Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Isidoro Ruipérez Cantera, médico xeriatra e presidente da SEGG: "Avellentar non é sinónimo de enfermar"

 A Sociedade Española de Xerontoloxía e Xeriatría leva 55 anos dedicada a estudar, investigar, asesorar e difundir todo o relativo ó avellentamento co propósito de contribuír desde a óptica científica a que a calidade de vida dos vellos sexa o mellor posible. A SEGG agrupa a persoas de moi diversas características, e se ben o contido sanitario cobra especial importancia, tamén o ten o empeño por abranguer outras disciplinas humanistas que traballan en devolverlles ás persoas maiores a súa dignidade e recoñecerlles o espazo prioritario que deben ocupar na sociedade. Para o seu presidente, o doutor Isidoro Ruipérez Cantera, especialista en Xeriatría, a satisfacción do seu traballo é lograr que a persoa maior volva sorrir, querer vivir e ter ilusión. "Un dos nosos obxectivos é que as persoas maiores deixen de sufrir e morran só cando teñan que morrer, e, de ser posible, sen dor nin sufrimento".

Vello, terceira idade, ancián?

Persoas maiores. É o termo co que máis se identifica quen o é. Terceira idade resulta paternalista e mesmo pexorativo; ancián só cualifica as persoas a partir dos oitenta anos, e vello, como substantivo, é unha palabra bonita se non se usa con menosprezo. Unha nota: non lles gusta que lles chamen avós, pois sen dúbida limita a súa función dentro da sociedade.

Por que para algunhas persoas resulta triste falar desta etapa da vida, cando só chegar a ela debería ser un motivo de ledicia?

Efectivamente, chegar a vello é un logro persoal, e así o dicimos no noso Decálogo no seu segundo punto: "toda persoa maior se debe sentir orgullosa por chegar aí". De feito, cando a xente é moi vella presume de anos, e antes de quitalos, súmaos. Pero é que, ademais, poder contar cun sector amplo de xente maior é un triunfo social, tal e como se reflicte no primeiro punto do devandito decálogo: "O avellentamento dun país é consecuencia do seu progreso, e en ningún caso se debe presentar como unha carga ou problema".

Así e todo, a atención ás persoas maiores inclúese institucionalmente dentro dos Servizos Sociais.

Unir marxinación con vellez responde a unha mala concepción sobre as persoas maiores. Resulta unha discriminación, consecuencia da mala política que se fai no noso país, que era, dentro da Europa dos 15, un dos que menos cartos e esforzo lles dedicaba ás persoas maiores. Cando se entra agora na vellez?

Cando se entra agora na vellez?

Administrativamente dise que cando un se xubila ou cando supera os 65 anos. Pero oxalá entendésemos todos que avellentar é, efectivamente, cambiar, pero non sinónimo de enfermar. Se o contemplásemos así, non habería tanto medo a ser unha persoa maior, nin a ser tratado como tal, pois se respectaría a súa dignidade e tódalas súas dimensións persoais. É raro que as persoas esteamos máis novas cá idade que temos; pero non hai por que estar máis estragado có que implican os anos. Os cambios de avellentamento estritamente fisiolóxicos cada vez son máis tardíos, hoxe poderiamos situalos arredor dos 80. A idade non xustifica os achaques. Este é un mito que debemos romper, pois cumprir anos non deriva necesariamente en perder memoria, nin en ter dores, nin en quedar cego ou xordo.

Pero as persoas maiores enferman.

Igual cós nenos. O problema é a perda de autonomía que xeran as enfermidades graves, e, sobre todo, a falta de recursos destinados a cubrir as necesidades desta franxa social. Os programas de vellez son sistematicamente incumpridos, pero o que é máis grave, a sociedade asume como inevitable aquilo que é evitable. Que haxa tanta pobreza na vellez vese como normal, que os ingresos sexan menores có salario mínimo non inqueda, e mesmo que a xordeira ou a porcentaxe de cegueira sexa tan alta asúmese como natural. Son moitos os casos en que unha persoa maior non vai ó hospital e morre na casa de vello. E de vello non morre ninguén; sempre hai unha razón, unha enfermidade ou doenza.

Algo que preocupa moito é o alto consumo de fármacos nestes anos. Ata que punto é un erro?

As propias persoas maiores quéixanse de que lles dan demasiados medicamentos. Este abuso é unha alternativa á atención sanitaria, derivado da escaseza de tempo que se lles dedica cando van ó médico. É máis doado estender unha receita ca atender as verdadeiras necesidades, que se descobren cun pouco de atención e non achacándolle males á idade. Está demostrado que un maior tempo de atención conclúe nun menor consumo de fármacos. En calquera caso, gustaríame insistir en que cando van ó médico, a urxencias sobre todo, é o grupo de idade que ten un maior motivo xustificado para ir. Non van pasa-lo tempo como se fai crer.

Que patoloxías son máis susceptibles de mellora?

Sen dúbida ningunha, as que xeran dependencia e presentan síndromes xeriátricos, como a incontinencia, a desnutrición, os problemas de oído e de vista ou o illamento que deriva en depresións, etc. Todas estas enfermidades cómpre tratalas de maneira multidisciplinar para poder superalas, e aínda que o esforzo da Xeriatría está centrado na súa prevención e cura, os recursos son moi escasos.

A figura dos coidadores das persoas maiores é cada vez máis importante. Cales deberían ser as súas características?

Antes de falarmos de coidadores, distingamos dous tipos de persoas maiores. Dunha banda, as que simplemente teñen anos, que non queren deixar a súa casa e non teñen por que facelo. É fundamental respectármo-la súa autonomía e, aínda que debemos estar atentos á súa saúde, non teñen que ser tratados como persoas pasivas. Doutra, as que precisan coidados especiais, que poden ser sinxelos, como seguir un tratamento farmacolóxico, ou máis complexos. Neste caso, trátase de atender a unha persoa enferma, polo que quen a axuda debería contar con coñecementos específicos, aínda que sexa un membro da súa familia. Calquera non serve para coidala e, así e todo, todo o mundo pode adquirir uns coñecementos elementais e sinxelos.

Cando un coidador debe pensar na posibilidade de pedir axuda?

Cando comece a manifestar síntomas de perder a saúde por esgotamento, decaia o seu estado de ánimo, sufra tristeza permanente ou lle xurdan ideas tan raras que mesmo lle parezan doutro. Coidar unha persoa maior inflúe na vida, pero non ten por que facelo de xeito negativo.

E, cando hai que pensar en acudir a unha residencia?

En xeral, as persoas maiores prefiren non ir, pero son necesarias, e, en bastantes casos, a mellor opción posible. Será o propio médico de cabeceira, ou de telo, o seu xeriatra, quen o debería recomendar. Cómpre ter en conta, tamén, que a persoa maior prefire vivir na súa casa antes que facelo cos seus fillos, pois desexa conservar a súa autonomía e a súa privacidade. Tense certa tendencia, probablemente derivada da marxinación á que a nosa sociedade somete os vellos, a non telos en conta. Non só perderon autoridade, é que nin sequera se lles pide a súa opinión en circunstancias que os atinxen directamente. Por iso, antes de valorar a posibilidade de facelos abandonar o seu fogar, cómpre contar coa súa opinión.

Se cadra o que se quere é afastalos da soidade que supón vivir sós.

Un prezo que hai que pagar cando se vive moito é ir quedando só. Vese morrer os pais, a parella, os amigos e ata pode que algún fillo. Pero hai que distinguir máis ca nunca vivir sós e estar sós. En España viven soas o 15% das persoas maiores, o que non significa que estean soas. Son maiores e poden facer coa súa vida o que mellor lles pareza. E pódese estar moi só vivindo coa familia.

Hai diferenza entre homes e mulleres a estas idades?

Moitas, e desde diversos puntos de vista. Fisicamente, está claro que a muller vive máis, pero con máis enfermidade e máis dependencia. Socialmente é evidente que existe unha discriminación entre viúvas e viúvos: eles cobran máis cartos na súa pensión, por exemplo. E tamén no aspecto cultural prevalece un certo machismo nas relacións. O viúvo novo é moito máis proclive a atopar unha nova parella, a vivir con maior ledicia e a estar mellor visto no seu contorno. A crítica á viúva é máis común.

Precisamente agora fálase moito da sexualidade na idade adulta. Superouse o tabú?

A sexualidade é algo inherente ó ser humano. Nace e morre con ela. E a súa práctica é algo natural. É certo que o sexo está ligado á beleza e xuventude, pero non ten por que ser exclusivo. Será diferente ós 30 ca ós 70, pero igual de respectable e igual de importante poñelo en práctica. Ademais, non é tan rara a parella que afirma que a etapa máis apaixonante da súa vida a está vivindo na vellez.

Que recomendacións lle daría vostede a un mozo e a un adulto para un avellentamento san?

Avelléntase como se vive. Se se teñen hábitos de vida saudables na xuventude e na idade adulta, consérvanse cando se é vello. O que engadiría a todo o que xa sabemos de alimentación sa, fóra tabaco e demais drogas, e a dedicarlle algo de tempo á actividade física, é a recomendación de manter relacións sociais adecuadas. Cada quen ten as súas. Non hai unhas mellores ca outras, pero é importante saberse ser social e exercelo. As persoas necesitámonos as unhas ás outras, e este aspecto convén mimalo.

Permítanos preguntarlle cal foi a súa motivación para especializarse en xeriatría.

Pensei que podía ser máis médico ca noutras disciplinas, pois quería dedicarme á que creo que é a parte máis desatendida da sociedade. Non me equivoquei. Os meus vintecinco anos traballando en Xeriatría proporcionáronme moita felicidade. Coñecín familias coidadoras que non son noticia pero son heroes nun mundo cada vez con menos heroicidades. Puiden estar con persoas maiores que me serviron de estímulo e de exemplo de vida. Sen dúbida, dóeme ver a cotío persoas enfermas sufrindo porque reciben unha atención sanitaria mediocre, e aspiro a presenciar o día en que as persoas maiores deixen de estar discriminadas nos aspectos sociais, económicos, culturais e sanitarios.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto