Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Mercado de alugueiro: Unha opción moi pouco atraente

Mercado de alugueiro de vivenda: escaso, caro e arredado das necesidades dos cidadáns

  En 1950, a metade das vivendas en España utilizábanse en réxime de alugueiro. En 1981 esa proporción descendera ata o 16%, e no 2001 o parque de vivendas de alugueiro representaba un moi exiguo 11% das existentes en España. Pero non só a oferta é escasa, senón que, ademais, o mercado de alugueiro é moi caro: arrendar un piso usado de 75 metros cadrados custaba no 2000, segundo o Consello Económico e Social, 359 euros, mentres que adquirilo (crédito hipotecario a vinte anos cun xuro anual do 4%) supuña unhas cotas mensuais de 412 euros. É dicir, pagando unha cota de só 54 euros máis ó mes, a vivenda podíase mercar.

E hoxe a situación segue igual, e ata peor. Non é unha comparación completamente precisa, pero é o cálculo que fai quen reflexiona sobre a posibilidade de alugar un piso e confronta esta opción coa de mercar vivenda. "O crédito átame moitos anos e suponme máis risco, pero ó cabo do tempo terei unha casa en propiedade, mentres que co alugueiro todo é pagar e pagar, para ó final non ter nada": este é o argumento que leva a que cada ano millóns de cidadáns merquen unha vivenda e descarten a opción do alugueiro.

En resumo, nin o usuario -coas condicións actuais do mercado- se quere converter en inquilino, nin o propietario de vivendas desocupadas quere pólas en alugueiro. Un escenario nada propicio, evidentemente, para o fomento da vivenda en réxime de alugueiro.

Hai motivos que o explican

CONSUMER investigou por que a opción do alugueiro foi tan apabullantemente vencida en España pola 'cultura da propiedade'. Entre os motivos sinalados polos expertos entrevistados por esta revista e que quizais máis se descoñecen, destacan a escasa mobilidade laboral española e a insuficiente defensa xurídica dos dereitos dos propietarios que poñen en alugueiro as súas vivendas, que prefiren mantelas baleiras antes que arriscarse a non pagamentos lentos de tramitar no xulgado, tanto que entre 1991 e o 2001 aumentou un 25% o número de vivendas desocupadas. Ademais, a estes factores cómpre engadir o escaso apoio da Administración ó alugueiro de vivendas (hai moita máis dedución fiscal por compra ca por alugueiro de vivenda, ó contrario do que acontece en Europa), a conxuntura económica con tipos de xuro moi baixos (as cotas dos préstamos hipotecarios son pouco máis altos cós alugueiros mensuais) e a escaseza de vivenda social ou protexida de alugueiro (o que obriga ata ós colectivos con menos recursos a se endebedaren por riba das súas posibilidades).

Malia a ser o noso o país europeo con máis vivenda edificada (ten o maior índice número de vivendas / número de habitantes), o problema do acceso á vivenda é superior ó doutros países. Así, o prezo da vivenda no noso país medrou un 17% no 2003, o que nos coloca como o terceiro no que máis subiron os prezos da vivenda dentro do grupo de países industriais e o primeiro na Unión Europea. Este incremento do prezo da vivenda contrasta cos datos de países coma Francia (crecemento próximo ó 12%), Italia (10%) e Reino Unido (preto do 8%). E a tendencia non é nova: España é, xunto con Irlanda, o país no que máis medraron os prezos da vivenda entre 1997 e 2004 (en Irlanda un 174% e en España un 133%). Ademais, as cifras que se agardan para o 2004 son semellantes, de xeito que a vivenda continuará o seu encarecemento.

Insuficiente apoio público ó alugueiro

Unha das causas da escaseza e carestía de vivendas en alugueiro é a case inexistente actividade das distintas Administracións Públicas á hora de promover a fórmula do alugueiro. Das vivendas dispoñibles en España, tan só un 11,4% se ofrece en alugueiro, mentres que en Alemaña, Holanda, Dinamarca e Francia as vivendas destinadas ó alugueiro representan o 40% do total e ás veces máis.

As políticas que en materia de vivenda levan a cabo as administracións públicas españolas desde hai décadas non promoven, precisamente, o alugueiro. Velaquí algunhas desas medidas:

1. Demasiados incentivos fiscais á compra de vivenda. A diferenza do que acontece na maioría dos países da UE, en España o alugueiro dun piso carece de incentivos fiscais. Mentres que quen adquire unha vivenda goza de deducións fiscais de entre un 15% e un 25%, esta posibilidade non se contempla para os alugueiros, non sendo no País Vasco, Andalucía, Baleares, Cataluña, Madrid, Navarra, Comunidade Valenciana e Galicia.

2. Practicamente non hai vivenda de alugueiro social. España sitúase á cola da UE no número de vivendas de alugueiro social, ou, ou que é o mesmo, con axudas públicas para abaratar a cota que cómpre pagar. Só o 2% do total do parque de vivendas se engloba en España dentro desta categoría, fronte á media do 18% da UE. Esta reducida porcentaxe de vivenda de alugueiro social non abonda para atender a demanda dos colectivos con maiores dificultades para acceder á vivenda (xente nova, desempregados, inmigrantes, fogares con escasos recursos, familias monoparentais), que se ven obrigados a endebedarse e, nalgúns casos, a adquirir vivendas en deficiente estado de conservación.

3. Insuficiente defensa xurídica para os propietarios que poderían pór en alugueiro as súas vivendas. A protección xurídica e legal para os propietarios das vivendas en alugueiro é unha das principais tarefas que cómpre que aborden as diferentes administracións. Malia que, segundo os expertos consultados por CONSUMER, hai unha gran demanda de vivenda en alugueiro, os propietarios de inmobles con posibilidade de seren alugados amósanse reticentes e mantéñenas fóra do mercado para evitar problemas como non pagamentos ou atrasos no cobro da renda, estragos nas vivendas, etc., que resultan lentos e complicados de resolver nos tribunais. Historicamente, as normativas legais sobre alugueiros favoreceron ó inquilino fronte ó arrendador, que vía, por exemplo, que o tempo transcorría sen que as cotas non pagadas lle fosen aboadas. Coa introdución de varias reformas na Lei de axuizamento civil en 2003, intentouse facer máis efectivo o procedemento de desafiúzo para loitar contra a morosidade e incentivar así o mercado de alugueiro, pero os resultados destas disposicións foron limitados: un desafiúzo tarda unha media dun ano en facerse efectivo. Todo isto motivou que haxa máis de 3 millóns de vivendas desocupadas, nada menos ca un 22% do total. E se o propietario supera as reticencias a alugar a súa vivenda, a miúdo faino -como mecanismo de defensa ante continxencias adversas- solicitando máis dun mes de fianza ou mesmo un aval bancario por seis ou doce meses de renda.

Co fin de reducir o enorme parque de pisos baleiros e de trasladar o maior número deles ó mercado do alugueiro, entrou en vigor na Declaración da Renda 2004 unha medida que beneficiará (na declaración que se realice o vindeiro ano), ós propietarios de vivendas baleiras que decidan alugalas: deducirán un 40% do importe do alugueiro, que se sumará á dedución xeral do 10% por gastos non xustificados. Esta desgravación aplícase ás vivendas que estiveran desocupadas durante os seis meses previos á sinatura dos contratos que tiveran lugar entre o 19 de abril do 2002 e o 31 de decembro do 2004. Outra medida é a posibilidade de aplicar recargas fiscais ás vivendas deshabitadas, co fin de fomentar a súa saída ó mercado de alugueiro. Así e todo, esta medida parece que aínda está lonxe de levarse á práctica.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto