Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Cando se fala de terremotos tendemos a pensar en fenómenos alleos ó noso contorno. De feito, as grandes catástrofes sísmicas que saltan ós titulares dos informativos prodúcense en rexións arredadas de nós. Así e todo, cómpre non esquecer que a Península Ibérica se sitúa no bordo suroeste da placa eurasiática na súa colisión coa placa africana. O desprazamento tectónico entre ambos os continentes provoca a actividade sísmica na conca mediterránea e é a causa dos grandes terremotos en zonas como Grecia ou Turquía. En España rexístranse anualmente entre 1200 e 1400 terremotos, dos que uns 870 non chegan á magnitude 4 da escala Richter.
A codia da Terra está conformada por unha ducia de placas duns 70 quilómetros de grosor. Estas placas tectónicas estanse acomodando continuamente nun proceso que se produce desde hai millóns de anos e que foi dándolle a forma que hoxe coñecemos á superficie do noso planeta. Como consecuencia dese fenómeno orixináronse os continentes e os relevos xeográficos, dentro dun proceso aínda inconcluso. Nalgúns casos estas placas chocan entre si como grandes lazos de terra sobre un océano de magma, impedindo o seu desprazamento. Daquela unha placa comeza a desprazarse sobre ou baixo a outra, orixinando lentos cambios na topografía. Pero se o movemento é dificultado, comeza a acumularse unha enerxía de tensión que nalgún momento se liberará e unha das placas colidirá bruscamente contra a outra rompéndoa, liberándose entón unha cantidade de enerxía que orixina o terremoto. Resumindo moito, un terremoto consiste na liberación de súpeto, a xeito de ondas que se propagan en todas direccións, da enerxía acumulada na codia terrestre.
Son as zonas en que as placas exercen esta forza entre elas e é o lugar en que, con máis probabilidade, se orixinan fenómenos sísmicos. Só o 10% dos terremotos ocorren lonxe dos límites destas placas.
É o punto na profundidade da Terra desde onde se libera a enerxía nun terremoto. Pode estar a moitos quilómetros cara ó interior da terra.
É o punto da superficie da Terra directamente sobre o hipocentro. É, xeralmente, a localización da superficie terrestre onde a intensidade do terremoto é maior.
A medición realízase a través dun instrumento chamado sismógrafo, que rexistra nun papel a vibración da Terra. Este aparello recoñece dous tipos de ondas: as superficiais, que viaxan a través da superficie terrestre e que producen a maior vibración desta (e probablemente o maior dano), e as centrais ou corporais, que viaxan a través da Terra desde a súa profundidade.
Representa a enerxía sísmica liberada en cada terremoto. É unha escala que medra de modo potencial ou semilogarítmico, de xeito que cada punto de aumento pode significar un incremento de enerxía dez ou máis veces maior. Unha magnitude 4 non é o dobre de 2, senón que é cen veces maior.
Creada en 1902 polo sismólogo italiano Giusseppe Mercalli, non se basea nos rexistros sismográficos senón no efecto ou dano producido nas estruturas e na sensación percibida pola xente. Oscila entre o grao I e o XII.
Actualmente non existe ningún método capaz de predicir o tempo, lugar e magnitude dun terremoto. Esta dificultade radica no comportamento non lineal e bastante caótico que teñen os movementos sísmicos. É máis realista referirse ó "risco" de terremotos, xa que non existe unha certeza maior que dicir que en certa zona hai unha probabilidade estatística de que se rexistre un evento sísmico de magnitude variable descoñecida.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI