Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Tarriños infantís, de froitas e con polo e arroz: Útiles e ben elaborados

Axudan a que os nenos descubran sabores e a que aprendan a mastigar e tragar. Son unha alternativa ós purés caseiros

  A alimentación no primeiro ano de vida é crucial no desenvolvemento do bebé, xa que o seu crecemento é máis rápido ca nunca e as necesidades nutritivas maiores. É nesta época cando os lactantes (menos de 12 meses) son máis inmaturos e vulnerables, polo que se torna fundamental asegurarlles unha alimentación adecuada que satisfaga as súas necesidades nutritivas, que preveña posibles patoloxías e que os axude a crear hábitos alimentarios saudables.

Distínguense tres etapas: durante o período lácteo (ata 4-6 meses), a alimentación baséase no leite, que pode ser materno (o máis recomendado), artificial (fórmulas de inicio) e mixto. No período de transición, destete ou Beikost (a partir dos 4-6 meses) débese aumentar tanto a enerxía achegada coma a cantidade de diversos nutrientes. Por iso se introducen alimentos semisólidos (purés caseiros e/ou envasados en tarros), aínda que se siga mantendo a lactación, que nesta fase é maiormente artificial (fórmulas de continuación). Vanse incorporando, ós poucos e de acordo co pediatra, alimentos non lácteos, preparados de xeito adecuado en consistencia e cantidade e adaptados á maduración e desenvolvemento do bebé. Deste xeito, os nenos e nenas aprenden a mastigar e tragar e proban novos sabores. No período de maduración dixestivaintroduciranse outros alimentos.

O leite non abonda

  O leite non proporciona a enerxía e nutrientes que precisa un bebé que xa cumpriu 4 ou 6 meses. As súas funcións dixestivas maduraron, polo que se debe incluír unha alimentación complementaria. Non se recomendan os novos alimentos antes, pero tampouco convén introducilos despois, porque a falta de diversificación é motivo de perda de apetito, e desaprovéitase unha época idónea para a educación do gusto e a adaptación progresiva a unha alimentación equilibrada.

Analizáronse dúas variedades de alimentos infantís envasados en tarros de cristal: catro de "froitas variadas" e outras tantas "con polo e arroz", de Hero, Hipp (declárase ecolóxico), Nestlé e Nutribén, que custaban desde 3,36 atas 7,82 euros o quilo. Aínda que o perfecto é seleccionar os ingredientes e preparar na casa purés con carne e papas de froitas, recorrer a estes tarriños é unha solución correcta, tal e como demostrou esta análise.

Etiquetaxe e envase

Amais das indicacións obrigatorias en calquera alimento envasado, as etiquetas dos tarriños de alimento infantil deben proporcionar información sobre: composición nutricional, instrucións de preparación, presenza ou ausencia de glute e idade mínima a partir da cal se deben consumir (mínimo: 4 meses). O estudo anotou só unha irregularidade: as dúas mostras de Hipp non amosaban denominación de venda, peso neto e data de consumo preferente no mesmo campo visual, polo que incumpren a norma.

Os oito envases teñen peche hermético: para abrilos, hai que premer o centro da tapa, destacado noutra cor. Se a tapa se move, ou se ó virala non soa "pop", non se debe consumir o alimento.

Que teñen os tarriños de froita?

Pola súa achega vitamínica, convén incluír froitas, ben sexa en zume, ben en puré, na dieta do lactante cando cumpre os catro ou cinco meses de idade. Pero as froitas non deben substituír unha toma de leite, xa que se lle debe asegurar ó bebé a achega suficiente de calcio e proteínas. Xa que logo, leite e froitas deben ser complementarias, non excluíntes. Importante: as froitas son doces por natureza, polo que non é necesario adozalas con azucre. Estes alimentos infantís envasados teñen en común o uso da laranxa ou da mazá, e, dependendo das mostras, pódense atopar outras como albaricoque, pexego, piña, plátano ou pera; Hipp engade cenoria. Outros ingredientes destes tarros de froitas son auga ou zume, espesantes como fariña e amidón, vitamina C e azucre (agás en Hipp). Segundo as etiquetas, a maior cantidade de froita ofrécea Nutribén (91% do produto) e a menor, Nestlé (66%). Hipp ten o 76% de froita e Hero o 85%. As calorías variaron desde as 55 cal/100 g de Hipp ata as 84 cal/100 g de Nestlé. O nutriente principal son os hidratos de carbono, que representan entre o 13 e o 20% do produto. Os hidratos de carbono compóñense basicamente de azucres simples como a frutosa (propio da froita) ou a sacarosa, se se engadiu azucre. Os hidratos de carbono complexos veñen representados polo amidón, engadido pola súa función espesante ou xelificante.

O contido en proteínas (0,5%) e graxas (0,1%) é irrelevante, pero non o é o de fibra (1%), beneficiosa para a regulación do tracto gastrointestinal. Os catro tarros de froitas conteñen vitamina C engadida; cun tarro de 250 gramos de calquera deles cóbrense sobradamente as necesidades cotiás do lactante para este nutriente.

E os de polo con arroz?

  Os ingredientes, segundo indican as súas etiquetas, son arroz, aceite de oliva (agás en Hero, que emprega xirasol), sal e, nalgunhas mostras, verduras. En Hipp (que se denomina "verduras e arroz con polo"), o ingrediente maioritario son as verduras. Nutribén é o único sen verdura e Nestlé o único que engade leite, que é o seu ingrediente maioritario. Nutribén e Hero empregan amidón como espesante. Cen gramos destes tarriños infantís de froita proporcionan entre 68 e 87 calorías, o que supón un cuarto das necesidades enerxéticas do neno. Os carbohidratos son tamén nestes tarriños o ingrediente maioritario, pero supoñen só entre o 7% e o 8%. Ademais, cen gramos achegan desde 0,5 gramos de fibra (Hero) ata 1,7 gramos (Nutribén). O maior contido en proteína atopouse en Nestlé (4,8%) e Nutribén (4,2%), mentres que Hipp quedou no 2,4%. A graxa do aceite e do polo representa entre o 3% e o 4%. As análises detectaron amidón nas catro mostras (desde o 11% de Nutribén ata o 6% de Hipp), e en proporción superior á dos tarriños de froitas. Este amidón pode proceder da pataca e da súa adición como espesante.

En tres dos catro tarros, o polo menciónase en primeiro lugar na denominación, polo que este ingrediente debe representar non menos dun 10% do produto, o contido en proteínas debe ser, como mínimo, de 4 g/100 calorías, e o de graxas dun máximo de 6 g/100 calorías; os tres tarros cumpren estes requisitos. Cando o polo non se menciona en primeiro lugar na denominación (caso de Hipp), debe representar polo menos o 8% do produto, as proteínas deben chegar como mínimo a 3 g/100 calorías e a graxa non debe superar 4,5 g/100 calorías. Hipp (con 4,7 g/100 calorías) supera lixeiramente este máximo en graxas. Doutra banda, estes alimentos infantís deben ter menos de 200 mg/100 g de sodio, límite ó que nin sequera se achegan estes oito tarriños: os de froita contéñeno entre 7 e 19 mg/100 g e os de polo desde 46 ata 158 mg/100 g.

Alérxenos, praguicidas e estado sanitario

A introdución de novos alimentos na dieta dos bebés débese facer ós poucos e seguindo as recomendacións do pediatra. A esta idade, os nenos son moi sensibles ós cambios bruscos: poden xurdir intolerancias e alerxias alimentarias. O glute é unha fracción proteica (propia de cereais como trigo, cebada, centeo e avea) desaconsellada para lactantes de menos de 6 meses de idade co obxectivo de reducir o risco de celiaquía. Canto máis tardía é a introdución do glute, máis benigno é o debut da enfermidade, de se producir. Outros alimentos, como o ovo, o leite, o peixe e certas froitas, son potencialmente alerxénicos de se introduciren demasiado axiña, en certa cantidade e de xeito reiterado. Comprobouse en laboratorio se os oito tarriños comparados nesta análise contiñan leite, ovo ou glute, todas elas substancias problemáticas para algúns nenos. Os oito levan nas súas etiquetas a indicación e o logotipo específico de alimentos "sen glute" (esta mención é obrigatoria). Resultados: non se detectou glute, ovo nin leite nas mostras, agás en Nestlé "Polo con arroz", que contén (e declara na súa lista de ingredientes) leite.

Doutra banda, estes alimentos infantís non deben conter residuos de praguicidas por riba de 0,01 mg/kg de produto listo para o consumo ou reconstituído. Buscáronse nas oito mostras os praguicidas máis empregados, con resultados negativos.

O estado microbiolóxico destes alimento debe ser impecable: os bebés vanos consumir tal cal (tarriños de froitas) ou despois de queceren levemente (tarriños de polo con arroz). As análises demostraron a inexistencia de xermes nos oito tarriños, polo que a súa calidade hixiénico-sanitaria era correcta.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto