Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Produtos tóxicos: Uso masivo e riscos patentes

Institucións como a UE promoven un emprego menor de substancias perigosas, presentes na fabricación de numerosos produtos

  Veñen de se cumprir 20 anos do desastre de Bhopal na India. Un escape químico da empresa Unión Carbide matou a máis de 15.000 persoas, segundo cifras oficiais, e estímase que afectou a outras 120.000 que aínda hoxe continúan sufrindo as secuelas da traxedia. Naquela ocasión foi o escape de isocianato de metilo o que provocou o desastre. Este compoñente utilizábase para producir SEVIN, un pesticida milagreiro, barato de producir, mortal para os insectos, aínda que inocuo para outros animais. Agora ben, na súa produción eran necesarios compostos moi tóxicos.

Os pesticidas como este representan un exemplo de produtos de consumo que se utilizan de xeito habitual e que en moitos casos conteñen aditivos químicos que cando se producen, comercializan, utilizan e desbotan teñen un forte impacto no ambiente e na saúde. A lista de produtos é inmensa e inclúe, por exemplo, cosméticos que utilizan fixadores producidos con ésteres de ftalato, roupas que conteñen pirorretardantes bromados para previr ou retardar a propagación de chamas ou alfombras con compostos organoestánnicos para loitar contra os ácaros.

Máis de 100.000 produtos químicos

  Segundo datos da Unión Europea, en Europa pódense atopar uns 100.000 produtos químicos e cada ano a industria produce máis de 200 novos compostos que imitan substancias naturais ou ben que son substancias totalmente artificiais. Pese ós evidentes riscos que entraña, o uso masivo deste tipo de produtos non veu acompañado de estudos e investigacións sobre a súa incidencia na vida da poboación mundial e, sobre todo, no medio natural.

Son moitas as organizacións nacionais e internacionais que traballan para evitar a xeración, o uso e vertedura de substancias perigosas. Con todo, para acadar a súa total abolición do mercado de consumo cómpre que se tomen medidas políticas e industriais severas que mitiguen e fagan diminuír o uso de todo tipo de substancias químicas tóxicas. Estes elementos poden ser inflamables, explosivos, producir cancro ou danar os sistemas reprodutores dos humanos, entre outros efectos.

Información sobre as substancias químicas nas etiquetas

  Na actualidade, Europa traballa por desenvolver unha nova política que promova a substitución das substancias máis perigosas por outras máis naturais e amables coa natureza. Desde 1992, a UE regula a clasificación, embalaxe e etiquetaxe de substancias perigosas para a vida humana e para o medio natural. Así, os fabricantes e distribuidores quedan obrigados a facilitar nas embalaxes e etiquetas información técnica sobre efectos indesexables, instrucións de seguridade, etc. que garantan o uso controlado e responsable de todo tipo de substancias tóxicas.

A industria de xoguetes, por pór un exemplo, é unha mostra de cómo se viron obrigados a transformar os xoguetes de PVC, que conteñen un grupo de ftalatos (substancias químicas tóxicas que se empregan como plastificantes do PVC e que parece probado que provocan lesións renais, desequilibrios no sistema hormonal e mesmo algún tipo de cancro), en xoguetes doutros materiais non tóxicos. Esta medida naceu a consecuencia da publicación pola UE do Libro Verde do PVC, que viu a luz en xuño do 2000, no que se avalían diversos aspectos ambientais e de saúde relacionados co tratamento de residuos de PVC, e no que se presenta unha serie de opcións para reducir estes impactos.

Alternativas

A alternativa ós produtos químicos pódese atopar no seguimento dalgúns criterios de actuación, como evitar produtos con PVC ou derivados do cloro, o uso de madeira tratada con produtos non contaminantes e obtida mediante sistemas de xestión respectuosos coa natureza, a adquisición de froitas e verduras cultivadas sen pesticidas, o uso de pinturas á auga ou de pinturas que non conteñan compoñentes tóxicos ou a utilización de produtos de limpeza de baixo impacto sobre o ambiente.

Criterios de clasificación das substancias químicas

Polas súas propiedades toxicolóxicas, os produtos químicos clasifícanse en:

Moi tóxicos: entrañan riscos extremadamente graves, agudos, crónicos e mesmo a morte.

Tóxicos: entrañan riscos graves, agudos, crónicos e mesmo a morte.

Nocivos: poden producir riscos de gravidade limitada.

Corrosivos: os que en contacto con tecidos vivos poden exercer unha acción destrutiva dos mesmos.

Irritantes: substancias e preparados non corrosivos que, por contacto breve, prolongado ou repetido coa pel ou as mucosas poidan provocar unha reacción inflamatoria.

Sensibilizantes ou alérxicos: as substancias e preparados que, por inhalación ou penetración cutánea, poidan ocasionar unha reacción de alerxia, de xeito que unha exposición posterior a esa substancia ou preparado dea lugar a efectos negativos característicos.

Substancias químicas tóxicas máis comúns na nosa vida cotiá

PVC
O PVC (Cloruro de Polivinilo) é un material que, pola súa versatilidade, baixo prezo, limpeza, propiedades hixiénicas e resistencia, se expandiu axiña na construción e na produción de obxectos de plástico. Agora ben, é un material que entraña perigo no seu uso, na súa produción e na súa eliminación. Se durante a súa creación se xeran dioxinas, unha das substancias sintéticas máis tóxicas que se coñecen, o seu emprego tamén resulta delicado, xa que pode liberar aditivos nocivos para a saúde e o medio natural. Pero o maior risco dáse na súa eliminación, pois se remata no vertedoiro prodúcense graves danos ó medio natural, e se se incinera xera grandes cantidades de dioxinas e doutras substancias cloradas que contaminan aire, auga e terra. Non obstante, os produtores de PVC argumentan que os coñecementos tecnolóxicos que se están aplicando á súa produción, uso e eliminación axudan a controlar os seus posibles efectos negativos.

O PVC atópase nos entubados, nos cables de distribución e fiestras dos edificios; nos envases de auga embotellada e nas embalaxes dos produtos habituais de consumo; nos chans, papeis pintados ou cortinas dos fogares; nas tarxetas de crédito, nos coches e mesmo nalgúns aparellos médicos.

COP
Os COP (Contaminantes Orgánicos Persistentes) son substancias químicas orgánicas moi perigosas para a saúde e moi resistentes ós procesos de degradación natural. Entre outros COP pódense sinalar produtos como a aldrina, clordano, DDT (pesticida), dieldrina, endrina, dioxina, furano, heptacloro, hexaclorobenceno, mirex, PCB e toxafeno. Unha vez que se liberan ó ambiente, moitos persisten durante anos e mesmo décadas. Outra característica é a súa alta permanencia nos tecidos dos seres vivos (son bioacumulables); acumúlanse nos tecidos graxos e nos órganos de animais e seres humanos e acaban formando parte da nosa cadea alimenticia.

Os COP pódense atopar en pesticidas empregados na agricultura, nos cosméticos, nos electrodomésticos, nas dioxinas liberadas en procesos industriais, como na incineración de residuos e na industria do cloro, ou en pinturas para barcos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto