Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Desde hai dez anos Alemaña, Holanda, Suíza e Finlandia veñen desenvolvendo un programa de condución económica denominado 'Eco Driving'. A Unión Europea pretende implantar este plan en todos os países membros nos vindeiros dez anos, co obxectivo de que o condutor aforre combustible ó mesmo tempo que mantén unha actitude respectuosa co medio natural. Barállase a posibilidade de introducir estes preceptos no sistema de ensino para a obtención do permiso de conducir e en cursos para empresas e organizacións que dispoñen de grandes flotas. A Dirección Xeral de Tráfico calcula que co aforro mantido do 1% do total consumido anualmente na Unión Europea, aforraranse tres millóns de litros de combustible e evitarase a emisión de 900.000 toneladas de CO2, o que suporá un aforro de 300 millóns de euros cada ano. En España, o aforro acadaría os 1.850 millóns de euros, equivalente en carburante a un total de 700 millóns de litros de gasóleo e 1650 millóns de litros de gasolina. Segundo estas previsións, cada condutor disporía de 160 euros máis cada ano se se habitúa a seguir unha serie de normas na condución.
Entre as diversas análises que confirmaron a importancia de manter unha serie de hábitos ó volante como a mellor fórmula para aforrar enerxía e mellorar a seguridade, salienta a realizado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) en 1999. Para desenvolver esta proba utilizáronse dous coches da mesma marca e os mesmos litros de gasolina no percorrido seleccionado por cidade. Os resultados obtidos foron os seguintes: conducindo con coidado gastáronse 9,8 litros ós 100 quilómetros, mentres que no caso de condución agresiva aumentaron ata chegar ós 17,5 litros por cada 100 quilómetros. E aínda que os expertos aseguran que as técnicas para realizar unha condución económica están vinculadas ós modernos motores de inxección, a DXT asegura que o aforro comeza no mesmo momento en que se pon o coche en marcha.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI