Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
O estudo de oito mostras, pertencentes a catro tipos, revela que cumpren con todo o que establece a norma
Analizáronse oito mostras de cereais de almorzo en flocos ou expandidos. Tres son mueslis (Kellogg's Muslix Country Store, Alpen e Pascual Muesli Extra), dous están enriquecidos en fibra (Nestlé Fibra 1 e Kellogg's All-Bran Plus), dous son cereais para "coidar a liña" (Nestlé Fitness e Kellogg's Special K) e un preséntase en barriña (Weetabix).
Os cereais en flocos ou expandidos son alimentos axeitados para o almorzo. Estímase que un bo almorzo axuda a que o rendemento escolar ou laboral sexa satisfactorio. Un almorzo ideal podería estar composto por lácteos, cereais e froita. Estes cereais achegan moitos hidratos de carbono, polo que se consideran alimentos enerxéticos, e conteñen tamén proteínas, graxas, vitaminas, minerais e fibra. O mercado ofrece gran diversidade de cereais para o almorzo, se ben para o consumo habitual convén elixir os de menor contido en sodio, azucres simples e graxas saturadas.
O almorzo máis económico realizaríase con Muesli Extra de Pascual, que sae a 3,69 euros/quilo, e o máis caro co de Alpen, a 6,16 euros/quilo.
As análises de laboratorio demostraron que as oito mostras se axustaban ós requisitos establecidos pola norma para cereais en flocos ou expandidos. Ademais, comercialízanse ben etiquetadas, incluíndo a composición nutricional, e non conteñen ingredientes transxénicos.
Os mueslis, polo seu contido en froitos secos, teñen máis graxa có resto, e os que máis vitaminas proporcionan son Nestlé Fitness.
A achega enerxética en cinco mostras é semellante, próxima a 360 calorías cada cen gramos. Entre elas, figuran as dúas "para coidar a liña", Kellogg's Special K e Nestlé Fitness, pero esta suposta contradición non é tal, xa que os dous teñen menos graxa e máis hidratos de carbono, estes últimos máis doados de "queimar" polo organismo cás graxas. Os dous menos enerxéticos, Kellogg's All-Bran Plus e Nestlé Fibra 1 (ambos os dous, arredor de 270 calorías cada cen gramos) son os que teñen máis fibra: preto do 30%, cando a media dos demais non chega ó 8%.
A cata puxo de relevo diferenzas moi significativas: a barriña Weetabix (só 4 puntos) é a mostra peor valorada, aínda que Alpen (muesli) queda en 4,9 puntos. As mellor cualificadas: Pascual Muesli Extra (7,3 puntos) e Nestlé Fitness (7 puntos). A mellor relación calidade-prezo é Nestlé Fitness e outra boa opción é Pascual Muesli Extra. Para quen prefira cereais enriquecidos en fibra, a mellor elección é Nestlé Fibra 1.
O mercado ofrece unha gran variedade de cereais de almorzo.
Estes cereais non poden conter residuos de praguicidas en proporcións superiores ás permitidas nas súas materias primas e ingredientes. Detectáronse restos de praguicidas en catro mostras, Kellogg's Muslix, Weetabix, Nestlé Fibra 1 e Kellogg's All-Bran Plus, pero ningunha superou os máximos permitidos. No tocante a metais pesados, detectouse chumbo nas oito mostras e cadmio en Nestlé Fitness, Nestlé Fibra 1 e Kellogg's All-Bran Plus, pero ningunha se achegou nada ás cantidades máximas permitidas. Outras substancias tóxicas que se poden atopar nos cereais son a ocratoxina e as aflatoxinas, pero comprobouse a súa ausencia nas oito mostras analizadas. Tamén se verificou, mediante análise microbiolóxica, que o estado hixiénico-sanitario das oito mostras era satisfactorio.
As mostras estudadas pertencen a varios tipos de cereais, con distintos ingredientes e enriquecementos en nutrientes, o que fai que a súa composición nutricional sexa diferente. Agora ben, as oito teñen os hidratos de carbono como nutriente maioritario; proceden dos cereais (hidratos de carbono complexos, como o amidón) e mais tamén dos azucres e outros ingredientes engadidos como frutosa, xarope de glicosa, froitos secos ou cachos de froita. Os maiores contidos en carbohidratos ofrécenos os dous "coidar a liña" (Kellogg's Special K e Nestlé Fitness), cun 75% e 80% deste nutriente, mentres que o menor se viu nos enriquecidos en fibra (Nestlé Fibra 1 e Kellogg's All-Bran Plus), cun 48% de media. Para aumentar o sabor e mellorar a textura do cereal, engádense azucres sinxelos: agás a barriña Weetabix (co 3%), tódalas mostras superaron o 13% de azucre, e Pascual Muesli chegou ata o 27%.
O contido en proteínas variou desde o 8% de Nestlé Fitness ata o 15% de Kellogg's Special K. Son proteínas de calidade intermedia, deficitarias no aminoácido esencial lisina, pero os lácteos conteñen lisina, polo que un almorzo de cereais con leite proporciona proteínas completas. A proporción de graxa é superior nas variedades con froitos secos e/ou chocolate e nas que máis usan aceites ou graxas vexetais. Mentres que nas dúas de "gardar a liña", nas barriñas Weetabix e nos enriquecidos en fibra a graxa vai desde o 1,3% ata o 4%, nos mueslis chega ata o 7,3% de Alpen.
Consumir fibra é moi conveniente: combate o estrinximento, mellora a diverticulose e prevén o cancro de colon. O consumo recomendado é de 20 a 40 gramos diarios. As maiores cantidades de fibra víronse en Nestlé Fibra 1 e Kellogg's All-Bran Plus (cereais integrais con salvado), cun 30% e 28%, respectivamente. No resto son moi inferiores, desde o 2,6% de fibra de Kellogg's Special K ata o 10,6% da barriña Weetabix. Hai dous tipos de fibra: a soluble, predominante en legumes, verduras e froitas, e a fibra insoluble, abundante nos cereais. Esta última ten maior efecto laxante, pero a soluble é máis polivalente: regula os niveis de colesterol e o tránsito intestinal e controla os picos de azucre en sangue (moi interesante para persoas diabéticas). As dúas mostras que engaden fibra fano a xeito de extracto de malta, unha fibra soluble.
Na elaboración dos cereais aplícanse procesos e temperaturas (altas) que reducen o contido inicial de vitamina B1. Moitos fabricantes reforzan os cereais en vitamina C e vitaminas do grupo B, amais de minerais. Algúns destes nutrientes interveñen como cofactores de reaccións implicadas no metabolismo enerxético, de grande importancia para nenos, embarazadas e persoas en situacións carenciais. Ademais, xunto co ferro, axudan á prevención de certos tipos de anemias.
As oito mostras conteñen (en distintas cantidades, véxase cadro) vitaminas B1, B2, B3, B5, B6, B9, B12 e vitamina C; a única excepción é Alpen, que non ten vitaminas B1, B2 e B6. Nestlé Fitness engade, ademais, vitamina E, e Pascual Muesli Extra engade vitamina D3. Unha ración de 40 gramos destes cereais pode cubrir a cuarta parte das inxestións diarias recomendadas destas vitaminas; así e todo, pódense obter cunha dieta equilibrada e variada.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI