Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Xeles fixadores extra-fortes: Diferenzas salientables na capacidade de fixación

Aínda que na maioría de criterios de calidade non hai grandes diferenzas, as caras fíxanse máis

  Analizáronse oito xeles fixadores extra-fortes, que presentaron salientables diferenzas de prezo: desde os 14,54 euros do litro de Giorgi Line ata os 31,28 euros de Shock Waves. A mellor relación calidade-prezo é Pantene Pro-V, polo seu moderado prezo (25,18 euros/litro), pola súa máxima fixación e por ser un dos mellor valorados na proba de uso. Outra opción interesante é Giorgi Line, o máis barato e correcto en todos os apartados.

Os xeles fixadores deben manter o peiteado durante un tempo prolongado cun acabado natural, brillante e flexible, evitando amazocar o cabelo e sen deixar residuos tras o seu uso. Ademais, é conveniente que inclúan substancias reparadoras, hidratantes e nutritivas que coiden o pelo.

Os fixadores están compostos, principalmente, por auga, á que se engaden substancias xelificantes e concentradoras (aumentan a viscosidade), humectantes (reteñen a auga e hidratan as capas externas do pelo), emolientes (manteñen a estabilidade do xel), conservantes (impiden o desenvolvemento de bacterias, mofos e lévedos), aromas e colorantes que melloran a aparencia do produto, acondicionadores (proporcionan brillo, suavidade e flexibilidade) e outros axentes activos específicos con virtudes reparadoras, nutritivas ou hidratantes. Pero o ingrediente máis importante é o que se encarga da fixación: a resina.

Coidado cos ollos

  Unha das precaucións que debemos adoptar ó utilizar estes produtos é a de evitar que entren en contacto cos ollos. Os fabricantes son conscientes diso, polo que procuran que o pH dos fixadores sexa o máis neutro posible.

Para valorar o pH dos xeles tomouse como referencia o pH do lacrimal do ollo (7,5; é dicir, neutro) e non o do coiro cabeludo. Todos os fixadores están entre o pH 7 e o pH 8, agás Shock Waves, que é lixeiramente máis ácido (6,8) e, polo tanto, peor.
Todos os xeles están perfumados e son transparentes, non sendo Shock Waves, que é opaco anacarado. Un fixador non debe ser demasiado líquido, para que non escorregue entre os dedos ó dosificalo. Os valores altos nesta proba (a unidade de medida é o "mmx10-1/s") indican unha consistencia inferior; por iso, consideráronse positivos os inferiores a 30, intermedios os comprendidos entre 30 e 45, e negativos os que superan este valor. Todos os fixadores se mantiveron por baixo de 30, agás Pantene Pro-V (31) e FX Studio Line (46).
Un contido elevado de extracto seco tradúcese nunha importante cantidade de materias orgánicas e minerais contidas no produto, aínda que por iso non se pode concluír automaticamente que a súa calidade sexa superior. Os resultados variaron desde Pantene Pro-V (o que menos ofreceu, cun 3%) ata Llongueras (o que máis, con 13,1%).
O alcohol é útil como disolvente das resinas e facilita a evaporación do produto, o que axuda á fixación do peiteado trala aplicación do fixador. Por iso é habitual que se engada ás formulacións: Pantene Pro-V e Shock Waves non engaden alcohol, e, entre os outros seis que si o fixeron, Llongueras (32%) é o que máis contén, mentres que en Giorgi (4%) e en Poly Swing (10%) aparece nunha proporción máis modesta.

Materias activas

Analizouse se estes fixadores incluían as substancias con virtudes específicas máis comúns. O pantenol (tamén chamado provitamina B5) ten, segundo os expertos, efectos reparadores, nutritivos e hidratantes, e atopouse en Poly Swing (0,06%), Llongueras (0,13%) e Pantene Pro-V (0,02%). A glicerina e o sorbitol evitan que se escape a auga da preparación e serven para manter a hidratación das capas externas do pelo. Grafic, Fructis, Llongueras e Pantene Pro-V non incorporan ningún destes dous hidratantes. A glicerina viuse en Poly Swing (1,4%), Giorgi (2,7%) e FX Studio (0,10%), mentres que o único xel que evidenciou sorbitol foi Shock Waves (2,8%).
Pero o dato fundamental á hora de escoller un fixador é a súa capacidade de fixación do peiteado. Para comprobar a capacidade de cada xel realizouse un test no laboratorio: cada fixador aplicouse sobre dez guedellas de pelo de orixe europea de vinte centímetros de longo, e deseguido enroláronse nun rolo. Logo dunha noite neste estado, quitouse o rolo, e comprobouse como variaba a lonxitude do rizo cada hora, durante oito horas. Canto máis se alongue o rizo, menor será a capacidade de fixación do xel.
Pantene Pro-V, FX Studio e Shock Waves reveláronse como os que ofrecían o maior poder de fixación. Giorgi Line foi o único con poder de fixación intermedio, mentres que Grafic, Fructis, Poly Swing e Llongueras foron os de comportamento máis discreto neste test de fixación.

A opinión de quen máis sabe

Dez expertos profesionais valoraron o tacto e o aspecto visual que deixaban os xeles sobre o cabelo. Para iso, volvéronse utilizar dez guedellas de pelo idénticas. Sobre elas aplicouse cada xel e cepilláronse ó longo dunha hora. Esta operación repetiuse tres veces, tralas cales os expertos avaliaron como quedaron as guedellas. FX Studio foi criticado pola súa débil consistencia, mentres que a densidade de Fructis foi a mellor considerada. Ningunha das oito mostras de pelo quedou pegañenta trala aplicación do fixador e todas as guedellas tiñan un brillo adecuado antes do peiteado. Ademais, ningunha deixou residuos tralo cepillado.

Os expertos salientaron a facilidade para moldear o cabelo de Grafic e Poly Swing, ó contrario ca Shock Waves. No tocante á suavidade da guedella tralo peiteado, foi insatisfactoria en Giorgi Line, Llongueras, Pantene Pro-V, FX Studio e Shock Waves, mentres que a flexibilidade despois do peiteado se considerou insuficiente en Pantene Pro-V e Shock Waves non lograron flexibilidade no pelo. Poly Swing, Llongueras, Pantene Pro-V, FX Studio e Shock Waves foron os que máis residuos deixaron no cabelo tralo peiteado. Durante o lavado, todas as guedellas se desenguedellaron facilmente e non quedaron residuos en ningunha. E, despois, co cabelo mollado, os resultados obtidos foron moi bos e semellantes en todos os casos, salvo en Shock Waves, pola súa menor facilidade á hora de realizar o peiteado e por deixar de novo residuos. En resumo, as que mellor deixan o cabelo son Poly Swing e Grafic, mentres que Shock Waves é o fixador máis discreto.
Aténdonos a todas as probas de laboratorio e dos expertos, os xeles de maior calidade son Pantene Pro-V e FX Studio, cun "moi ben". Giorgi Line e Shock Waves quedaron nun ben: no primeiro xel, polo seu poder de fixación -non alcanzaba o máximo-, e no segundo, polos residuos que quedaban tanto co pelo mollado coma con el seco. As outras catro mostras son de calidade máis discreta, sobre todo porque proporcionan unha fixación escasa con respecto á dos xeles do primeiro grupo).

A proba dos usuarios

Setenta e dúas persoas (mulleres e homes de entre 18 e 65 anos), consumidoras habituais destes produtos, probaron os oito xeles analizados. Grafic (6,7 puntos sobre 9 posibles) foi o mellor valorado, seguido de Poly Swing (6,3 puntos), e de Pantene e FX Studio (ambos os dous con 6,2 puntos). Fructis (5,4 puntos) foi o peor, seguido por Giorgi e Shock Waves (ambos con 5,7 puntos).

A consistencia do xel, a súa flexibilidade e brillo, o poder de fixación e a duración do efecto é, segundo estes usuarios-xuíces, semellante nos oito fixadores, pero hai diferenzas significativas en catro apartados.
Cheiro: Grafic, Pantene e Shock Waves gustaron bastante máis ca Giorgi, mentres que o resto se situou en posicións intermedias.
Facilidade de aplicación: FX Studio destacou, mentres que Shock Waves foi o peor. Se se comparan estes resultados coa proba do laboratorio, vese que os consumidores prefiren xeles densos, xa que FX Studio é o máis denso, e Shock Waves o de menor densidade.
Aspecto do cabelo trala aplicación do produto: FX Studio obtivo a maior puntuación e Fructis a peor.
Sensación de limpeza do cabelo trala aplicación do xel: destacan Grafic e FX Studio, con 6,6 puntos, fronte a Shock Waves (5,7), Pantene Pro-V (5,6 puntos) e Giorgi Line e Fructis (ambos 5,5 puntos).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto