Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Suavizantes para roupa: Todos útiles, pero con grandes diferenzas

Non só os máis caros obteñen bos resultados: hainos que custan a metade e que ofrecen unha calidade idéntica

  Analizáronse sete suavizantes para roupa, cinco deles diluídos (é dicir, non concentrados) e outros dous que ademais afirman facilitar pasar o ferro. As diferenzas de prezos entre eles son salientables: desde os catro céntimos de euro por lavado de Vernel convencional ata os dez céntimos por lavado de Mimosín 'fácil pasar o ferro' e Vernel 'fácil pasar o ferro'. A mellor relación calidade-prezo é un dos máis baratos, Lenor (5 céntimos por lavado), que custa a metade cós de 'fácil pasar o ferro' e que, ó igual ca estes, demostra unha moi boa calidade. O prezo por lavado obtívose tomando en conta as recomendacións das etiquetas, agás no caso de Mimosín, que non indica o número de lavados por envase, polo que se tomou como referencia a media do resto de envases con cantidade semellante de produto.

Os suavizantes téxtiles confírenlle suavidade e frescura á roupa. O paso pola lavadora fai que, co tempo, a fricción mecánica e a dureza da auga incidan nos tecidos e as prendas acaben volvéndose ásperas. Un bo suavizante debe manter unha agradable sensación dos tecidos e ter un aroma atraente. Os fabricantes de suavizantes ofrecen a miúdo varias referencias con diferentes propiedades (sobre todo, en función do seu aroma). Para facer esta análise optouse por cinco suavizantes diluídos sen ningunha característica especial e outros dous que afirmaban ser especialmente óptimos para facilitar pasar o ferro.

Materia activa

  A maior parte dun suavizante é auga. O que queda cando toda esta auga e as substancias volátiles se evaporan é o extracto seco, e indica canto de diluído está o produto. Vernel e Mimosín 'fácil pasar o ferro' son os que teñen unha maior porcentaxe de extracto seco, con máis dun 7%, fronte ás versións convencionais destas dúas marcas, que en ningún caso superan o 5,9% de extracto seco. O peor neste apartado é Quanto, que queda nun 3,9%.

Pero non todo o extracto seco son substancias suavizantes (tensioactivos catiónicos). Na composición desta clase de produtos entran tamén elementos como os sales minerais ou os colorantes, que nada inciden no poder real de suavizado. Vernel 'fácil pasar o ferro' é a mostra con maior concentración de substancias suavizantes (90 miliequivalentes por quilo), seguida de Lenor (88 meq/kg). Sorprende que Mimosín convencional (73 meq/kg) teña máis elementos deste tipo ca Mimosín 'fácil pasar o ferro' (63 meq/kg), que custa o dobre. O peor volveu ser Quanto, que quedou nun discreto 53 meq/kg.

Espeso non significa eficaz

En contra do que poida parecer, un suavizante máis viscoso non ten por que conter unha maior proporción de materia activa e, polo tanto, ser máis efectivo. Un produto menos viscoso é máis fácil de dosificar, dilúese mellor na auga, obstrúe menos os condutos da lavadora e pérdese menos produto no envase. Tendo en conta todo isto, valoráronse como mellores as mostras menos espesas, como Lenor, que é a mellor neste apartado con moita diferenza (78 centipoises, fronte ós 593 da segunda mellor, Mimosín). Flor (3.803 cp) e Vernel clásico (3.187 cp) son as mostras máis espesas.

No tocante ó seu pH, considérase que é mellor que un suavizante sexa lixeiramente ácido para neutralizar a alcalinidade dos deterxentes durante o aclarado final. Os sete suavizantes demostraron un resultado semellante e óptimo (lixeiramente ácido: entre 4 e 4,6).

O arrecendo

O aroma é un aspecto fundamental nun suavizante. Comprobouse tres veces a intensidade do arrecendo que deixaban na roupa os sete suavizantes: unha despois do lavado, cando a roupa está aínda húmida, outra en seco e a derradeira sete horas despois. Para iso utilizouse unha escala do 1 ó 5 (desde o 'non detectable' a 'abafante').

Así que se saca a roupa da lavadora, Mimosín e Vernel (tanto na versión clásica coma na de 'fácil pasar o ferro' son os que ofrecen un aroma máis intenso, mentres que os outros catro só demostraron 'algún cheiro presente'. En seco, o vigor do aroma foi menor en todos os casos, aínda que destacaron positivamente Lenor, Mimosín 'fácil pasar o ferro' e as dúas mostras de Vernel. Nas outras tres (Flor, Mimosín clásico e Quanto) o aroma só era detectable con esforzo. Sete horas despois, en Lenor, Mimosín 'fácil pasar o ferro' e Flor aínda se percibía o cheiro. Pola contra, os dous suavizantes de Vernel practicamente non cheiraban nesta última medición, e en Mimosín clásico e en Quanto o aroma desaparecera completamente.

Facilidade ó pasar o ferro

Tamén se comprobou no laboratorio se os sete suavizantes facilitan pasar o ferro e se os dous que presumen de que é 'fácil pasar o ferro' (e que son ben máis caros) teñen mellores resultados có resto neste apartado. Para iso estudiouse o coeficiente de fricción entre a superficie do ferro de pasar e o tecido lavado con cada un dos suavizantes. Despois, repetiuse a proba, esta vez cun tecido lavado sen suavizante.

A primeira conclusión deste test é que os suavizantes si resultan útiles á hora de pasar o ferro: os sete facilitan en maior ou menor medida este molesto labor. Os dous que indican estaren expresamente formulados para facilitar pasar o ferro (Vernel e Mimosín 'fácil pasar o ferro') si obteñen os mellores resultados ('moi ben'), pero non son os únicos: a mostra de Flor (un suavizante diluído que non fai mención expresa na súa etiqueta sobre as súas características no tocante a pasar o ferro) é tan bo coma os dous que si se gaban diso. Lenor, Vernel clásico e Quanto acadan un 'ben', mentres que a mostra convencional de Mimosín non pasa do 'aceptable'.

A resistencia ás engurras é a capacidade dos suavizantes de evitar (ou dificultar) a formación de engurras na roupa. Para medila engúrrase un tecido dentro dunha probeta rectangular durante cinco minutos e deseguido mídese o ángulo desengurrado. Constatouse unha maior tendencia a engurrarse na mostra sen suavizante ca en calquera das outras sete que si estaban tratadas. O mellor resultado acadouno Lenor, a única que alcanzou o 'moi ben'. Flor e Mimosín clásico só acadaron un discreto aceptable nesta proba, mentres que o resto quedou en resultados intermedios. As dúas mostras 'fácil pasar o ferro', xa que logo, non demostran ser mellores na resistencia ó engurrado có resto.

Á hora de definir a calidade global de cada suavizante ponderouse cada parámetro de xeito diferente: así, a cantidade de materia activa e de extracto seco (a cantidade real de produto) considerouse o máis importante, seguido de intensidade do arrecendo, a viscosidade, se facilitaban pasar o ferro e, para rematar, a resistencia ó engurrado.

Vernel 'fácil pasar o ferro' é a mostra de maior calidade, cun 'moi ben', ó igual ca Mimosín 'fácil pasar o ferro' e Lenor (o único convencional que acada a mellor nota). Mimosín e Vernel convencional e mais Flor non pasaron do 'ben', e Quanto foi o peor, cun discreto 'aceptable'.

Persiste o efecto?

Unha das probas que fixo o laboratorio foi comprobar se a acción dos suavizantes se mantiña (aínda que fora nun nivel moito máis discreto) aínda que a prenda se volvese lavar sen suavizante. Para iso utilizouse un dos parámetros máis significativos segundo os consumidores nun produto destas características, o arrecendo.

Despois de lavar as prendas con cada un dos suavizantes, volvéronse introducir na lavadora, pero esta vez sen empregar ningún produto máis alá do deterxente. Tras este segundo lavado, nas sete prendas o arrecendo seguía tendo a mesma intensidade ca tralo primeiro lavado, tanto así que se sacaron da lavadora (en húmido) coma xa en seco. Disto infírese que nos sete casos os aromas empregados son duradeiros e que, aínda que en seco a súa intensidade se atenúa, cando se humedecen de novo volven aflorar.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto