Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Torradoras de pan de dúas rañuras: Pagar máis non sempre compensa

Nin as poucas funcións engadidas nin as diferenzas na proba de torrado xustifican que algunhas custen un 50% máis cás outras.

  Analizáronse oito torradoras eléctricas de pan, seis das cales teñen prezos moi semellantes (entre os 18,23 euros de Taurus Planet II e os 21,18 euros de Fagor Alba TTE 750V), mentres que Bosch TAT 4301 (28,56 euros) e Rowenta Sensor Electronic (28,40 euros) son notablemente máis caras. A mellor relación calidade-prezo deste comparativo é Ufesa TT7915: unha das máis baratas (19,90 euros), aproba en tódolos tests de laboratorio e é a mellor na proba de torrado.

As torradoras eléctricas permiten torrar o pan de xeito rápido, sinxelo, sen lixar a cociña e sen necesidade de engadir graxa ningunha. Por iso, foron substituíndo ós poucos o costume de preparar o pan nunha tixola cun chisco de aceite.

O mercado ofrece tres tipos de torradoras: as planas permiten torrar toda clase de pan e bolos, pero desaproveitan boa parte da súa capacidade calorífica e o propio usuario debe virar manualmente o produto; as de dúas rañuras, preparadas especificamente para torrar á vez dúas rebandas de pan de 'sándwich'; e as que só dispoñen dunha rañura na que caben rebandas de pan máis grosas ou bolería. As oito torradoras deste estudo son de dúas rañuras, as máis vendidas.

Medíronse no laboratorio tódolos aspectos relativos á seguridade destes aparellos e os oito aprobaron as esixentes probas ás que foron sometidos. Mesmo trala proba de ignición (someter as torradoras a un fío incandescente durante 30 segundos) e trala de funcionamento anormal (cunha potencia superior á nominal) seguiron funcionando con normalidade. Tamén superaron o ensaio de compatibilidade electromagnética, que comproba que non xeran interferencias na liña eléctrica á que están enchufadas.

O que avultan

  Un dos aspectos máis importantes nunha torradora é que non ocupe moito espazo. A máis pequena é Philips (27x17x15cm), seguida de Taurus e Ufesa, mentres que as máis voluminosas son Rowenta e Moulinex. Canto maior sexa a lonxitude do cable, maior será tamén a liberdade do usuario para colocar o equipo lonxe do enchufe. O cable máis longo é o de Philips, con 116 centímetros. Pola contra, o máis curto foi o de Moulinex, 75 centímetros. Tódalas bases fan a función de soporte no que enrolar o cable, agás Solac, que non dispón deste sistema.
Para a súa correcta limpeza, resulta esencial que conten cunha bandexa extraíble na que se vaian depositando as faragullas que se desprenden do pan e que caen ó fondo da torradora. Se non, as migallas de pan amoréanse e acaban carbonizadas no fondo. Tódalas torradoras inclúen esta bandexa que facilita a limpeza. Pero o sistema de Moulinex é distinto ó do resto: consiste nunha ampla trapela abatible que, segundo os técnicos, fai máis difícil os labores de limpeza da torradora.

O temporizador permite programar o tempo que se van torrar as rebandas. Cantas máis posicións inclúa unha torradora, maior será a capacidade de precisar o tempo de torrado e, polo tanto, mellor será o resultado final. Os reguladores de Ufesa, Rowenta, Fagor e Bosch ofrecen seis posicións, mentres que Moulinex, Solac, Philips e Taurus inclúen sete. Nas oito, ó rematar o tempo prefixado remata o torrado e as rebandas saen automaticamente. Polo tanto, os resortes de elevación (presentes en tódolos equipos, agás en Moulinex, Solac e Fagor) son cómodos, pero non imprescindibles. Catro das torradoras non só din que torran o pan, senón que tamén afirman torrar pan conxelado (Moulinex, Rowenta, Philips e Taurus). En realidade todas elas, indíqueno ou non, dan desconxelado e torrado o pan se se conectan á máxima potencia.

Amais da función de desconxelación, Moulinex e Rowenta inclúen opción de requentamento (sen torrar o pan).

O centrado automático presente en Ufesa, Rowenta e Taurus fai que a rebanda sempre estea no centro da reixa, co que o torrado resulta máis homoxéneo. A desconexión automática (Moulinex, Solac e Bosch) apaga a torradora ó rematar o tempo programado no temporizador, aínda que o pan estea no interior da reixa. Moulinex é a única na que a parada para comprobar a marcha do torrado se fai elevando os resortes, o resto ofrece un botón de "stop". Rowenta e Bosch inclúen un accesorio para quentar boliños.

Philips é a única con interruptor xeral de apagado, que permite ter a torradora enchufada sen que se acenda ó introducir as torradas (máis segura para os nenos). Ningunha incorpora indicador luminoso de funcionamento, opción de "manter o pan quente" nin tampouco "torrado só por unha cara da rebanda". Iso si, o tempo programado nos oito temporizadores pódese cambiar sobre a marcha e en todas as torradoras as paredes exteriores son frías (é dicir, están protexidas por materiais termoillantes), co que se minimiza o perigo de queimaduras. En resumo, Rowenta é a máis grande pero a que máis prestacións inclúe. As máis pobres en funcións son Fagor e Solac.

O consumo máximo de electricidade foi en tódolos casos inferior ó indicado, agás en Taurus, que resultou lixeiramente superior pero dentro das marxes que permite a norma (o seu consumo é 16 W superior ó indicado). Moulinex (685,7 W) e Taurus (716 W) son as que menos electricidade consomen, mentres que Ufesa (841 W) e Bosch (814,2 W) son as máis voraces no consumo de enerxía.

Proba de uso

Tódalas torradoras superaron (con matices) a proba de uso que levaron a cabo seis usuarios habituais desta clase de pequenos electrodomésticos. As valoracións amosan poucas diferenzas entre as mellores e peores puntuacións. Todas obtiveron un "ben", pero con lixeiros matices: Philips, Fagor, Taurus e Bosch conseguen 3,8 puntos de 5 posibles, mentres que as puntuacións máis baixas corresponden a Solac e Moulinex, con 3,3 puntos e 3,4 puntos, respectivamente.

Fagor destacou pola claridade e utilidade do seu manual, Taurus, Bosch, Rowenta e Ufesa, polo seu aspecto exterior e acabado; e Philips, Fagor e Taurus, polas súas dimensións e peso. Moulinex é a que ten os mandos máis confusos. En facilidade de uso destacaron Rowenta, Fagor e Bosch, Philips e Bosch foron os equipos nos que as torradas se extraían máis facilmente, e Moulinex a mellor á hora de gardar o cable, aínda que obtivo un "regular" en facilidade de limpeza (pola súa trampa inferior que obriga a inclinar e sacudir o equipo para limpalo correctamente). Tamén obtiveron un regular Rowenta e Solac pola dificultade para gardar o cable (Solac non dispón de enrola-cables e o sistema de Rowenta é máis complicado có resto).

As oito torradoras inclúen un manual con toda a información esixible (información de seguridade, instalación, utilización, mantemento e limpeza do equipo). Con todo, diferiron non período de garantía ofrecido, que a lei fixa en dous anos: Fagor ofrece só seis meses, Bosch un ano, Solac dous anos e Taurus tres (aínda que nestas dúas últimas torradoras, só o primeiro ano é de garantía completa).
En calquera caso, aínda que o documento de garantía sexa incorrecto, o usuario está sempre amparado polos dous anos de garantía que establece a norma.

A clave está no torrado

O laboratorio comprobou o grao de torrado que acadaba cada equipo en diferentes posicións, sempre co mesmo tipo de pan de molde.

  • Posición mínima: Nesta posición o pan só quece. Non se atoparon diferenzas en uniformidade e textura entre os resultados dos diferentes aparellos.
  • Posición media: Neste punto os resultados si que foron desiguais entre os que máis torran e os que deixan pouco torrado o pan. Moulinex e Taurus conseguen un torrado desigual, o primeiro só torra unha cara e o segundo torra menos os laterais có centro da rebanda. Rowenta, Fagor e Taurus obteñen un dourado escaso.
  • Posición máxima: Nesta posición os resultados tamén son desiguais. Mentres que algúns torran o pan de maneira óptima, outros (como Fagor, Solac e Philips) queimárono. Isto pódese deber a que a posición máxima está pensada para torrar pan de maior grosor e textura distinta ás rebandas utilizadas. Moulinex falla na uniformidade do torrado. Taurus é a mellor nesta posición, aínda que outras tampouco chegan a queimar as torradas.
  • Torrar pan conxelado ('posición desconxelación' ou 'posición máxima'): En Moulinex tamén falla en uniformidade e Solac e Fagor deixan o pan demasiado torrado.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto