non o fai na psique dos cativos. Por iso, diversas entidades, entre outras algunhas dedicadas á protección da infancia, cuestionan a idoneidade destas familias para proporcionar un marco adecuado de educación, desenvolvemento e modelo de identidade dos nenos e nenas que medran nelas. Os interrogantes sobre o desenvolvemento infantil e adolescente cando se medra nunha familia homoparental foron despexados en varios estudos realizados en diversos países, principalmente nos Estados Unidos e no Reino Unido. A maioría deles concluíron que:

  • Os rapaces e rapazas de familias homoparentais non difiren dos criados con proxenitores heterosexuais en ningunha área do desenvolvemento intelectual ou da personalidade (autoestima, axuste persoal, manexo do control, desenvolvemento moral, etc.).
  • Tampouco difiren en identidade sexual, identidade de xénero ou orientación sexual.
  • Manteñen relacións normais cos seus compañeiros e son tan populares entre eles coma os fillos ou fillas de proxenitores heterosexuais.
  • Cando aparece algunha diferenza entre mozos e mozas de ambos os dous tipos de familia, estas son favorables ós rapaces e rapazas de familias homoparentais, máis flexibles e dispostos a aceptar a diversidade cós das familias heterosexuais.

Así e todo, cumpría saber que acontecía en España: se podiamos falar dos mesmos resultados, tendo en conta que o que se estudara eran sociedades anglosaxonas que integraron e aceptaron a homosexualidade en maior medida ca nós.

E en España?

  Desde organismos privados, plataformas e institucións como o Colexio Oficial de Psicólogos de Madrid e o departamento de Psicoloxía da Universidade de Sevilla levouse a cabo un estudo que tratou de responder a pregunta clave: como é o desenvolvemento e axuste psicolóxico dos mozos e mozas que viven con nais lesbianas ou pais gays? Fixéronselles avaliacións a mozos e mozas que viviran nese núcleo familiar e tamén ós seus compañeiros e compañeiras, fillos de proxenitores heterosexuais. Velaquí os resultados obtidos, atendendo ás diferentes áreas estudadas:

COMPETENCIA ACADÉMICA: Os datos foron proporcionados polo seu profesorado, como coñecedor desta materia específica. Non se atoparon diferenzas significativas entre os grupos estudados.

COMPETENCIA SOCIAL: A media obtida no tocante ás habilidades sociais de mozos e mozas de familias homoparentais sitúaos nos niveis medios no baremo da escala. De novo, ó igual ca no apartado anterior, as diferenzas non son significativas.

IDEAS CON RESPECTO Á DIVERSIDADE SOCIAL: Non houbo diferenzas coas puntuacións medias totais obtidas nos outros grupos estudados. Así e todo, as análises das distintas subescalas que compuñan a escala total, amosaban sen lugar a dúbidas que os rapaces e rapazas de familias homoparentais obtiñan medias máis altas de aceptación da diversidade de orientación sexual e de aceptación da homosexualidade, aínda que non diferían na súa visión dos xéneros.

AUTOESTIMA: Os valores indicativos dos fillos e fillas de proxenitores homosexuais estaban situados nun lado máis positivo e en niveis máis altos, por riba de mozos e mozas do grupo de familias heterosexuais.

ROLES DE XÉNERO: No tocante ó seu coñecemento do que esta sociedade considera máis apropiado de homes ou mulleres, é dicir, dos roles de xénero, non hai diferenzas entre os dous grupos, nin tampouco no tocante ás súas preferencias por xogos ou actividades profesionais para o futuro. Si apareceron diferenzas significativas no concernente á súa flexibilidade na consideración de que determinados obxectos poden ser usados tanto por homes coma por mulleres. Dos datos despréndese que os fillos e fillas de parellas homoparentais parecen ser menos estereotipados, máis flexibles na súa consideración do que é apropiado para homes ou para mulleres.

AXUSTE EMOCIONAL E COMPORTAMENTAL: As avaliacións efectuadas a fillos e fillas de familias homoparentais revelan que non teñen especiais problemas de axuste emocional ou de comportamento. As comparacións cos outros grupos-control evidenciaron que non se rexistraban diferenzas estatisticamente significativas entre os distintos grupos analizados.

ACEPTACIÓN SOCIAL E INTEGRACIÓN: Os mozos e mozas da mostra de familias homoparentais recibiron por parte dos seus compañeiros unha cualificación media, que, máis en concreto, os sitúa lixeiramente por riba da media en aceptación. Tampouco se anotaron diferenzas significativas na aceptación por parte dos seus compañeiros de clase, nin respecto a se contaban con amizades dentro e fóra da súa clase, nin sequera no grao de satisfacción que xeraban nos seus amigos e amigas.

Aténdonos ós resultados obtidos neste estudo, elaborado cunha mostra de familias homoparentais residentes en Madrid e en Andalucía, pódese concluír que non existen diferenzas salientables cos resultados que depararon estudos semellantes realizados en países anglosaxóns como EE.UU ou o Reino Unido.

Pódese deducir destes estudos que o desenvolvemento psicolóxico infantil e adolescente dentro de familias homoparentais non só non presenta estatisticamente problemas a nivel intelectual, emocional ou de relación, senón que se mantén en parámetros semellantes ós fillos e fillas de familias convencionais, e que mesmo presenta unha maior tolerancia e flexibilidade no tocante á aceptación da diversidade social.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto