Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A desalgadura de augas procedentes do mar creou grandes expectativas na conca mediterránea, pero tamén se tornou nunha fonte de polémica. Esta tecnoloxía proponse como un medio alternativo ós discutidos transvases para acadar recursos hídricos de calidade nunha zona historicamente afectada pola escaseza de auga.
A recente derrogación do Plan Hidrolóxico Nacional, baseado no transvase de augas do Ebro, situou a desalgadura no primeiro plano informativo. Os seus defensores aseguran que o consumo enerxético destas plantas sería moi inferior ó custo da construción da infraestrutura necesaria para o transvase, e lembran que a ocupación do terreo e o desprazamento de terras serían tamén menores. Agora ben, os seus detractores subliñan o impacto ambiental que supoñen as salmoiras -residuos de auga salgada que xera este proceso de obtención de auga doce, xa que para eliminalas só cabe o seu traslado e evacuación ó mar, co que iso significa de agresión á biodiversidade mariña. Os escasos estudos de impacto ambiental dispoñibles na actualidade, informan de que os vertidos das plantas desalinizadoras causaron reducións de poboacións de peixes, mortalidade de plancto e corais no Mar Vermello, desaparición de mangleirais e anxiospermas mariñas na lagoa de Ras Hanjurah (Emiratos Árabes), e unha contaminación importante dos lodos por cobres e níquel en Key West (Florida).
Os investigadores levan anos intentando minimizar o problema do alto consumo de enerxía das desalgadoras. De feito, existe xa unha tecnoloxía para crear enerxía baseándose na propia salmoira: un dispositivo chamado PE (Intercambiador de Presión, Pressure Exchanger en inglés) transfire enerxía directamente da salmoira ó fluxo de alimentación sen os problemas de rendemento dos eixes xiratorios de alta velocidade das fábricas actuais. Se se seguise este sistema, a redución dos custos enerxéticos e económicos podería supor que por primeira vez sería posible producir auga potable a partir de auga de mar cun custo inferior por metro cúbico có obtido por outras vías (pantanos, canais, transvases). Porque ese é outro dos aspectos claves, aínda non resolto, da polémica: cal é o prezo final dun metro cúbico de auga desalgada industrialmente e cal é do procedente do transvase do Ebro?
Os investigadores do Centre d'Estudis Avançats de Blanes -CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) informan dunha serie de medidas que cumpriría ter en conta:
Hai diversos factores que fan da desalgadura de auga do mar unha aplicación atraente para as enerxías renovables. Dunha banda, moitas zonas con escaseza de auga desalgada posúen un bo potencial dalgunha das devanditas enerxías, especialmente a eólica e a solar. Un factor positivo é a simultaneidade estacional entre a época de maior demanda de auga potable e a dispoñibilidade destas enerxías. En numerosas localidades costeiras e centros turísticos, a demanda de auga potable medra no verán, motivada polo grande aumento que experimenta a poboación debido ó turismo. E é precisamente no verán cando a dispoñibilidade da radiación solar é máxima. Todos estes factores motivaron que varias institucións e organismos oficiais desenvolveran, ou estean desenvolvendo, proxectos destinados a mellorar e a facer máis competitivos os sistemas de desalgadura de auga de mar que funcionan con enerxías renovables.
A corrente de auga do mar, despois de pasar pola planta desalinizadora, convértese nun caudal de auga doce apta para o abastecemento urbano e o regadío. O problema é que durante este proceso se xera a salmoira, residuo do que cómpre desfacerse, aínda que tamén se podería reutilizar para xerar un ecosistema salobre e mesmo para obter enerxía que realimente a fábrica desalgadora.
Hai dous procesos básicos para extraer o sal da auga: por destilación (evaporación) e por osmose inversa (fórzase a auga de mar a pasar, baixo unha alta presión, a través dunha membrana semipermeable que filtra os sales e as impurezas). Nas plantas que funcionan por destilación o vertido (a salmoira, fundamentalmente) representa de 8 a 10 veces o volume de auga depurado, mentres que nas plantas de osmose inversa este volume do residuo é menor, de 2,5 a 3 veces o volume depurado, se ben o seu contido en sales é moito maior. En ámbolos casos, o vertido inclúe algúns produtos químicos (biocidas, antiincrustantes e antiescumantes) utilizados no tratamento da auga.
En CONSUMER EROSKI tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI