Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

A confianza: Xorde dentro de nós, non fóra

Con paciencia, tempo, sensatez e coñecemento das nosas limitacións convencerémonos da valía das nosas aptitudes e actitudes

  A confianza é o convencemento que alcanzamos sobre as nosas propias capacidades e calidades. Aséntase en nós a medida que constatamos a nosa aptitude nos labores que realizamos e ó tempo que acadamos a habilidade para manter relacións de calidade cos demais. É, xa que logo, un sentimento que se xera no noso interior e somos responsables do seu desenvolvemento. Na infancia precisamos que o contorno, e, en especial, o pai e mais a nai, proporcionen seguridade, atención e fagan que nos sintamos queridos. Máis adiante e ó longo de toda a vida, aínda que sigamos necesitando ser escoitados, respectados e valorados, e queiramos saber e sentir que se cre en nós e nas nosas capacidades, cómpre termos presente que a confianza a temos que traballar persoalmente. Para iso debemos actuar e formalizar relacións baixo a premisa de ter paciencia, darnos tempo, coidar as formas e non esquecermos avaliar e valorar cada unha das nosas accións, non co propósito de xulgalas, senón co fin de constatar as nosas capacidades e de coñecer as nosas limitacións.

Confianza en nós mesmos

  Para podermos sentir que os outros cren en nós debemos ser nós os primeiros en sabérmonos válidos. É imposible crer que os demais confían en nós se nós mesmos non o facemos, pois a confianza nunca vén dada de fóra. Se non hai equilibrio interno pensaremos que o apoio, o aplauso ou a admiración se nos ofrecen para animarnos, por gardar as formas ou, nos máis dos casos, porque non nos coñecen realmente e quedan só coa imaxe que lles estamos proxectando, é dicir, cremos que os estamos enganando. Isto acontece porque facemos as tarefas coa ollada posta nos demais, agardando a súa aprobación e beneplácito, sen un convencemento interior. Ó carecermos dunha guía persoal que nos oriente na consecución da nosa meta ou do proxecto da nosa vida, o esforzo que debemos realizar é moito maior, e lonxe de potenciar as nosas habilidades, debilita e destrúe a confianza en nós mesmos, e, dese xeito, a autoestima. Por que? Para contarmos cunha boa autoestima debemos estar convencidos de que somos aptos para a vida que eliximos levar. Quen non goza de confianza en si mesmo posterga as decisións, atrasa os asuntos pendentes, vai deixando cousas sen facer polo camiño e mantén unha actitude de parálise. E así non consegue máis ca certificar que certamente é unha persoa en quen non se pode confiar.

Cuestión de honestidade

Ó ser tan necesario que sexa verdadeira, a confianza non pode ser cega senón que debe estar sustentada no coñecemento persoal. Un coñecemento totalmente honesto sobre as nosas posibilidades e as nosas limitacións, de modo que ó acometer calquera labor ou iniciar relacións interpersoais saberemos manexar as expectativas para acadar éxitos e non acumular fracasos, en termos de cantidade e de calidade. Se non fomos honestos e fallamos tendemos a desvalorizarnos, a sentirnos menos có resto da xente e a pensar que as nosas opinións non son tan importantes nin interesantes coma as dos demais. En definitiva, que non somos persoas atraentes nin dignas de terse en conta. Manteremos daquela poucas expectativas, moitos silencios e unha linguaxe non asertiva. Nin pediremos nin reclamaremos, co que nos condenamos á unha invisibilidade que nos destrúe. Pasamos a ser persoas dependentes e outorgámoslles autoridade sobre as nosas vidas a todos aqueles a quen cremos superiores e máis sabedores do que precisamos nós de nós mesmos. Unha alerta para saber que a nosa confianza está vulnerada é analizar as dúbidas, permanentes compañeiras de viaxe de quen non cre en si mesmo. Aparecen dúbidas sobre como facer, que facer; sobre os demais e sobre a súa honestidade, pois o listón de medir que se lles aplica ós demais é o mesmo que se usa para un mesmo. E, se se desconfía dun, tamén se é escéptico co outro, o que conduce a unha visión negativa de todo e de todos. Un tórnase unha persoa tensa e con tendencia a controlar as relacións sociais, que ademais desconfía da amabilidade gratuíta do seu interlocutor. A falta de confianza provoca que se asuman imprudentemente ou que non se asuman os riscos e dificultades das angueiras cotiás, co que se vai deixando de aprender, de experimentar e, en definitiva, de vivir o día a día.

As relacións: coidalas ou descartalas

Se ben a confianza nace no noso interior, o seu crecemento e desenvolvemento está moi ligado ás relacións que mantemos e ás respostas que obtemos nelas. Por iso, é tamén a nosa responsabilidade seleccionar, coidar e mimar as persoas das que nos arrodeamos e, algo moi importante, arredarnos das que minan a nosa confianza, e, xa que logo, a nosa autoestima. Cómpre que entendamos que para que exista unha relación é imprescindible que exista confianza, e polo tanto, en nós está abeirar unha boa confianza como punto de partida e garantía da boa saúde das nosas relacións. Isto permitiranos saír de nós, abandonarnos nos outros e amosar a nosa vulnerabilidade, un exercicio necesario para que as relacións, amorosas, familiares ou fraternais, sexan un verdadeiro encontro sereno e cómodo, que posibiliten un enriquecemento persoal. Permitirannos vivir en equilibrio, harmonía e autenticidade.

En consecuencia, confiar en nós é abrir a porta para facer o camiño da nosa vida, e é tamén a esperanza e a ilusión coa que se move unha existencia que sabe do seu sentido e proxecto alí onde vive.

Potenciar a confianza en nós vén da man de...

  • Coñecérmonos todo o posible e de maneira continuada, xa que imos experimentando cambios, coa máxima honestidade.
  • Vivirmos activos: opinando, elixindo, escollendo, significándonos.
  • Valorarmos e congratulármonos das nosas capacidades e posibilidades.
  • Constatarmos as nosas limitacións, para sabermos ser realistas.
  • Afrontarmos retos e riscos con prudencia e sensatez.
  • Iniciarmos e mantermos relacións de calidade, onde a comunicación aberta, positiva e sincera sexa unha constante.
  • Deixarmos de lado a tensión e o control continuo.
  • Permitírmonos amosarnos tal e como somos, sen disimulos nin máscaras ou escudos.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto