Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Espremedores eléctricos: Sinxelos e eficaces

A capacidade para prensar e filtrar a polpa é, xunto ó prezo, o que máis os diferencia

  Analizáronse oito espremedores eléctricos para cítricos que custan desde os 17,22 euros de Ufesa 'Citraris EX7233' ata os 25,37 euros de Taurus 'Turbo Centrifugo 6'. A mellor relación calidade-prezo é Philips 'Cucina HR 2744', que custa 19,55 euros, que ofrece moi boa calidade global e que é o mellor valorado na proba de uso. Outra opción interesante é Ufesa, o máis barato e con boa nota na proba, aínda que non incorpora sistema para eliminar a polpa, prestación esencial para algúns consumidores.

Os espremedores eléctricos permiten extraerlle o zume a cítricos como a laranxa, o limón ou o pomelo sen o esforzo que supón o espremedor manual. Non cómpre premer para acadar zume, abonda con colocar a peza de froita partida á metade sobre o cono e premer un chisco para que o mecanismo eléctrico vire e extraia o zume por fricción. Para comprobar as prestacións e a resistencia dos oito espremedores, CONSUMER EROSKI someteunos no laboratorio a varias probas.

Estes espremedores contan con tapa protectora, un recipiente extraíble no que se deposita o zume e un sistema recollecables que evita certas molestias á hora de gardalos. Ademais, todos os motores xiran en ambos os dous sentidos (un sistema coñecido como "dobre rotación"), o que axuda a extraer o zume da froita.

Diferencias de tamaño

É esencial que os electrodomésticos deste tipo ocupen pouco espazo. En liñas xerais, os oito son pequenos e lixeiros, pero hai diferenzas entre eles: o de tamaño máis reducido é Kenwood "Je270" (con 17,4x20x13,9 cm) e o máis voluminoso Braun "Citromatic MPZ9" (con 25,7x20,7x17,6 cm, é dicir, case o dobre). Os outros seis ocupan entre un 25% e un 50% máis ca Kenwood. No tocante ó seu peso, só Taurus superou o quilo (con 1.050 gramos), mentres que Ufesa, con 771 gramos, demostrou ser o máis lixeiro.

Segundo as etiquetas, a potencia destes espremedores varía desde os 20 vatios (W) de Braun ata os 30 W de Taurus e Tefal. Agora ben, o consumo real non sempre concorda co indicado: Tefal, Ufesa e Philips consumían menos do indicado (9 W, 6 W e 7 W, respectivamente), aínda que iso non o penaliza a norma. Os máis austeros nas súas necesidades enerxéticas foron Russell Hobbs "Classic citrus press" (17,3 W) e Philips (17,5 W), fronte a Taurus, que necesitaba case o dobre (31 W). Un cable longo ofrece maior liberdade para colocar o espremedor lonxe do enchufe. O máis extenso é o de Taurus, con 133 centímetros, seguido por Ufesa (128 cm) e Tefal (127 cm). O máis curto, pola contra, foi o de Moulinex, con apenas 94 centímetros. O resto roldaron os 110 centímetros.

Os recipientes onde se recolle o zume son extraíbles, polo que resultan máis cómodos para servir o zume e, posteriormente, lavalos. O de maior capacidade é o analizado de Braun (un litro), o dobre có peor neste apartado: Russell Hobbs.

O cono, fundamental

  Un dos criterios fundamentais de calidade para un espremedor eléctrico é o cono sobre o que se coloca a peza de froita partida. O tamaño e forma deste cono e a presión exercida incidirán directamente na cantidade obtida de zume. Tefal e Ufesa ofrecen dous conos intercambiables, de tamaños distintos (o resto só un), o que simplifica extraer o zume das froitas máis pequenas.

O sistema de presión da polpa consiste en dúas pequenas aletas pegadas ó cono que, cando este vira, estenden e apertan a polpa da froita para extraer dela o que quede de líquido (conseguindo tamén que parte desta polpa pase ó recipiente co zume). O mecanismo de Taurus chámase 'modo centrifugador' e é un pouco máis complexo: para polo en marcha hai que pechar o espremedor e apertar a súa tapa, co que se "centrifuga" a polpa sacando o zume que puidese reter. Kenwood é o único que non conta cun sistema para obter da polpa o zume que poida quedar nela.

Aínda que na polpa se atopa boa parte da fibra das laranxas, moitos consumidores prefiren tomar un zume o máis líquido posible. Braun, Russell Hobbs, Moulinex e Philips permiten seleccionar a cantidade de polpa presente na bebida. Entre estes catro, o fino baruto metálico de Moulinex resulta o máis efectivo para non deixar pasar a polpa. Tefal, un dos que non incorpora un mecanismo para evitar a presenza deste elemento, indica no seu manual que o cono de maior tamaño deixa pasar maior cantidade de polpa, polo que cumpriría este cometido de modo parcial. O filtro da polpa é de plástico en todos os casos, agás en Kenwood, que é de aceiro inoxidable. Os oito son tecnicamente semellantes, aínda que con algunha diferenza: Braun, Russell Hobbs, Moulinex e Philips son os máis completos, e Kenwood o máis pobre en funcións extra.

Proba de uso

Seis usuarios habituais probaron os espremedores para ver como se comportaban fóra do laboratorio e en condicións reais de uso. Para iso valoraron distintos aspectos, puntuando do 1 ó 10. Os deseños mellor valorados foron os de Braun e Ufesa, mentres que a asa de Kenwood foi considerada incómoda. Dentro dos aspectos funcionais os parámetros valorados foron a cantidade de polpa que deixan pasar, a facilidade de limpeza, a facilidade de uso e a facilidade de montaxe e desmontaxe. Para valorar a cantidade de polpa usáronse as opcións de que dispoñen os equipos para regular seu o paso, polo que os equipos que non dispuñan dalgún sistema selector obtiveron peor puntuación neste apartado. Ademais, verificouse a eficacia dos sistemas de selección de polpa ou os barutos, comprobándose que realizan de xeito moi eficaz a súa función, é dicir, que o zume obtido queda libre de polpa. As puntuacións medias obtidas nesta sección situáronse entre o "ben" e o "notable". Só Moulinex, Braun e Philips chegan ó notable en funcionalidade, os outro cinco quedáronse no ben. Os máis doados de limpar son Braun e Kenwood, mentres que Taurus demostrou ser o peor. O máis doado de usar é Philips e Kenwood é o que acada a peor puntuación neste apartado.

No tocante á calidade global, os espremedores son electrodomésticos extremadamente simples e de moi fácil manexo, polo que todos os analizados conseguiron aprobar folgadamente e sen moitas diferenzas entre si. Os mellores foron os estudados de Philips, Braun, Russell Hobbs e Moulinex (todos eles acadan un 'moi ben'), seguidos de Ufesa, Tefal e Taurus (que obteñen un 'ben'). Kenwood é o único que non supera o 'aceptable' por mor das súas moi pobres prestacións.

A información relativa á seguridade e os manuais eran correctos en todos os casos, pero non os documentos de garantía, incorrectos en Taurus e Kenwood por ofrecer un ano de garantía total no canto dos dous anos que establece a norma. Isto non obsta para que os consumidores poidan reclamar e, malia que os documentos de garantía sexan incorrectos, estean amparados por ese mínimo legal de dous anos. Ademais, dáse a circunstancia de que Kenwood incumpría a lei de garantías tamén por estar integramente redactada en inglés (debería estar redactado tamén, polo menos, en castelán) e por afirmar que a garantía só ten validez no Reino Unido.

Os espremedores sometéronse a probas de seguridade moi esixentes. Mediuse a súa resistencia á calor, ó lume, ás correntes eléctricas, ó bloqueo do motor e comprobouse que non fose posible acceder a partes perigosas cos dedos. Os oito superaron estas probas e despois seguiron funcionando con normalidade.

Almorzar laranxa

A laranxa e o seu zume son unha fonte excelente de vitamina C, flavonoides e betacaroteno, polo que esta froita está especialmente indicada para coidar a saúde cardiovascular. As substancias presentes na laranxa inhiben a oxidación do chamado "colesterol malo" (LDL-c), impiden que este se deposite nas paredes dos vasos sanguíneos e preveñen a arteroesclerose. Ademais, combaten a acción nociva dos radicais libres.

Unha laranxa mediana ou un vaso de zume cobren practicamente os 60 miligramos de vitamina C que unha persoa adulta precisa ó día. Hai que ter en conta que a algunhas persoas non lles senta ben tomar zume de laranxa en xexún, debido a que a laranxa, e especialmente o seu zume, poden provocar un baleiramento brusco da vesícula biliar que se acompaña de náuseas ou pesadez abdominal. Estas molestias non revisten gravidade e soluciónanse inxerindo antes outro alimento.

Se se ten anemia, a vitamina C do zume de cítricos fai que se duplique a biodispoñibilidade (porcentaxe que se absorbe) do ferro, polo que é recomendable beber o zume acompañando os alimentos ricos en ferro ou os suplementos deste mineral. Esta é a razón pola que se recomenda tamén acompañar con zume de laranxa as papas de cereais dos bebés.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto