Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Economía Doméstica

Λ

Créditos inmediatos: Unha alternativa moi cara

  Dispor de ata 3000 euros en menos de 48 horas e con só unha chamada nunca fora tan sinxelo coma agora, segundo anuncian os numerosos Establecementos Financeiros de Crédito (EFC) que nas últimas semanas inzan os espazos publicitarios. O seu obxectivo é a captación de clientes que precisan urxentemente unha cantidade de cartos limitada (non poden conceder préstamos de máis de 3000 euros) e que para conseguilo están dispostos a pagar -aínda que non sempre son conscientes diso- un tipo de xuro que pode superar o 20% TAE (Taxa Anual Equivalente). O crecente endebedamento das familias españolas -90% da renda bruta dispoñible no 2003, segundo o Banco de España- impulsa a moitas persoas a utilizar os seus servizos.

Como funcionan?

  Aparentemente, o proceso é rápido, sinxelo e cómodo: abonda con ter o DNI en vigor e contar cunha nómina. Sen saír da casa e mediante unha chamada de teléfono ou a través de Internet é posible contactar con estas empresas, que inicialmente solicitan que se responda un cuestionario persoal. Despois, a compañía financeira envíalle por correo ordinario ó domicilio do solicitante varios formularios para que este os cubra e llos remita de novo á empresa. Con toda esta información, avaliarán a situación persoal do demandante e se é positiva efectuaranlle o ingreso no prazo pactado. Nunca pregunta a utilidade que se lles vai dar ós cartos e garanten en todo momento a total confidencialidade, un dos principais atractivos para os clientes. Outro dos seus ganchos son os cómodos prazos de devolución: algunhas permiten devolver 3000 euros ata en 44 meses.

Non é oro todo o que reloce

Prazos reais: o cliente non dispón da cantidade solicitada transcorridas 48 horas desde a primeira chamada, tal e como anuncian, senón pasadas 48 desde que lle conceden o crédito. E os trámites (envío dos formularios ó cliente, a súa devolución á empresa e o estudo por parte da financeira) pódense prolongar máis dunha semana. En realidade, o prazo que anuncian comeza a contar desde que o crédito é aceptado.

Xuros reais: como contraprestación á facilidade na concesión do crédito e á posibilidade da súa devolución a longo prazo, estas entidades prestan o seu diñeiro a un tipo de xuro significativamente superior ó doutras alternativas de financiamento. Así, se un crédito ó consumo nun banco tradicional pode ter unha TAE (Taxa Anual Equivalente) de arredor do 9%, os Establecementos Financeiros de Crédito prestan a TAE por riba do 20%.

Exemplo real de Cofidis, un dos EFC máis consolidados en Europa. A través desta entidade pódese obter un crédito de 600 euros a 7 meses cun tipo de xuro mensual do 1,7367%, o que implica devolver cada mes 96 euros. En total o cliente devolve 672 euros, o que pode parecer moi razoable se non pensamos que financeiramente equivale a pagar un tipo de xuro anual do 22,95%, dúas veces e media máis có xuro máis caro dos préstamos persoais dos bancos.

Última opción de moitas persoas

Cal é o perfil dos usuarios destas financeiras? Xeralmente trátase de consumidores moi endebedados que contan xa cun crédito ou máis dun e a quen os bancos ou caixas de aforro lles negan a concesión dun novo préstamo, polo que se ven obrigados a acudir a este tipo de financeiras. A miúdo tamén entraron no club de morosos. Para os EFC non supón ningún inconveniente que un cliente figure na lista negra, xa que lles segue interesando asumir o risco que supón adiantar diñeiro a cambio dun tipo de xuro moi elevado que garanta o seu beneficio. Ademais, cómpre ter en conta que os cartos adoitan proceder de inversores privados que quedan coas letras hipotecarias asinadas polo debedor. E ese descoñecido será aínda máis implacable cós bancos á hora de quedar con todos os bens do titular do crédito nun momento dado. Outros clientes potenciais son as persoas que precisan os cartos urxentemente para pagar unha viaxe, algún imprevisto no coche ou a vivenda, ou quen ten a necesidade de repor uns cartos que gastou sen o coñecemento do outro cónxuxe.

Non son bancos ou caixas de aforro

En termos estritamente legais, estes préstamos inmediatos, tamén coñecidos como créditos por anuncios, non son créditos persoais e non os ofertan as entidades bancarias ordinarias. Trátase de créditos ó consumo fáciles e inmediatos representados por unhas financeiras sometidas a regras moi semellantes ás dos bancos e caixas, coa diferenza de que teñen prohibido captar depósitos de clientes: a súa actividade é exclusivamente de crédito. A diferenza dos bancos, que viven en boa medida do diñeiro captado en contas correntes, depósitos, etc., estoutras empresas obteñen o seu financiamento a través dos seus accionistas e de créditos bancarios. No 2002 existían en España 84 Establecementos Financeiros de Crédito. Ó seren empresas legais, o Banco de España limítase a vixiar que os prestamistas non se fagan pasar por bancos nin induzan a que se lles confunda con eles, unha artimaña que lles pode supor sancións de ata 30.000 euros. Polo demais, a súa actividade é lícita, incluído o elevado xuro, por considerarse que "dalgún xeito teñen que compensar o risco asumido".

Algúns consellos

  • Convén distinguir entre entidades financeiras especializadas en créditos de baixo importe (ata 3000 euros) e prestamistas que operan á marxe da supervisión do Banco de España. O tipo de xuro que ofrecen as primeiras resulta elevado: unha TAE do 23% no caso de Vía Libre de Cofidis, do 24,60% na Conta Aforro do Banco Sigma e do 25,65% no caso de Fimestic. Pero o das segundas éo ás veces aínda máis, co engadido de que operan á marxe do Banco de España.
  • Os créditos rápidos só se deben solicitar cando xa se esgotaron outras vías. Dado que o seu xuro é máis de dúas veces e media maior có de bancos e caixas de aforro, é preferible sopesar outras alternativas antes de pedilos. Pódese intentar con familiares ou amigos, e mesmo se poden pedir adiantos da nómina na empresa.
  • Unha vez que se decidiu que imos optar por un crédito con estas empresas, comparemos entre varias: ofrecen préstamos a xuros ben distintos.
  • Como todo contrato, tamén o dos EFC cómpre lelo polo miúdo. Ás veces impoñen un prazo moi curto para a devolución do capital prestado. -En xeral, non é posible recuar unha vez concedido o crédito. Hai que reflexionar moi ben antes de asinalos e envialos, xa que non sempre nos permitirán cancelar o préstamo cando as xestións estean tan avanzadas.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto