Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os teléfonos móbiles de terceira xeración xa están entre nós, pero os seus beneficios, pagan a pena?
Logo de case un lustro de retardo, fabricantes e grandes operadores pasaron á acción na ansiada telefonía de terceira xeración, coñecida como 3X ou UMTS, que substitúe a actual GSM. Xa existe unha ducia de terminais dispoñibles no mercado e os servizos sobre a rede UMTS comezan a ver a luz. As tres concesionarias -Xfera, a cuarta adxudicataria e a única sen servizo na segunda xeración actual, aínda non saíu ó mercado- emprenderon agresivas campañas acompañadas de substanciosas ofertas de lanzamento para tratar de convencer ós consumidores das bondades da 3X.
As siglas UMTS (sistema universal de telecomunicacións móbiles) van acompañadas do anuncio da "revolución" nas comunicacións, de igual maneira a como foi o paso da primeira xeración, a analóxica (que a ofrecía Moviline en España), á segunda, dixital. Unha morea de posibilidades chegará coas novas redes e terminais, que porán na man do usuario un dispositivo multimedia conectado a Internet a alta velocidade, que disque poderá facer, segundo anuncian, mil marabillas. Pero a realidade móvese máis a modo cás promesas. Para acadar as metas anunciadas cómpre resolver tres puntos: dar cobertura universal (ou case) a uns prezos asumibles (dos móbiles e dos servizos) e, moi importante, ofrecer novos contidos e servizos atraentes que animen o usuario a cambiar de móbil.
UMTS é un estándar empregado en Europa e algúns países de Asia que permite transmitir datos a 2 Mbps (megabytes por segundo), é dicir, oito veces máis rápido cá máxima velocidade actual. Posibilita unha conexión eficaz a Internet e habilita unha serie de novos servizos. Permite que fotografías, vídeos e outros contidos (música, xogos, etc.) poidan viaxar practicamente sen esperas a través das redes móbiles. Así e todo, esta velocidade teórica redúcese nas ofertas dos operadores a un máximo de 384 Kbits, algo menos có ADSL caseiro. Polo tanto, que é realidade e que é aínda pura ficción?
Os usuarios que teñen entre as súas mans un móbil UMTS xa aproveitan novas aplicacións que, polo de agora, non difiren moito entre os distintos operadores: videochamadas, videomensaxería e descargas de xogos, música con calidade mp3 e clips de vídeo.
Amena, por exemplo, anuncia ata 82 servizos: ofrece descargas dos goles da Liga, imaxes das cámaras da DXT e clips de música, cine, humor e actualidade. Tamén promete canles de televisión 24 horas en vivo (TV3 e Bloomberg) e cursos en liña de bolsa e negocios. Vodafone inclúe entre as súas opcións a recepción en vivo das novas de CNN+, amais de vídeos cos "mellores momentos" de varios programas e series de televisión. A conexión a Internet para navegar desde o móbil non ten moito sentido mentres apenas existan páxinas web adaptadas ó tamaño da súa pantalla. En calquera caso, e ó contrario do que poida parecer, non complica máis o manexo dos móbiles porque se apostou por sinxelas e intuitivas interfaces gráficas.
A perfección, así e todo, dista de ser total. Aínda existen problemas como cortes na conexión (sobre todo se o usuario está en movemento) e de nitidez das imaxes descargadas. Non son os únicos:
En resumo, un teléfono móbil UMTS xa é capaz (onde teña cobertura) de realizar videochamadas, gravar e enviar videomensaxes e descargar o correo electrónico, xogos, música, videoclips (e mesmo de recibir televisión en directo) a unha velocidade razoable. O principal obstáculo para as videochamadas, a aplicación estelar deste sistema, é atopar interlocutor, alguén ó outro lado cun teléfono UMTS. Os usuarios non chegarán ata que non haxa novos contidos e servizos, e non haberá compañías que desenvolvan estes servizos ata que exista un número importante de usuarios.
Cando a terceira xeración dá os seus primeiros pasos, a cuarta está xa na incubadora. Algúns expertos coidan que o grande investimento das telefónicas en UMTS foi un grande erro porque ofrece o mesmo cá xeración actual, a maior velocidade, iso si, e será unha breve transición cara á 4X. De feito, AT&T e Nortel Networks levan tempo definindo o perfil da cuarta xeración de móbiles e a xaponesa NTT DoCoMo adiantou a oferta de servizos 4X ó ano que vén. O sucesor de UMTS, HSDPA, promete unha velocidade de transmisión de 12 Mbps, pero xa hai varias compañías que traballan no desenvolvemento de novos sistemas nos que os datos voarán a 20 Mbps, dez veces máis lixeiros cá velocidade punta do UMTS.
Foro UMTS
www.umtsforum.net
Nada no 2000 como iniciativa persoal dun Enxeñeiro de Telecomunicacións, esta páxina é xa unha referencia no sector.
Galería de móbiles
www.gsmspain.com
De entre os montes e moreas de páxinas dedicadas ós móbiles ateigadas de logos e melodías, esta mantén unha completa galería de teléfonos con información técnica.
Con tradición
www.telephonymuseum.com
Antes dos móbiles xa existían os teléfonos... Aquí poderá repasar a historia da telefonía desde 1876 a 1990 (en inglés) ou adquirir un teléfono de comezos do século pasado.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI