Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A oferta para particulares segue a ser moi limitada e pouco económica
O exiguo 4,2% de incremento que experimentou o alugueiro de vivendas durante os dous primeiros meses do 2005 non dá sacado a España dos postos de cola na clasificación de países europeos en arrendamento de casas. Do total de vivendas, só o 10% son alugadas, mentres que en Alemaña chegan ó 60% e en Holanda ó 40%. Un motivo de peso que explica este cativo desenvolvemento do mercado do alugueiro en España é o medo dos propietarios ó non pagamento e ós estragos que os inquilinos ocasionan nas casas. Isto, engadido a que a vivenda segue a ser un investimento rendible e á escasa defensa xurídica do propietario fronte ó inquilino frea a oferta de vivendas en alugueiro e explica que en España haxa máis de tres millóns de vivendas baleiras. Entre as medidas que se estudan para promover o arrendamento de vivendas destaca a contratación de seguros de alugueiro, póliza que ofrecen organismos públicos e compañías de seguros. Hai poucas empresas que ofrezan este tipo de seguros e o seu custo non é precisamente económico.
Non se trata dun seguro de fogar normal, senón dun produto novo que polo de agora ofrecen poucas aseguradoras e que contrata o propietario da vivenda para se protexer, sobre todo, do non pagamento do alugueiro. A cota anual que se paga equivale, aproximadamente, ó 60% da renda mensual: se o inquilino paga 600 euros de alugueiro ó mes, unha póliza de seguro custaralle ó arrendador uns 360 euros ó ano.
Os propietarios titulares deste seguro deben entregarlle á aseguradora todos os datos correspondentes do inquilino, para que esta comprobe previamente a súa solvencia e avalíe o risco. Para iso solicítanselle as últimas nóminas e o contrato de traballo. Este procedemento séguese nas dúas aseguradoras dirixidas a particulares: é idéntico na Mutua de Propietarios e en La Estrella. Requisitos obrigatorios para o arrendador. Debe presentar un contrato de alugueiro e o seu DNI.
Pode entrar en vigor desde a data de formalización do contrato de alugueiro, pero cunha condición: que non haxa mensualidades non pagadas. Non é un seguro para cobrar anteriores cotas non aboadas, senón para cubrir futuros non pagamentos.
As administracións e institucións públicas están promovendo programas de alugueiro de vivendas baleiras dentro do denominado Plan de Choque do Ministerio de Vivenda. Creáronse axencias municipais de alugueiro para canalizar a oferta de pisos en arrendamento e, á vez, ofrecerlles ós seus propietarios un seguro que cubra posibles non pagamentos, como o que ofrece ACC Seguros.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI