Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

EDICIÓN IMPRESA.
Xaneiro 2005

Memorias USB: O substituto do disquete

Os chaveiros USB permiten transportar unha gran cantidade de información no peto

  Teñen o tamaño dun chisqueiro, veñen en diversas cores e formas e lévanse no pulso, colgados ó pescozo ou entre as chaves do chaveiro. Trátase de pequenos dispositivos para almacenar, transportar ou enviar arquivos dixitais, é dicir, desde calquera tipo de documento ata versións dos programas máis utilizados, pasando por fotografías ou cancións en MP3. Son os irmáns maiores do desgastado disquete, máis fiables e con 1000 veces a súa capacidade, e coñécense como memorias ou chaveiros USB, aínda que ás veces se emprega algún dos seus nomes en inglés: flash drives, pen drives, USB dirves ou USB keys.

De entre os dispositivos encargados de tomar o relevo do disquete, as memorias USB destacan fronte ó resto (os CD gravables, por exemplo) pola súa sinxeleza e manexabilidade. Ofrecen a capacidade dun pequeno disco duro (desde 32 megabytes a 4 gigabytes, aínda que os de 128 MB e 256 MG son os máis empregados pola relación entre prezo e prestacións). Transpórtanse comodamente no peto e conéctanse ó ordenador para intercambiar datos de maneira simple: abonda con enchufalos á entrada USB (presente en tódolos ordenadores desde hai máis dun lustro) para intercambiar arquivos co PC. O contido destas memorias aparece na pantalla como se se tratase doutra unidade de disco (dentro de 'O meu PC') se usamos Windows, e para gravar sobre eles abonda con arrastrar os datos co rato, sen utilizar ningún programa específico.

Calquera persoa que utilice habitualmente máis dun ordenador (por exemplo, que teña un PC de sobremesa e un portátil) atopará nas memorias USB o modo máis eficaz de transportar arquivos. O prezo destes dispositivos foise reducindo a medida que aumentaba a súa capacidade; actualmente unha memoria flash de 256 MB, na que se poden gardar tres horas de música, ducias de fotos ou centos de documentos, custa arredor de 40 euros.

Algo máis ca espazo para arquitos

Moitos destes dispositivos ofrecen algo máis ca espazo para transportar datos. O máis habitual é que sexan capaces de reproducir MP3, aínda que tamén se poden atopar memorias USB que fan as veces de reloxo, calculadora, gravadora, sintonizador de radio e mesmo cámara dixital.

O futuro destes dispositivos é integrarse noutros, posto que cámaras, reprodutores de música ou PDA serven tamén para almacenar e transportar datos nas súas tarxetas de memoria. O que acontece é que estas memorias portátiles aínda están dando os primeiros pasos, pois non hai tanto que Pen Drive (www.pendrive.com) lanzou a primeira memoria flash USB, cunha capacidade (agora ridícula) de oito megabytes e cun prezo moi elevado. Segundo Semico Research, dos 30 millóns de dispositivos vendidos no 2003 pasarase ós 250 millóns no 2007. En países onde o seu uso está máis estendido, como Xapón, xa hai diversas iniciativas para aproveitar este aparello, como a posibilidade de mercar entradas de espectáculos por Internet e gardalas no chaveiro USB.

Para tódolos gustos

Dado que se trata dun dispositivo para 'levar posto', os fabricantes esmeráronse para crear memorias flash de deseño atraente. Pero por riba de estética, tamaño e peso, o usuario debe valorar que uso lle vai dar ó chaveiro USB para elixir ben entre os numerosos modelos do mercado. Para un uso 'normal', como transportar documentos entre a oficina ou universidade e o ordenador da casa, abondarán 128 MB ou, dado que xa contan cun prezo alcanzable, 256 MB. Se se trata de gardar pesados arquivos multimedia ou de realizar unha copia de seguridade do máis importante do disco duro (a memoria USB pódese utilizar para arrincar e recuperar un sistema), haberá que pensar en investir en dispositivos dun ou dous gigabytes, aínda que hai que valorar se nestes casos non compensa un CD ou un DVD gravable, máis incómodo pero de gran capacidade e de prezo máis reducido.

O usuario tamén deberá contemplar se lle interesan as prestacións engadidas que ofrecen algunhas memorias portátiles, como a capacidade de reproducir música. Se se ten un ordenador antigo, hai que saber que os chaveiros USB non dan problemas coas últimas versións de Windows, Linux e Mac (que os recoñecen automaticamente), pero precisarán drivers (controladores) para entenderse con Windows 98 ou cunha versión anterior a Mac OS 9. Tamén é importante a velocidade de transmisión, en especial se se almacena unha gran cantidade de datos: os que utilizan USB 2.0 moven datos a unha velocidade (ata 20 MB por segundo) moi superior á do estándar USB 1.1 (arredor de 1 MB por segundo).

Seguridade

Ó usuario que manexe a miúdo dous ordenadores resultaranlle útiles programas como o 'Pen Drive Manager', que sincronizan de xeito automático os arquivos do chaveiro USB e ambos os dous PC. Se se transportan datos sensibles ou documentos importantes que non deberían caer en mans alleas, é posible contar cunha protección por contrasinal para que só o propietario poida acceder ó contido do dispositivo.

Moda USB

Moda USB

Ó contrario ca outros dispositivos de almacenamento, a memoria flash non contén partes móbiles, polo que é especialmente resistente ós 'malos tratos'; SanDisk (www.sandisk.com) demostrou a resistencia do seu modelo Cruzer Titanium facendo pasar un coche por riba. Por iso non hai problema para que as memorias USB se integren en obxectos de uso cotián como chaveiros, bolígrafos, chisqueiros, reloxos e mesmo navallas suízas.

Como acontece cos teléfonos móbiles, ó se espallar o seu uso aparecen máis modelos. De feito, xa hai empresas que ofrecen personalizalos (www.customusb.com). Cada vez son máis pequenos, lixeiros (uns 20 gramos) e adoptan formas máis atraentes: hainos prateados con forma de estoxo de barra de labios, de cores brillantes, transparentes ou deseñados para que luzan ben no pescozo, coma calquera colgante. Esta moda chega ata os cativos -hai 'Disney Flash Memory', con motivos de Mickey Mouse e outros personaxes, e parruliños con memoria que se iluminan ó se enchufaren ó PC (www.dynamism.com/iduck)- ou á cociña, con USB sushi drives (www.dynamism.com/sushidisk) e memorias con forma de pasteliños (www.usbmincepies.co.uk).

  • 'Gadgetmanía'
    www.gizmodo.com
    Esta 'weblog de gadgets' dá boa conta das últimas novidades tecnolóxicas, desde o máis útil ó máis estrambótico. En castelán, SoloGadgets.com ou xataka (www.xataka.com) son moi boas alternativas.
  • Dunha ollada
    www.usbflashdrive.org
    A páxina da asociación de empresas 'USB Flash Drive Alliance' ofrece información para convencer o consumidor das vantaxes da memoria USB.

De tendas
www.flash-memory-store.com
Por prestacións, tamaño ou marca, todo tipo de memorias flash para mercar online. De entre as tendas españolas, Fullhardware (www.fullhardware.com) é unha boa opción pola cantidade de produtos que ofrece.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto