Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A dispepsia, termo que empregaban os gregos e os romanos para se referiren a unha "mala dixestión", identifica unha serie de dores e molestias na zona abdominal semellantes á indixestión. Pódese producir de xeito ocasional e illado, pero ás veces prolóngase no tempo, persiste, repítese a miúdo e, aínda que non constitúe un problema grave de saúde, si altera a nosa calidade de vida e a nosa sensación de benestar. Desde un punto de vista médico, a definición precisa das súas causas supón a maior dificultade dunha afección que, segundo distintos estudos epidemiolóxicos, afecta a arredor dun 20% da poboación nos países occidentais, sobre todo a partir dos 40 anos, e cunha distribución semellante entre homes e mulleres.
Na actualidade, e consonte ós criterios establecidos no congreso de gastroenteroloxía que tivo lugar en Roma no 1999, a dispepsia defínese como calquera dor ou molestia localizada na parte superior e central do abdome. Estableceuse unha clasificación de dous tipos -orgánica e funcional- en función da súa orixe. Na orgánica hai unha causa clara, identificada, que pode producir os síntomas: gastrite, úlcera gástrica, refluxo gastroesofáxico, inxestión de medicamentos, colon irritable, etc. Pero na funcional non hai ningunha enfermidade orgánica que xustifique a sintomatoloxía e todo é normal, agás os síntomas que presenta o dispéptico. A dispepsia funcional constitúe un dos problemas máis frecuentes nas consultas de asistencia primaria, onde supón a causa de entre o 3% e o 5% de todas as visitas. Co fin de non a confundir cunha dispepsia ocasional, que dura só uns días, estableceuse unha serie de criterios diagnósticos:
As causas da dispepsia funcional non están ben identificadas e crese que poden ser varios os mecanismos:
Poden ser moi variados e adoptar diversas manifestacións clínicas. O máis característico da dispepsia é a dor ou molestia na parte alta do abdome ou por detrás do esterno. É unha sensación dolorosa que pode comezar pola mañá, cando a persoa se ergue, e que ás veces non se pode aliviar con nada. Hai tamén sensación de plenitude, de inchazón abdominal despois das comidas, que, ademais, é máis acentuada coas comidas graxas. A miúdo os dispépticos presentan ardor de estómago, pirose, e non é infrecuente que teñan sensación de náusea matutina, ás veces con vómitos que non producen alivio. Moitos sofren perda de apetito.
Non todos os dispépticos teñen os mesmos síntomas. Nuns predomina a dor nocturna que se calma coa inxestión de alimentos, o que o asemella á da úlcera gástrica. Noutros son máis acusados a sensación de inchazo, os arrotos e os movementos deglutorios frecuentes, como se se tratase dunha aerofaxia. Outro grupo presenta molestias retroesternais, ardores, a sensación de ter un nó tralo esterno, unha sintomatoloxía moi semellante á do refluxo gastroesofáxico.
O diagnóstico da dispepsia funcional é un diagnóstico por exclusión, é dicir, establécese eliminando outras posibles causas. Aínda que as patoloxías orgánicas (úlcera, gastrite, refluxo gastroesofáxico...) que poden motivar dispepsia son múltiples, pódese realizar un diagnóstico moi fiable mediante unha boa historia clínica e unha confirmación posterior cun estudo radiolóxico ou endoscópico.
Establecido o diagnóstico, xorde a dificultade de fixar un tratamento para unha afección da que se descoñecen as causas. Cómpre aclarar que moitos pacientes non precisan ningún tratamento farmacolóxico e que non hai unha terapia específica para esta doenza. Esta realidade non é asumida por moitos dispépticos, que pensan que "ten que haber algo". Unha completa e detallada explicación da orixe das molestias e o bo prognóstico da enfermidade polo médico é unha boa terapia. En ocasións o tratamento pode ser desalentador. Malia todas as medidas adoptadas e malia os fármacos subministrados, o alivio pode ser escaso. Así e todo, cómpre dar varias recomendacións que, sen garantiren un alivio total, poden ser efectivas.
Algunhas pautas para os pacientes con dispepsia funcional:
No tocante ó tratamento farmacolóxico, cómpre termos presente que debe ser individualizado segundo a sintomatoloxía predominante. Nalgúns casos poden ir ben os fármacos procinéticos que melloran o tránsito do bolo alimenticio a través do tubo dixestivo; noutros, os antiácidos e protectores da mucosa.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI