Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Cafeteiras exprés: Diferenzas considerables no sabor

Son moi distintas na calidade do café que elaboran e no prezo, pero as máis caras non son mellores

  Analizáronse sete cafeteiras exprés con prezos que van desde os 89 euros de Ariete Cremissimo e Ufesa Presto ata os 140 euros de Saeco Via Venetto.
A mellor relación calidade-prezo é Rowenta-Adagio ES170, por facer o mellor café e por ser a máis sinxela de usar, e a un prezo que a sitúa na media do das mostras estudadas. Unha das dúas máis baratas, Ariete Cremissimo, é unha boa opción: fai un café tan bo ou mellor có das máis caras e é a que menos enerxía consome.

As cafeteiras exprés conseguen a infusión facendo pasar auga moi quente polo café moído a gran presión durante un curto espazo de tempo. Deste xeito emulsiónanse substancias graxas que doutro xeito se perderían: a función destas graxas é darlle corpo ó café, preservar elementos aromáticos que fan que o sabor perdure na boca e formar na superficie do líquido unha fina capa de crema. É por iso que o café exprés se debe consumir así que se prepara.

As sete cafeteiras analizadas contan con depósito de auga extraíble para que sexa máis doado enchelas de auga e incorporan tamén vaporizador para quentar o leite (que tamén se pode empregar para ferver auga e facer té ou outras infusións). O caudal de vapor non é regulable en Krups Exprés Line e Rowenta Adagio ES170. Doutra banda, as sete dispoñen de pilotos para indicar que están a ser usadas e mais bandexa recollepingas. En Rowenta, esta bandexa non é extraíble, o que dificulta a súa limpeza.

Para poder gardalas

A diferenza de tamaños foi salientable: a cafeteira máis pequena é Delonghi (18,6x28,8x21,7 cm). Ariete (un 54% máis grande cá máis pequena), Saeco (57% máis), Rowenta (68% máis) e, sobre todo, Ufesa (87% máis) son considerablemente máis voluminosas. Un cable longo significa maior liberdade para colocar a cafeteira lonxe do enchufe. O de Krups é o de maior lonxitude, con 127 centímetros, seguido por Ufesa (123 cm) e Ariete (122 cm). O cable máis curto é o de Rowenta, con só 82 centímetros. Iso si, esta cafeteira, ó igual ca Krups e Saeco, ofrece un útil sistema enrolacables que facilita a súa almacenaxe. No tocante ó consumo eléctrico real destes pequenos electrodomésticos, a de gasto máis moderado é Ariete, con 931 W, mentres que as de máis consumo son Ufesa (1.120 W) e Rowenta (1.112 W).

Os depósitos de auga incorporan todos un indicador de nivel de auga para saber cando cómpre enchelos, non sendo Rowenta, que ten un depósito transparente pero non demasiado efectivo para saber canta auga hai porque o nivel non queda á vista. No tocante á súa capacidade, Rowenta é a que ten o depósito menor, con só 12 cuncas (de 43 cm3 cada unha), menos da metade cá mellor neste apartado, Saeco, con 26 cuncas. Pero o máis sorprendente é que os resultados desta proba non coinciden co indicado nas súas etiquetas: as tres cafeteiras que informan da súa capacidade anuncian volumes que non se corresponden coa realidade: Solac indica 23 cuncas, pero só chega a 20, e Ufesa anuncia 20 no canto das súas 18 reais, aínda que o caso máis inaceptable é o de Delonghi, que anuncia 30 cuncas e só ofrece 18. As outras catro cafeteiras non informan deste dato.

Elementos engadidos

No tocante ós accesorios, todas inclúen unha culler dosificadora, filtro para facer á vez unha ou dúas cuncas e un portafiltros de café moído cun adaptador que serve para facer café con crema. Krups e Saeco son as únicas cafeteiras sen pisón para esmagar o café no caciño, útil para que a infusión teña un sabor e aroma máis intenso. Rowenta tampouco inclúe pisón, pero non o precisa, xa que o propio aparello preme o café moído cando se introduce. Ademais, en Rowenta é máis sinxelo quitar as borras de café. Krups é capaz de manter as cuncas de café quentes.

Todas as cafeteiras poden facer dúas cuncas á vez, pero en Krups, Delonghi e Saeco a cantidade dispensada en cada cunca é distinta. En Delonghi chega a haber ata 16 milímetros de diferenza entre as dúas cuncas. No tocante ó tempo de errogación (o que transcorre desde que se preme o botón ata que o café completa a cunca) chega a variar ata un 100% na mesma cafeteira, como en Krups ou Delonghi. Solac e Rowenta son as máis rápidas e Rowenta é tamén a que ofrece unha temperatura da infusión máis elevada e uniforme.

Proba de uso

Seis usuarios habituais probaron cada unha destas cafeteiras para acadar unha idea da utilidade real destes pequenos electrodomésticos. As sete cafeteiras aproban cun "ben" e hai poucas diferenzas entre elas.

O manual de Arieta suspendeu por incómodo e pouco claro, todo o contrario có de Krups, que destacou pola súa utilidade e claridade e que mesmo ofrece un pequeno libro de receitas. Ariete tamén falla por ter un vaporizador incómodo. O mellor deseño (aínda que algo voluminoso) é para Ufesa, con 4,3 puntos sobre 5. Rowenta fallou en facilidade de mantemento e limpeza, pois é a única que non dispón de bandexa recollepingas extraíble, pero tamén é certo que é a única con mecanismo de exección de borras (o que facilita a súa expulsión). Solac e Ufesa (4,2 e 4 puntos sobre 5, respectivamente), son as mellor valoradas para quentar líquidos. En formación de escuma destaca Ariete.

Na valoración xeral dos equipos as diferenzas son mínimas, menos de dúas décimas entre o mellor e o peor: de 3,5 puntos sobre 5 posibles a 3,7 puntos.

A información ó consumidor é correcta, agás dúas das garantías. A de Solac ofrece só un ano, cando o mínimo legal son dous (o que non obsta para que o consumidor estea protexido por estes dous anos de garantía, diga o que diga o documento), e a de Ariete por estar escrita unicamente en italiano. No tocante á seguridade eléctrica, todas as cafeteiras superaron as numerosas e esixentes probas de laboratorio.

No sabor, inflúe a moenda?

Cada sistema para facer café ten a súa moenda: canto máis curto sexa o contacto entre o café e a auga, mái fino cumprirá moer o gran. Os grans exprés precisan unha moenda moi fina, as cafeteiras italianas unha moenda fina, as de filtro (melita ou goteo) unha grosa, e no café de pota ou feito na cafeteira de émbolo unha moenda moi grosa.

O café é un dos poucos produtos, xunto co aceite ou o viño, que se xulga profesionalmente mediante unha cata moi estandarizada, polo que para comprobar se o resultado final realmente varía ó cambiar de moenda catro expertos analizaron as calidades organolépticas de dúas cuncas por cada cafeteira: unha con moenda específica para cafeteiras exprés e outra con moenda estándar.

A principal conclusión é que paga a pena utilizar café cunha moenda específica para estas cafeteiras. No tocante ó resultado con cada cafeteira, a única que acada o "moi ben" é Rowenta (en moenda xenérica só "ben"), seguida por Solac ("ben" con ambas as moendas). Pola contra, os peores cafés (cun mediocre "correcto" con moenda especial, e cun suspenso con moenda estándar) son os feitos con Krups e Delonghi.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto