Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

'Backups': Información a salvo

Utilizar sistemas que fagan copias periódicas dos discos duros evita perder información importante

  A información do disco duro pódese atopar en dous estados: ou aínda non se perdeu, ou xa se perdeu. Antes de que aconteza o segundo cómpre tomar medidas preventivas para salvagardar, polo menos, os datos máis importantes. Trátase de crear copias de seguridade (backups) nunha localización distinta á orixinal para, en caso de perda ou deterioración de arquivos, ter a opción de recuperalos.

Ó contrario do que ás veces se coida, é máis importante protexer a información cós programas, pois estes últimos sempre se poden volver instalar, mentres que os documentos, fotografías, correos electrónicos, etc., as máis das veces son únicos e a súa perda é insubstituíble. Ben saben as empresas da importancia de crear copias se seguridade, para iso empréganse máquinas dedicadas especificamente a realizar backups dos sistemas de maneira regular e automática. Pero tamén o usuario común, no ordenador da súa casa, debería contemplar esta tarefa se ten no seu disco duro información que non lle gustaría perder.

Porque non é tan difícil que os arquivos desaparezan por sobreescrituras ou borrados involuntarios, fallos do equipo ou dalgún programa, apagados incorrectos e mesmo ataques de virus. O usuario que perdeu algunha vez o traballo de toda unha semana, ou as fotos dixitais da súa voda, sabe da importancia de contar cunha copia de seguridade; o que ata agora tivo sorte, debería previr antes de curar.

Lonxe do orixinal Pódense realizar copias de seguridade dentro do propio ordenador, algo que servirá para recuperar arquivos deteriorados eliminados de xeito accidental, pero que será inútil en caso de fallo do disco duro ou, por exemplo, de roubo do equipo. Por iso o ideal é que os arquivos duplicados estean noutro lugar. Dependendo do tamaño do que se queira gardar, pódense crear copias de seguridade nun disco duro externo, un CD-ROM, un DVD ou algún outro dispositivo de almacenamento.

Tamén é moi útil contar con algún sitio en Internet onde gardar unha copia de arquivos importantes (pero non demasiado pesado), que ademais facilita o seu acceso desde calquera ordenador. Sen ter que gastar cartos para mercar espazo en Internet, actualmente pódese contar coas contas de correo gratuítas, que xa ofrecen entre 100MB e un gigabyte (1000 megabytes) de capacidade para as mensaxes. Así, abonda enviar ó noso correo-web os arquivos adxuntos que queremos preservar ou ter sempre ó conectármonos, como a axenda de enderezos ou os favoritos.

Copia incremental

Desde Internet pódense descargar gratuitamente ducias de programas para realizar copias de seguridade, como Cobian Backup, FreeBackup ou Back4Win. Logo de instalar o elixido, o usuario debe seleccionar que arquivos ou directorios desexa copiar, decidir se quere facer a copia manual ou automática cada certo tempo e seleccionar o nivel de comprensión dos arquivos. Unha vez realizada a primeira copia de seguridade completa, as sucesivas poden ser 'incrementais' ou 'diferenciais', dous sistemas moi similares nos que se engaden á copia de seguridade só os arquivos modificados, polo que non hai por que gardar todo cada vez.

Os mesmos programas que realizan copias de seguridade serven para restauralas, é dicir, descomprimir e recolocar os arquivos para volvelos a utilizar, e adoitan axudar a exportar as copias a distintos soportes. Por exemplo, se se gardan en CD gravables (CD-R), pódese partir a copia en paquetes de 700MB para gardalos en varios discos. Utilizar un programa que simplemente grave CD (como Nero ou EasyCD) impediranos aproveitar servizos específicos que si incorporan estes programas para facer backups.

A última versión do sistema operativo máis utilizado, Windows XP, inclúe a posibilidade de realizar copias de seguridade dentro das 'Ferramentas do sistema'. Ademais, sen necesidade de instalar novos programas, pódense realizar copias de seguridade das mensaxes e as direccións de correo (coa opción 'exportar' do menú Arquivo), da configuración do escritorio, iconas, sons e cursores ou dos arquivos do rexistro.

'Foto' do disco

Ante a posibilidade dun fallo total da computadora, froito dun virus especialmente maligno ou da propia deterioración da mesma -de feito, algúns compoñentes imprescindibles do PC, como o propio disco duro ou os circuítos integrados (chips), teñen unha esperanza de vida de arredor de cinco anos-, pódese realizar unha imaxe do disco duro: un arquivo comprimido con todo o seu contido e configuración. Así, en caso de desastre, esta copia de seguridade servirá non só para recuperar todos os arquivos perdidos, senón para devolver o PC ó seu estado anterior ó sinistro, coa súa conexión a Internet correctamente instalada, os controladores de impresoras e outros periféricos en perfecta orde de revista, etc.

Por suposto, esta imaxe débese exportar fóra do disco duro, a outro disco duro ou a calquera sistema de almacenamento no que caiba (varios CD-R ou DVD-R). Para restaurar o sistema, cumprirá botar man dun disco de arranque previamente creado.

A enorme capacidade dos discos duros actuais fai innecesario 'baleiralos' periodicamente gardando os datos noutros soportes. Así e todo, ante a eventualidade dun fallo do sistema, é habitual que eses documentos importantes ou aquelas fotos inesquecibles se exporten ou copien en CD. Facendo caso á información facilitada por moitas marcas, antes de que se estrague un CD quedámonos todos calvos: aseguran que os datos durarán máis de 100 anos.

Así e todo, calquera usuario que grave periodicamente datos (música, fotos, documentos...) en CD-R atoparíase en máis dunha ocasión con que o seu PC non le os discos, co que si eran copia única o seu contido perderase para sempre. De feito, segundo un estudo da revista alemá PC Active, as condicións ambientais (a humidade ou a luz solar son nefastas) ou as rabuñadas reducen a vida media dun CD a tan só dous anos. Así, é recomendable non elixir CD máis baratos, facer unha segunda copia destes de vez en cando ou mercar unha gravadora de DVD, que aínda que hai quen asegura que os discos teñen o mesmo problema, aínda non houbo tempo de que demostren a súa lonxevidade.

 Imaxe do disco
www.drive-image.com
Unha das utilidades máis coñecidas para crear unha imaxe do disco duro e recuperalo tal cal en caso de desastre total.

 Fotografías
www.picasa.com
Antes de copiar as fotos a un CD ou DVD, máis vale telas ben ordenadas, algo sinxelo con este programa gratuíto e moi útil.

Flexible
http://flexbackup.sourceforge.net

  Se Amanda (www.amanda.org) queda grande, Flexbackup sérvelles ós usuarios avanzados para crear copias de seguridade dunha ou varias máquinas.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto