Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

A linguaxe non sexista: As palabras poden discriminar

O sexismo lingüístico prodúcese cando o idioma resulta discriminatorio a causa da súa forma

  O termo 'sexismo', tal e como recolle o dicionario, designa a discriminación de persoas dun sexo por consideralo inferior ó outro. O feminino é o que de xeito sistemático sufriu este trato en tódolos eidos da vida, e o lingüístico non é un excepción. A súa adaptación á realidade social, máis igualitaria entre os homes e as mulleres, non se circunscribe á lingua galega. As máis das linguas tiveron que crear ou adaptar novos termos e definicións para corrixiren acepcións superadas, como, por exemplo, a de alcaldesa como muller do alcalde, e dotar o discurso de ferramentas coas que construír mensaxes non parciais, como é o caso do termo alumnado para englobar alumnas e alumnos. Así e todo, malia o carácter social e internacional deste esforzo de adaptación, todo o mundo se decata de que este exercicio foi, e é, obxecto de críticas e mesmo de mofa, e de que quen o defende ten que se cargar de argumentos para demostrar a súa necesidade. Abondaría cunha ollada ós dicionarios de uso para comprobar como tras algunhas acepcións admitidas como válidas, se agacha unha concepción do mundo moi desequilibrada. Por exemplo, segundo o Diccionario de la Real Academia (DRAE), un é máis orfo se perde o pai cá nai.

Cuestión de forma

O sexismo lingüístico materialízase cando a linguaxe resulta discriminatoria debido á súa forma. Por iso convén prestarlle especial atención ó emprego de maneiras, estruturas e expresións que, pese a unha carga sexista latente, ou mesmo patente, pasan desapercibidas ou non xeran reflexión ningunha polo seu uso cotián e natural.

A substitución do suxeito masculino polo feminino e a comprobación de como soa a frase tralo cambio é un bo xeito de detectar un uso discriminatorio. Poñamos un exemplo: convídase á asistencia a un acto "ós directivos, que poden acudir acompañados polas súas mulleres". Como é obvio, se hai mulleres en postos de dirección, enténdese que poderán ir acompañadas "polos seus homes". Chama a atención? Abofé que si. Ademais, non dá traballo ningún aclarar que os invitados poden ir acompañados dos "seus cónxuxes". Deste xeito coidaríase a forma sen maior esforzo. Este caso evidencia unha discusión centrada no xénero gramatical, xa que en galego o xénero masculino posúe un dobre valor, como específico (referido a varóns) e como xenérico (referido a ambos os dous sexos), mentres que o feminino non posúe este carácter e só se pode empregar de modo restritivo. Non obstante, e isto é o que trata de amañar a linguaxe non sexista, o uso do masculino xenérico en determinadas mensaxes produce ambigüidades e confusións que poden dar lugar á discriminación e á ocultación da muller. Observemos un exemplo: "Os homes desta empresa son bos profesionais". Se hai mulleres entre o persoal, non aparecen reflectidas, ou, polo menos, quedan ocultas. Nada custa dicir que "esta empresa conta con grandes profesionais". Demóstrase aquí que a causa do sexismo lingüístico non se atopa na propia lingua, senón no uso que se fai dela. Polo tanto, o seu fin é sinxelamente unha cuestión de vontade para interiorizar a evidencia de que se as mulleres ocupan espazos que antes non ocupaban, e se realizan funcións que antes non realizaban terán que ser designadas dalgún xeito, e iso supón cambios na linguaxe que nin os prexuízos, a inercia, nin o peso das regras gramaticais interiorizadas deben obstaculizar ou impedir.

Máis alá do "nenos e nenas"

Un asunto recorrente á hora de pór en práctica a linguaxe non sexista é a discutida acepción de home, e máis aínda no seu plural, homes, para definir o ser humano. Home suma o macho e a femia como sinónimo de especie humana, pero non é menos sinónimo varón de home, e co sinxelo xesto de optar sempre polo primeiro confieriríaselle unha singularidade máis acusada ó termo home como indicador da especie.

Esta aspiración pode parecer quimérica, pero non o é evitar o abuso do masculino xenérico, algo relativamente sinxelo grazas ós múltiples recursos da lingua galega: colectivos (profesorado, no canto de profesores), perífrases (a persoa interesada, no canto do interesado), construcións metonímicas (a infancia, en vez dos nenos), desdobramentos (os nenos e as nenas), barras (Sr/a), omisión de determinantes ou emprego de determinantes sen marca de xénero (cada contribuínte, en vez dos contribuíntes), utilización de formas persoais xenéricas ou de formas non persoais dos verbos ("cómpre prestar máis atención", por "cómpre que o usuario preste máis atención"). Todas estas solucións son posibles en tódolos contextos. Trátase de optar pola máis adecuada, é dicir, por aquela que, sen atentar contra a gramática, non marxine a muller no discurso.

Un sinxelo

Quen desexe non caer no uso por inercia dunha linguaxe sexista e depurar a súa expresión pode seguir unhas sinxelas normas, doadas de interiorizar e de incluír con total naturalidade na súa fala e na súa escrita.

  • Optar por termos xenéricos: infancia, por nenos e nenas; alumnado, por alumnos e alumnas.
  • Elixir nomes abstractos: alcaldía, por alcalde ou alcaldesa; presidencia, por presidente ou presidenta.
  • Usar dobres formas. Cando se trata de designar un grupo mixto, que precise evidenciar o feminino: premio á mellor empresaria ou empresario do ano.
  • Eliminar o tratamento de "señorita", igual que está caduco o de "señorito".
  • Non usar a @. Non é un signo lingüístico. Se se quere economizar espazo pódese recorrer a dobletes con barra (/).
  • Respectar a orde ministerial (22-05-95) pola que queda regulada a denominación de títulos académicos: diplomada, arquitecta, médica, enfermeira, obreira, etc.
  • Flexibilizar a orde das palabras. Non hai razón ningunha para antepor por sistema o termo masculino ó feminino: nais e pais, traballadoras e traballadores.
  • Darlle homoxeneidade ó discurso. Cando adoptemos unha solución non sexista, cómpre mantérmola ó longo de todo o texto, pois se non o facemos favorecemos a ambigüidade.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto