Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Actualmente hai 8.000 especies de árbores en perigo de extinción na súa forma silvestre, con 976 nunha situación crítica. Organizacións ambientais como FFI (Flora e Fauna Internacional) e PNUMA (a Axencia Ambiental da ONU) iniciaron unha campaña coa finalidade de establecer un plan para crear fragas sostibles. Unha ferramenta moi útil para materializar ese plan será a elaboración dun Atlas Mundial de Árbores Ameazadas. Segundo os investigadores, xa están funcionalmente extintas numerosas especies raras de árbores nos trópicos. Estiman, ademais, que case a metade da madeira tropical do mercado internacional foi cortada ilegalmente. Doutra banda, estímase que entre 1960 e 1990 desapareceron máis do 20% dos bosques tropicais (un 33% en Asia e o 18% en África e América Latina). Hoxe, a deforestación da Amazonia prodúcese a un ritmo aínda máis acelerado que na década de 1980, cando o problema comezou a suscitar interese a nivel mundial. E a pesar de todos estes datos, seguimos sen lles prestar a atención debida ás consecuencias da perda das fragas.
En primeiro lugar, cómpre identificar as causas directas e subxacentes que determinan a deforestación en cada caso, así como os actores involucrados, e adoptar medidas estratéxicas para a súa solución. A implantación da Certificación Forestal (FSC) é un elemento que axuda a esta defensa dos bosques. Trátase dun grande instrumento de mercado que lle garante e demostra ó consumidor que a madeira ou calquera outro produto forestal (cortiza, resinas...) procede dun bosque xestionado de xeito responsable e sostible.
Para a ONG Adena/WWF son moitos os axentes que poden frear a deforestación:
As fragas primarias son grandes extensións de ecosistemas forestais que non foron alterados pola actividade humana, polo que se consideran redutos do que foron as fragas orixinais do planeta. A pesar da súa vital importancia para a Terra e os seus habitantes, están desaparecendo rapidamente e de xeito irreversible, segundo Greenpeace. Máis do 75% das fragas primarias localízanse en tres grandes áreas: as fragas boreais de Canadá e Alaska, as de Rusia e as fragas tropicais da Amazonia e o escudo das Guaianas. En España non quedan xa fragas primarias, aínda que existen pequenas superficies de fraga ás que non chegou a actividade humana, como en zonas do Pirineo ou da cordilleira Cantábrica. Non obstante, son espazos demasiado reducidos para seren considerados fragas primarias. Aínda así, tórnase fundamental conservar estas fragas vellas e maduras, pois albergan boa parte da biodiversidade forestal ameazada dos bosques ibéricos.
É a árbore emblemática da Patagonia chilena e arxentina. Sobrevive en poucos lugares do mundo, e unha das zonas ás que se adaptou é precisamente ese territorio inhóspito de Sudamérica. Alí, onde só os arbustos máis duros poden resistir os crus invernos de ventos e temperaturas case insoportables, a araucaria segue medrando como tratando de alcanzar o ceo coas súas afiadas pólas. Os bosques de araucaria viven a máis de 1.000 metros sobre o nivel do mar e o seu desenvolvemento é lentísimo, pero poden alcanzar alturas de ata 40 metros e vivir entre 500 e 1.000 anos. Algúns dos exemplares máis antigos de Sudamérica teñen ata 3.000 anos. A súa madeira, de excelente calidade, é unha das causas da súa paulatina desaparición, xunto cos incendios que se rexistran nestas latitudes.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI