Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Tixolas antiadherentes: O material é fundamental

As máis caras son mellores, pero hainas excelentes con prezos comedidos

  Analizáronse oito tixolas antiadherentes (tres de aceiro non aliado, dúas de aceiro inoxidable e tres de aluminio) que custan desde os 9,27 euros de Magefesa Danubio ata os 29,39 euros de Tefal Induction, que é a mellor, con 10 puntos en calidade global. A mellor relación calidade-prezo é Tefal Ambience (de aluminio, custa 13,74 euros), por ser a máis económica entre as que superaron todas as probas. En xeral, as diferenzas de prezo están xustificadas: as que mellor resultado obtiveron foron as máis caras.

A variedade de materiais dos que poden estar feitas as tixolas dificulta a tarefa de elixir unha. Nesta análise estudáronse tres tipos moi distintos de tixolas para valorar o seu comportamento real ante as mesmas condicións e para que o usuario se poida facer unha idea de cal lle convén máis, tendo en conta que o prezo das máis caras é o triplo có das máis baratas.

As tixolas de aceiro non aliado son válidas para toda clase de lumes. As de aceiro inoxidable, pola contra, non sempre son eficaces nas cociñas de indución, pero, como descubrir as que si o son? Do seguinte xeito: se un imán queda pegado na súa base non haberá problemas para empregalas en toda clase de cociñas.

As de aluminio nunca superarán este test, polo que non son válidas para as cociñas de indución, aínda que si para as máis; a cambio, resultan máis lixeiras e manexables, e reparten a calor de maneira máis uniforme.

Bo acabado final

As oito tixolas están libres de rebabas, achas e bordos afiados, o seu acabado é correcto, é doado limpalas, son estables mesmo se se sitúan sobre un plano inclinado de 5º e teñen colocado o mango por riba do centro de gravidade.

Unha das probas clave para determinar a calidade dunha tixola é saber se distribúe a calor de maneira uniforme por todo o fondo. Na proba de laboratorio, as tixolas quentáronse baleiras sobre unha prancha eléctrica e sometéronse a unha termografía infravermella que permite "ver" nun termograma as diferentes zonas de temperatura. A conclusión máis significativa é que practicamente non hai diferenzas entre mostras do mesmo material.

Ante a mesma cantidade de calor, as tixolas de aceiro non aliado acadan temperaturas lixeiramente superiores ás de aceiro inoxidable e moi superiores ás de aluminio. As de aceiro non aliado son as que máis diferenzas de temperatura amosan entre unhas zonas e outras (32 ºC de diferenza máxima), mentres que a distribución calorífica nas de aceiro inoxidable (13 ºC de diferenza máxima) e, sobre todo, nas de aluminio (10 ºC de diferenza máxima) é máis uniforme.

Cóncavo e convexo

É esencial que o fondo da tixola non estea curvado nin estragado, xa que de non ser así a calor non se distribúe uniformemente e en certas cociñas (como as de indución) podería mesmo non chegar a quentar por algunhas zonas. A lei española permite a concavidade pero non a convexidade. A norma francesa, pola contra, penaliza tanto un caso coma o outro, polo que, ó ser máis completa, é a utilizada nesta análise.

O fondo das oito tixolas era plano antes de comezar o estudo, pero logo de 25 ciclos de quecemento e arrefriamento sen nada no interior das tixolas (expúñanse a unha temperatura de 220 ºC para deseguido somerxelas en auga a temperatura ambiente), só as dúas de Tefal e a de Ballarini non presentaron deformacións. Taurus e Magefesa Excalibur volvéronse cóncavas, mentres que Perfecto Gourmet, Fasga e Magefesa Danubio se volveron convexas. A empresa Magefesa afirmoulle a CONSUMER que xa detectaran este problema do seu modelo Danubio e que o solucionaran.

Da durabilidade e da comodidade do mango dependerá, en boa medida, a facilidade de uso de cada tixola. En todos os casos analizados a asa é dun material plástico termoestable, rugoso na súa parte externa para favorecer a súa suxeición, que soporta altas temperaturas, e que ofrece unha gran resistencia. Para verificar que os mangos eran illantes, quentouse a tixola con aceite sobre un queimador de gas a 200 ºC durante media hora, tralo cal a temperatura a unha distancia concreta do extremo do mango non pode superar os 70 ºC. A asa tamén debe aturar a calor directa: enfórnase a tixola a 150 ºC durante unha hora para comprobar se aparecen fendas ou bóchegas. No tocante á resistencia á fatiga, deben soportar sen deformación ou afrouxamento 15.000 ciclos de subidas e baixadas suxeitas polo mango, coa tixola sobrecargada. A proba de ignición verifica como se desenvolve o mango fronte a unha chama directa. As oito tixolas analizadas aprobaron as esixentes probas referentes á asa, agás Taurus, que fallou na proba de torsión, é dicir, a que mide se, tralo uso, a asa pode acabar dobrando.

Antiadherencia

As propiedades antiadherentes destas tixolas veñen determinadas polo material co que están recubertas no seu interior. As dúas de Tefal e Magefesa Excalibur non informan do nome do material empregado, Magefesa Danubio utiliza Skandia e o resto aplica Teflón (é dicir, unha resina de politetrafluoretileno). A vantaxe destes materiais é que non se oxidan, non lles confiren mal sabor ós alimentos e aumentan a resistencia térmica, química e mecánica das tixolas. O máis importante é comprobar a súa capacidade antiadherente, e esta proba realízase carbonizando 25 mililitros de leite enteiro nas tixolas. Despois aplícase un chorro de auga fría, que debería arrincar o lixo formado, tal e como acontece con Tefal Induction, Ballarini Mediterránea e as dúas de Magefesa. En Tefal Ambience, Perfecto Gourmet, Taurus e Fasga foi necesario o uso dunha esponxa vexetal para limpalas.

  A dureza do recubrimento antiadherente dá unha idea da súa durabilidade. Para comprobalo pásanse cunha forza idéntica minas de lapis de distinta dureza ata que algunha consiga deixar marca no recubrimento. Tamén se mide o ben unido que está o recubrimento antiadherente ó fondo da tixola e se hai perigo de toxicidade por unha posible migración de materiais da tixola ós alimentos. Nas tres probas o resultado foi correcto e semellante entre as tixolas estudadas.

Ó microscopio

No que si se diferencian os recubrimentos é na súa espesura. Tomáronse mostras do recubrimento de cada tixola que foron analizadas ó microscopio. A mostra co conxunto de capas máis groso de material antiadherente (fondo e lateral) é Tefal Induction, aínda que a maioría obtén resultados moi similares. Magefesa Danubio e Ballarini Mediterránea son as que acadan un resultado máis discreto neste apartado.

Calidade global

A calidade global de todas as tixolas é satisfactoria, pero hai diferenzas: Tefal Induction obtén 10 puntos, en segundo lugar sitúanse Tefal Ambience, Ballarini e Magefesa Excalibur, con 9,2 puntos, que tampouco fallaron en ningunha proba. Séguenas Perfecto Gourmet e Fasga Multicolor, con 8,1 e 8,5 puntos respectivamente e, para rematar, Taurus Activa e Magefesa Danubio, ambas as dúas con 7,7 puntos, unha boa puntuación, pero a máis baixa da análise.

Aínda que ningunha tixola ofrece propiamente un documento de garantía (polo que as oito suspenden de entrada este apartado), Perfecto Gourmet, Fasga e Magefesa Danubio indican na etiqueta que os seus produtos están garantidos durante un ano (o mínimo esixible por lei é o dobre). As dúas de Tefal non indican a duración da garantía, aínda que si mencionan que esta existe. Ballarini, Taurus e Magefesa Excalibur, pola súa banda, nin sequera fan mención a este requisito obrigatorio.

Como coidalas

Cumprir unhas sinxelas regras de conservación incrementará a vida útil das tixolas antiadherentes.

  • Antes do primeiro uso, convén lavar as tixolas con auga e xabón, secalas e aplicar no seu interior unha fina capa de aceite.
  • Os cambios bruscos de temperatura (refrescalas baixo a billa aínda quentes, sobrequentalas baleiras...) son moi nocivos, porque poden deformar o fondo e impedir que a calor se reparta uniformemente no futuro.
  • Cómpre centrar ben a tixola sobre a cociña para non danar o mango ou o revestimento e acadar así unha óptima distribución da calor.
  • É preferible empregar utensilios de plástico ou madeira (nunca metálicos) para non danar o recubrimento antiadherente. Polo mesmo, non convén cortar os alimentos dentro da tixola.
  • Para a súa limpeza débese utilizar unha esponxa suave, auga quente e deterxente. Os produtos agresivos e os estropallos metálicos poden danar o interior.
  • Dirixir o mango da tixola cara ó interior da cociña durante a fritura evitará perigosos accidentes co aceite fervendo.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto