Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

EDICIÓN IMPRESA.
Decembro 2004

Dixitalizar imaxes e documentos: Tirarlle partido ó escáner

O prezo e a facilidade de uso do escáner permiten que estea ó alcance de calquera usuario

  O escáner pasou de ser un aparello de alta tecnoloxía empregado por profesionais a converterse nun periférico máis do PC doméstico, presente en moitos fogares por mor do seu baixo prezo -a partir de 60 euros- e debido á súa inclusión en aparellos "todo en un" (impresora, fotocopiadora, fax e escáner). Pero a necesidade dalgúns coñecementos e algo de práctica para aproveitar as súas posibilidades fan que moitos esmorezan cubertos de po preto do ordenador ante a frustración dos usuarios ó non daren acadado boas copias das imaxes orixinais.

Ademais, o auxe das cámaras dixitais mitigou de xeito notable a necesidade de escanear, xa que as imaxes xa se obteñen en formato dixital. Así e todo, este auxe tamén conduce a moitos usuarios a botar man dun escáner para axuntar as imaxes obtidas polo procedemento fotográfico tradicional á súa actual colección de fotografías dixitais.

Ó alcance de calquera

A instalación dun escáner é unha tarefa sinxela; abonda con enchufalo, conectar o cable ó porto USB do ordenador (a maioría dos domésticos utiliza esta conexión) e seguir as instrucións do CD que o acompaña. O máis habitual é que o escáner utilice a tecnoloxía 'Twain', que permite acceder a el desde calquera editor de imaxes, aínda que ás veces é indispensable botar man do programa específico para manexalo que vén canda o equipo (máis livián en canto a prestacións e requirimentos).

Todos inclúen un modo sinxelo de escaneado e axustes automáticos para obter copias dixitais cun par de clics de rato. Pero cando o que se quere é unha gran calidade (para realizar unha impresión en papel a bo tamaño) ou unha copia fiel do orixinal (en cor, contraste, saturación, etc.) a miúdo as opcións automáticas non conseguen os resultados cobizados. A limpeza é un factor fundamental, tanto a do soporte que se vai escanear coma a do propio aparello. Ó igual ca no revelado dunha fotografía, un pelo ou un pequeno lixo sobre o negativo, papel ou nos compoñentes ópticos do escáner serán magnificados na imaxe resultante.

Resolución e paciencia

Un dos conceptos que cómpre ter en conta é a resolución (píxeles ou puntos de imaxe), elemento de referencia para moitos usuarios. No caso dun escáner, é útil coñecer a resolución óptica (real) que aparece no manual e procurar non escanear a maior resolución. Aínda que esta opción se pode materializar mediante a chamada resolución interpolada, esta xamais aumentará a calidade final (o ordenador limítase a "deducir" o que o escáner non capta).

A resolución óptima para escanear unha imaxe ou un negativo dependerá do seu destino. Para vela en pantalla é inútil elixir unha resolución maior de 72 ppp (puntos de imaxe por polgada), pero se a intención é realizar unha impresión de calidade cumprirá elevala ata 300 ppp ou máis. Tamén é recomendable escanear a unha resolución submúltiplo da máxima, é dicir, se a máxima é 3.200 ppp, utilizar esta ou 1.600, 800, 400 ppp, etc. Canta maior sexa a resolución, maior será a calidade da imaxe, pero tamén aumentará o tamaño do arquivo, que ocupará máis espazo no ordenador ou CD e será máis lento para enviar por correo electrónico ou para descargar de Internet.

Tras axustar a resolución pódese preescanear a imaxe para seleccionar só unha parte dela. Despois pódese optar por escanear coas opcións predeterminadas, realizar sinxelos axustes manuais de brillo e contraste, confiar en correccións automáticas como a 'Auto Exposición' ou entrar nas opcións avanzadas para modificar exposición, profundidade de cor, enfoque, tons, etc. En calquera caso, a maioría dos axustes pódense realizar 'a posteriori', con igual ou maior precisión, mediante o programa adecuado. Se se ten pensado retocar a imaxe, é conveniente gardala nun formato que non afecte á súa calidade (como TIFF), no canto de nun comprimido (JPEG ou GIF).

Papel ou negativo, branco e negro ou cor

Existen escáneres planos (para fotografías, textos ou outros obxectos) e de negativos/diapositivas de 35 mm, aínda que tamén os hai mixtos: planos que admiten negativos grazas a un adaptador, pero que non adoitan ser os óptimos para este tipo de soporte.

Nos escáneres de negativos é importante o rango dinámico (ou gama dinámica), medido entre 0 e 4 (o maior), que representa o número de tons que percibe entre o branco e o negro, é dicir, a maior rango dinámico máis capacidade para captar con detalle as zonas máis claras e escuras. Se se dispón do orixinal en papel e negativo, sempre dará mellores resultados escanear a película, iso si, sempre que se conte cun equipo preparado para este soporte. No mellor dos casos, unha copia en papel alcanza os 300 ppp, mentres que unha película pode superar os 1.200 ppp.

A maioría dos laboratorios ofrece a posibilidade de dixitalizar e entregar as fotos nun CD cando se encargan copias en papel a partir do negativo. Así, cando se soliciten segundas copias pódese entregar o CD deixando gardados os negativos.

OCR: Escanear documentos de texto

Unha utilidade menos coñecida dalgúns escáneres, pero que pode ser moi útil, é o recoñecemento óptico de caracteres (OCR). A partir dunha imaxe obtida polo escáner dunha folla de texto (unha revista, unha factura, un libro...), esta tecnoloxía recoñece os caracteres e crea un documento recuperable desde calquera editor de textos (como Word). Agora ben, normalmente resulta inútil dixitalizar documentos que non estean mecanografados.

Aínda que a tecnoloxía OCR avanzou moito, aínda cómpre revisar o texto dixitalizado para corrixir palabras ou símbolos que o escáner non deu interpretado. Co OCR, calquera documento do que só gardamos unha copia en papel pódese converter nun arquivo de texto que se pode modificar (corrixir, actualizar, adaptar, etc.), gardar no PC ou enviar por correo electrónico sen necesidade de volvelo escribir.

Curso de escaneado

 www.hugorodriguez.com
A páxina do profesor de técnica fotográfica Hugo Rodríguez contén un completo "Curso de escáner", cunha calculadora de resolucións elaborada en Excel que se pode descargar.

Programas

  www.download.com
Por medio dunha sinxela busca, ducias de programas (gratuítos ou para avaliar) para tratamento de imaxes e para recoñecemento de caracteres (OCR). En castelán pódese probar, con menos resultados, en Softonic (www.softonic.com) ou na páxina de descargas de entreBits (www.entrebits.com).

Todo sobre o escáner

  www.scanstore.com
Software, compoñentes e máis de 150 modelos de escáner dunha ducia de marcas (novos e de segunda man), coas súas especificacións técnicas e prezos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto