Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Blanca Ruiz López, coordinadora da Rede Acolle: "Os inmigrantes cambian de país para traballar, non para traer problemas"

 O 7% da poboación española, é dicir, máis de 6 millóns de homes e mulleres, mozos e adultos, solitarios, parellas e familias con nenos comparten un factor común: son inmigrantes. Tiveron que abandonar os seus países movidos pola necesidade de atopar un traballo que lles reportara seguridade e benestar, tiveron que se adaptar á cultura doutros, se cadra aprender un idioma, e saberse obxecto de estudos, polémicas, leis específicas e medidas sociais concretas. A súa existencia, segundo se desprende dos sucesivos estudos do Instituto Nacional de Estatística, ocupa un lugar preferente entre os intereses da cidadanía. Sobre este tema falamos con Blanca Ruiz, coordinadora da Rede Acolle, decana na atención ás persoas inmigrantes. Ruiz, doutora en Dereito, dedicou toda a súa vida profesional á axuda ás persoas chegadas de terceiros países. Autora e editora de numerosos estudos de investigación relativos á inmigración, participa de maneira constante en mesas redondas, seminarios e relatorios onde se citan especialistas de diversos países europeos que non entenden a inmigración como un problema, "senón como unha realidade que precisa atención e solucións na que a dignidade, a liberdade e a igualdade de todas as persoas estean garantidas".

A rede Acolle é veterana na atención ós emigrantes, testemuña de excepción da evolución migratoria en España. Como foron os cambios que se experimentaron desde os seus comezos ata a actualidade?

Os comezos da rede trasládannos a 1970 e á fusión de movementos sociais tan dispares como asociacións cristiás e grupos de esquerdas que compartían a mesma sensibilidade e vontade para acoller as persoas que chegaban a España en condición de inmigrantes sen recursos. Isto segue en vigor, e, aínda que existen moitas diferenzas, sobre todo de orde circunstancial entre as migracións dos 80 coas dos 90, ou coas dos últimos 5 anos, as dificultades derivadas da falta de protección son semellantes e prevalece a necesidade de amparar e axudar nos primeiros instantes. En definitiva, trátase de solucionar os problemas, abstraéndonos das circunstancias políticas e centrándonos nas demandas, pero procurando que sexan os servizos públicos quen lles ofrezan as prestacións a estas persoas que en breve formarán parte da sociedade e que devolverán esa axuda. A nosa misión é tapar buratos, pero cando estes se poden tapar desde a Administración non queremos competir con ela. Isto propiciou, por exemplo, que nos centremos en ofrecer servizos xurídicos, porque estes non os canalizan as institucións.

A inmigración cada vez preocupa máis. A que se debe que vaia acompañada dunha percepción negativa?

Partimos dun erro: a inmigración nestes momentos é obxecto da opinión pública porque a converteron nun instrumento político. Desde o ano 2000, como acontece noutros países europeos, a inmigración comeza a usarse como arma electoral e comezase a transmitirlle á sociedade unha correlación de inmigración irregular con delincuencia, aínda que os datos penais non demostran tal equiparación. Isto prexudica enormemente a imaxe da inmigración e, de feito, convértea nun problema.

Non existe tal relación entre delincuencia e inmigración ilegal?

As organizacións sociais negaron ese vínculo desde o comezo, e así o acabaron recoñecendo os máis altos estamentos políticos. O groso da delincuencia está relacionado con sectores sociais marxinais, pero non ten unha relación directa, nin moito menos consubstancial, coa inmigración. Os máis dos inmigrantes cambian de país para traballar, non para buscar nin traer problemas. Gustaríame aproveitar esta ocasión para desvelar que algunhas estatísticas revelan datos de detencións policiais para contabilizar casos de delincuentes, e unha detención policial non é o mesmo ca unha pena xudicial, nin sequera ca un procedemento. Os expedientes de expulsión abertos por carecer de papeis que legalicen a túa presenza en España son causa policial, pero isto nada ten que ver con cometer un delito penal ou civil; en todo caso é administrativo, como o é non pagar unha multa de aparcamento, algo que non te converte nun delincuente nin nun perigo para a sociedade que te acolle.

A súa rede emprega o termo 'migracións non desexadas'. Se o punto de partida é xa negativo, como facelo esperanzador?

Toda persoa que pode elixir quedar no seu medio queda. Salvo nas persoas aventureiras, a tendencia é continuar a vida no noso fogar de orixe, pero os inmigrantes perseguen o soño europeo, móveos a necesidade e o devezo dunha vida mellor da que poden procurar nos seus países, onde o nivel de renda, educación, seguridade e sanidade é menor. Trátase de persoas valentes, con iniciativa e traballadoras, pois veñen aquí para iso, para poderen traballar e en moitos caso converterse no sustento familiar, e isto pódese levar a cabo, non o esquezamos, porque existe unha receptividade no mercado laboral, é dicir, a súa presenza é necesaria para o país que os acolle.

Un fenómeno do que se fala pouco pero que é de certo moi preocupante é o das consecuencias da inmigración nos países de orixe.

Nalgunhas rexións de Suramérica estanse quedando sen poboación activa. No caso de Ecuador fálase de cifras arrepiantes, xa que non se trata só dun baleiro cuantitativo; marcharon e marchan mulleres e homes novos, seguramente os máis activos, os mellor formados e os máis emprendedores. Quedan os nenos e os vellos para vivir e erguer un país sen man de obra cualificada.

Precisamente os datos desvelan que o volume de axuda económica e de investimento empresarial que fan os emigrantes nos seus propios países é 1000 veces maior ca todas as axudas do Primeiro Mundo. É isto positivo?

O primeiro que diría é que a capacidade de aforro e o envío de cartos é unha decisión persoal de cada quen. Unha vez dito isto, temos que dicir que a parte negativa deste envío de cartos está en que as autoridades deses países se relaxan aínda máis, se corrompen máis e consideran estes cartos que envían os seus cidadáns emigrados como parte do seu PIB e, xa que logo, cumpren menos a súa obriga de lle proporcionar á sociedade benestar social e económico.

Isto dificultaría o seu retorno, pero, hai ganas de volver?

Hai anos era maior o número de persoas que desexaban voltar e que ollaban a súa estancia no estranxeiro como caduca a curto ou medio prazo, pero tamén hai que entender que os que viñan viñan sós. Agora son familias enteiras as que emigran, ou parellas con ou sen fillos, que acaban adoptando unha segunda nacionalidade.

A pesar dos problemas.

O primeiro que pediría é un chisco de empatía cara ás persoas inmigrantes: cómpre ter moitos azos para deixar os teus, abandonar a túa terra, os teus amigos, as túas lembranzas, os teus costumes e converterte, ademais, en moitos casos, no sostén económico desa familia que deixas atrás. Desde que pos o pé en chan estranxeiro atopas unha chea de dificultades. En primeiro lugar están as causadas pola túa condición de inmigrante, o descoñecemento do medio, do idioma, dos costumes, o desarraigo..., problemas ós que se enfrontan cunha capacidade de adaptación incrible, pois chegan cunha mentalización moi forte. Despois chegan os problemas de calquera persoa que viva xa no país, foránea ou non, que ten dificultades na vida: atopar unha vivenda digna, un traballo que lle procure seguridade e tranquilidade... No caso dos inmigrantes, no emprego están abocados a desenvolver traballos de segundo nivel. Ó primeiro isto pode non resultar un problema, é dicir, a maioría de nós comezamos a nosa vida laboral desde uns mínimos e coa aspiración de avanzar na nosa profesión. Pero as persoas inmigrantes non teñen perspectivas, teñen moi poucas posibilidades de pasar de peón e albanel a encargado de obra, aínda que a súa experiencia os capacite cos anos para ese ascenso. Tampouco se habilita o que se coñece como formación de mellora, na que se poida compatibilizar un traballo con cursos para procurar un traballo mellor. Hai que descubrir e posibilitar moitos cambios.

Cando se fala de inmigración, tamén se inclúen diferentes relixións e culturas do mundo. Unhas son máis integrables ca outras na nosa sociedade occidental. Como se poden compaxinar as diferentes concepcións vitais relixiosas ou culturais?

Imaxino que se refire ó Islam. O primeiro que debe quedar claro é que o islamismo que aparece nos titulares de prensa responde a unha determinada interpretación do Islam. Hai moitas mulleres musulmás que están a loitar por unha convivencia entre democracia e islamismo, e igual que somos capaces de diferenciar as correntes que existen en diversas relixións, así o debemos facer co Islam. Existe unha máxima que nos pode servir de guía, os Dereitos Humanos, pero a resposta ante violacións destes principios esenciais é difícil e non podemos ser simplistas á hora de enfrontármonos ó problema. Poñamos un exemplo: a ablación. Como te enfrontas a este costume en Barcelona? Pódeste limitar ó código penal, e castigar o acto de ablación unha vez cometido de maneira individual, pero ninguén dubida de que desenvolver un labor educativo na comunidade susceptible de levar a cabo ese acto acadará mellores resultados, é dicir, cómpre que desenvolvamos medidas máis complexas, máis amables e ambiciosas.

Pero, onde está a clave para esa integración e aceptación das regras básicas de convivencia?

Ata hai ben pouco en España, a muller, por cuestións culturais, sociais e tamén relixiosas, estaba subordinada civilmente ó home. Facíase diferenza entre unha adúltera e un adúltero, e unha muller, para poder asinar o seu propio contrato laboral, debía pedirlle permiso a un home, o pai, o irmán, o marido, o titor... Que é o que quero dicir? Que nós avanzamos e que este avance tamén se pode acadar noutras culturas.

Pódese falar da busca do multiculturalismo?

É un termo que non se fixo realidade. Se as culturas se ordenan de determinado xeito hai sempre unha clasificación que implica un primeiro nivel, un segundo e así sucesivamente. Os nenos e nenas nas escolas non teñen ningún problema de integración, tanto ten de onde sexa o compañeiro. Agora ben, á saída da clase, nas actividades da fin de semana, xúntanse con outros fillos de inmigrantes, non cos seus compañeiros da clase. Existe unha tendencia natural a xuntármonos cos que falan a nosa lingua e comparten os nosos costumes. fundamentalmente, porque comparten problemas: necesidade de vivenda barata e mesmo amoreamento nas casas.

Logo do 11-M España deu un exemplo e non sucumbiu ó racismo. Que lectura fai disto?

Sen dúbida, moi positiva, sobre todo tendo en conta que Madrid é, xunto coa costa mediterránea, o principal lugar de acollida da inmigración. Coido que demos un exemplo non orquestrado, voluntario e espontáneo de que a sociedade está por riba de moitos intereses e demagoxias.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto