Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os malos tratos psíquicos representan un fenómeno vello, o novidoso é a súa denuncia como problema social
O maltrato psicolóxico baséase en comportamentos intencionados, executados desde unha posición de poder e encamiñados a desvalorizar, producir dano psíquico, destruír a autoestima e reducir a confianza persoal. O seu padecemento leva á despersonalización, ó mesmo tempo que xera dependencia da persoa que os inflixe. O maltratador válese para iso de insultos, acusacións, ameazas, críticas destrutivas, berros, manipulacións, silencios, indiferenzas e desprezos.
Na esfera do privado, aínda que os homes tamén o sofren, as mulleres son as vítimas maioritarias. Prodúcese tamén na relación dos pais cos fillos, na que se detectou un incremento do maltrato dos fillos sobre os seus proxenitores, consecuencia dunha educación cada vez máis permisiva e do uso da violencia nos conflitos do mundo dos adultos. No ámbito público, o maltrato psicolóxico está presente no mundo laboral, o coñecido como "mobbing", e no escolar, o chamado "bullying".
Os malos tratos psicolóxicos son un fenómeno vello. O que resulta novidoso é a súa denuncia como problema social. Sófrenos as mulleres de tódalas idades, grupos sociais e económicos, culturas e países. A súa grande incidencia, a gravidade das secuelas, o alto custo social e económico, e en especial a degradación que produce a violación do dereito das persoas a seren tratadas como tales e ó respecto que merece toda existencia humana convértenos nunha cuestión de gran relevancia pública.
As agresións continuadas, tanto verbais coma non verbais (o silencio, a indiferenza, os xestos...), crean unha relación sinistra de dependencia entre o maltratador e a vítima. Ambos os dous acaban necesitándose. A vítima porque soa sente que non é ninguén, e o medo e a angustia paralízana, e o maltratador porque sente que é alguén a través da dominación que exerce. A situación de dependencia é tal que a vítima acaba protexendo e desculpando o maltratador. Percorre ata este punto un proceso destrutivo no que vai perdendo a confianza en si mesma e a capacidade de resposta, no que se vai anulando e vai interiorizando que de alí non se sae e abandona toda esperanza.
Na raíz da violencia contra as mulleres evidénciase a asimetría de poder que propiciou o sistema patriarcal e machista imperante, e que levou a un abuso coa persoa máis desfavorecida neste esquema, a muller. Por iso, os expertos inciden en non presentar o problema como se fose "das mulleres", xa que se ben son elas as que os sofren, trátase dunha dificultade da que os varóns deben ser conscientes e traballar por superala.
O psicoterapeuta Luis Bonino, especialista desde hai máis de tres lustros en masculinidade e relacións de xénero, elaborou unha clasificación que identifica condutas para intentar conseguir a dominación:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI