Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Ramón Buenaventura, poeta, novelista e experto en Internet: "Internet contaxiou as ganas de comunicarse"

  Ramón Buenaventura enmárcase dentro desa rara especie de intelectuais que comparten o amor pola literatura e unha paixón indisimulada por Internet. A súa columna semanal "Cadernos dun cibernauta" tornouse unha referencia para os interesados na rede de redes. Lonxe do arquetipo social que vincula a este novo medio de comunicación, é dicir, mozo introvertido, con dificultades para relacionarse e obsesionado pola tecnoloxía, Buenaventura é poeta, novelista, tradutor, idealista, cincuentón e pasional, un perfil que non lle impediu converterse en 1997, cando Internet non era máis ca un anglicismo descoñecido para a maioría, nun dos primeiros articulistas que engadía á súa sinatura o seu enderezo de correo electrónico.

Parte da súa vida pódese ler entre liñas nas súas obras, nas que os seus protagonistas nacen en Tánxer, coma el, no mesmo ano da década dos 40. Outra parte pódese descubrir a través da Rede. E o que non está escrito cóntao diante dun té. Por exemplo, como tivo que abandonar a cidade marroquí deixando atrás a súa infancia e adolescencia. Non se detén máis ca uns segundos en enumerar as licenciaturas en dereito, psicoloxía e ciencias políticas que atesoura, nin lle leva un minuto describirse como directivo nunha multinacional, pero dedica toda a tarde a detallar a súa visión do ser humano e do valor de Internet.

Daquela panacea de liberdade e progreso que prometía Internet, que queda?

 Nos comezos de Internet, coma en moitas outras xéneses, sucedéronse profecías que non se cumpriron, sobre todo aquelas para as que cumpría un alto grao de fantasía para entendelas e para crelas. Pero si se materializaron outros beneficios verdadeiramente útiles e atraentes, como a aspiración renacentista de contar cun arquivo de datos case infinito, fácil de consultar e inmediato de recibir. Así e todo, se Internet é capaz de seguir sendo a maior biblioteca xamais concibida polo home e o medio de comunicación máis grande da historia xa tería xustificada a súa existencia.

Na súa primeira columna, alá polo 1997, reclamaba unha tecnoloxía que universalizase o uso do ordenador. Que crítica lle merece agora?

De primeiras, coido que a tecnoloxía mellorou, sen dúbida ningunha, a vida do ser humano. Todos os progresos, coas súas luces e as súas sombras, o fan. Pode levar un tempo que as persoas se sintan beneficiadas, e, polo xeral, canto máis adultas son, máis dificultades lles supón aprender algo novo. A un rapaz de 6 anos explícaslle como programar o DVD e asimílao mentres cho ve facer. A un adulto de 60 ensínaslle o mesmo e é moi probable que o teñas que volver facer. No coñecemento de Internet, ó problema da aprendizaxe do manexo da informática en xeral engádese un problema de contexto, é dicir, chegar a concibir para que serve a actual tecnoloxía e como se poden materializar os seus resultados.

Como pode comezar alguén que non chegou a tempo ó tren de Internet sen medo a perderse en todo o que lle levan de vantaxe?

Eu coido que a xente atrasada non se vai pór ó día ata que o proceso se simplifique extraordinariamente, e isto ten que acontecer, pois cómpre que a máquina sexa máis sinxela. Hoxe, insisto, é moi complexa para o usuario. Pensemos na cantidade de operacións simples, pero ó fin e ó cabo, operacións, que debe facer unha persoa para acceder a unha páxina web desde un ordenador apagado. Cómpre corrixir isto nos vindeiros anos para que Internet se torne un ben en un servizo doméstico máis.

Para que queren as máis das familias ese novo electrodoméstico?

Entendo o seu receo. A entrada das pequenas computadoras nos lares foi frustrante. Respondeu a unha campaña de mercadotecnia moi ben orquestrada, e que levou a maioría dos compradores a non saber que facer con ese aparello que se chamaba ordenador persoal. Foi un xoguete que funcionou mal. Simultaneamente introducíronse no ámbito laboral, pero aí outorgáronselle funcións concretas, e hoxe ata os avogados traballan con ordenadores, proba de que o seu triunfo é indubidable. A volta do ordenador ás casas está sendo máis digna, sobre todo porque agora se acompaña dun contexto, o que lles confire algo de sentido. Ninguén leva a contabilidade desde o seu fogar, pero si pode usar o correo electrónico, ler o xornal, mercar entradas de teatro...

Internet preséntase en ocasións como inimigo da cultura: "acabará cos libros", aventuraron algúns.

Aínda que sexa unha crítica recorrente, non estou de acordo con ela, é máis, penso que aconteceu todo o contrario: as novas tecnoloxías son aliadas da lectura, dos libros, da cultura e da comunicación. Cando no mundo occidental se corrixiu en boa medida o analfabetismo, a xente aprendeu a ler e a escribir, pero xurdiu o analfabetismo funcional, nin lía, nin escribía. As novas tecnoloxías contaxiaron as ganas de comunicarse a través da escritura, tanto ten que sexa por correo electrónico ca polas mensaxes de móbiles. Con faltas de ortografía e con abreviaturas horribles, pero a xente le e escribe.

Lemos o mesmo contido repetido cen veces en cen páxinas web diferentes, un contido que en ocasións é absolutamente falso.

 Internet é unha fonte de información, pero tamén de porcallada, e non me refiro a cuestións morais, senón a auténticos disparates científicos que se repiten sen rubor, xa que se presentan con igual categoría o máis sisudo dos estudos cá falacia máis simple, co amparo do prestixio que se lle confire ó escrito. Pero falsidades escritas hóuboas sempre, obras dadas por boas resultaron pura falacia. Isto tamén acontece cos contidos de Internet. O usuario, como o lector, está obrigado a unha certa capacidade de xuízo, para o que son necesarios coñecementos anteriores, pois está exposto a contidos vacuos, xa que abrir unha páxina de tres uves dobres é baratísimo.

Non obstante, vimos caer páxinas web cun elevado rigor nos seus contidos por falta de público. Estará acontecendo igual ca coa televisión, que parece abocada a ser un mero instrumento de entretemento e non da mellor calidade?

Facer a páxina e colgala practicamente non custa nada, pero para manter un sitio web con contidos veraces, orixinais e de calidade cómpren cartos, e a única fonte que se me ocorre é a publicidade, que precisa que ese gasto sexa investimento para o anunciante, é dicir, que teña visitas, co que volvemos ó comezo. O gran problema de Internet hoxe, para quen se serve del como canle transmisora, é que é un medio de entretemento, de comunicación e de arquivo fabuloso, pero moitas veces as cousas que publicas é o mesmo que se as escribises nun caderno e o deixases riba da mesa. Por moi ben que fagas as cousas, non tes garantido un público.

Medio de comunicación, entretemento e arquivo. Internet ten tamén ambición de ser unha canle da administración. Que acontece para que aínda non o sexa?

Boa parte dos problemas de desenvolvemento na informática están motivados pola falta de comunicación entre o técnico informático e o usuario, e entendamos por usuario o político con ansias de modernidade, o funcionario que busca ergonomía no seu traballo ou o cidadán que demanda máis facilidades para cumprir coas súas obrigas. O programador procura darlle resposta a unha necesidade cando hai alguén capaz de explicarlle cal é esa necesidade, ás veces con máis tino, outras con menos. Pero a información dos servizos administrativos para o usuario final é cousa de anos, e de poucos anos.

Os blogs son á Internet do 2004 o que as tertulias de café a 1904?

O blog é un avance deses que reivindico para o usuario, é dicir, que unha persoa sen coñecementos de programación poida crear o seu propio espazo en Internet. Agora ben, fáltalles o diálogo das tertulias de hai un século. Ademais, hai unha diferenza esencial, como en case todo o que se poida comparar entre 1904 e o 2004, e é a presenza da muller, e iso modifica calquera comparación que se poida facer destes cen anos.

Gustoulle a película Matrix?

Aínda que admito un distanciamento provocado seguramente pola idade, coido que non me gustaría tampouco ós 15 anos. Non tolero a estupidez, nin na ficción. Pensar que os seres humanos poidan ser gobernados por máquinas resúltame inverosímil. Todas esas teorías son unha sucesión de especulacións sen fundamento, onde non existen experiencias humanas, algo que si é obxecto do meu interese.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto