Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O ser humano non nada instintivamente. A habilidade para se soster e avanzar na auga ha ser aprendida. Este coñecemento críase innecesario no mundo occidental ata ben entrado o século XX, mesmo en sectores tan hidrodependentes coma os pescadores. Pero hoxe, aprender a nadar converteuse nunha prioridade. A proliferación de piscinas e a elección de zonas costeiras, ríos ou pantanos como destinos maioritarios no lecer estival obríganos a todos, desde nenos a adultos, a adquirir coñecementos para familiarizarnos e sentirnos seguros na auga. Ademais, as estatísticas revelan que se ben o número de persoas que non saben nadar diminuíu nas dúas últimas décadas -sobre todo nas franxas de menor idade-, aínda é elevado o número de homes e mulleres que renunciaron a sentirse cómodos dando unhas brazadas. E é que aprender a nadar non é só unha opción de goce: o afogamento ocupa o sétimo lugar entre as causas de accidentes infantís, e na escala de accidentes mortais globais, os ocorridos na auga ocupan o segundo posto, só despois dos accidentes de tráfico.
Canto antes se aprenda a nadar máis fácil resulta, pero a calquera idade é viable logralo. Convén que sexa un experto quen inicie a persoa adulta, pois así se asegura unha aprendizaxe consolidada. Se quen aprende é novo e non sufriu ningún accidente que lle provoque máis temor á auga có lóxico respecto, pode ensinarlle un amigo ou familiar, pero á menor dificultade será o momento de acudir a unha das múltiples escolas especializadas. Con dez sesións ben deseñadas é posible aprender a nadar, aínda que as leccións consisten, máis ca en avanzar sobre a auga, en aprender a flotar e a respirar.
Aínda que é recomendable familiarizar os nenos e nenas co medio acuático desde que nacen, antes dos catro anos son demasiado pequenos para desenvolveren autonomía na auga e adquiriren os movementos da natación. Por iso, os pediatras animan a iniciar a aprendizaxe desde bebés, pero tendo moi presente que os programas de natación non garanten a autonomía do neno, e ata que non sexan adolescentes, sempre que se bañen debe existir a supervisión dun adulto.
Para que o proceso de iniciación non resulte traumático e si o máis frutífero posible, é moi importante presentar a auga coma un elemento lúdico e natural desde os primeiros baños na casa. Aínda que custe, invítase a pais e nais a que non utilicen unha esponxa para limpar a cara dos seus pequenos, é mellor que introduzan a súa cabeza baixo a auga. Isto contribúe a que o pequeno non perciba a sensación de non respirar baixo a auga como algo alleo e que provoca medo.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI