Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

No Camiño de Santiago...: ¿Peregrino ou turista?

Todo augura que nos vindeiros meses, milleiros de persoas da máis diversa índole, condición, idade e nacionalidade van tomar dirección a Santiago. Non hai máis que botarlle unha ollada ós foros de Internet, como o que nutre a sección "Comparte a túa experiencia" do web monográfico caminodesantiago.consumer.es, para percibir que o número de peregrinos se vai multiplicar de xeito exponencial. Anúnciase, pois, unha saturación nos camiños, maior incomodidade nos aloxamentos e esperas nos restaurantes e mesóns. Unido á satisfacción da consolidación da ruta, a preocupación céntrase agora en que o espírito de cordialidade, xenerosidade e encontro prime sobre calquera outra cousa. E son moitas as voces críticas que chaman a atención sobre unha cuestión sen resolver: canto de turista ten, ou, mellor dito, debe ter un peregrino?

"O turista esixe, o peregrino agradece"

  A peregrinación é un acto tradicionalmente relixioso, aínda que tanto na súa historia coma na actualidade o compoñente cultural está extraordinariamente presente. Con todo, se se atende ó diton polos seus protagonistas, os propios peregrinos, a busca da espiritualidade e o encontro con un mesmo son determinantes. O peregrino non é un paseante, un viaxeiro, un ciclista, nin, por suposto, un turista que opta por unha posibilidade barata aínda que incómoda de pasar uns días de vacacións. Xa que logo, agárdase que o seu comportamento sexa o máis arredado posible ó dun cliente que demanda unha atención. A solidariedade, a autosuperación e a xenerosidade son valores esenciais, en harmonía coa arte, a natureza e as xentes que se chegan a coñecer. "O camiño semellaba unha carreira, e ata había coches de apoio, que alimentaban e reservaban cama nos albergues". "Penso que é un pouco triste que o celme do Camiño se perda". Son testemuños que se poden ler no foro devandito, aínda que as máis das experiencias son positivas "Quero darlles as grazas desde aquí a todos os hospitaleiros, que co seu apoio e co seu dar sen pedir, coa súa bondade e o seu amor, nos confortan no camiño", ou queren servir de consello "A todos os peregrinos que saen de Roncesvalles ou que queren facer máis de 300 quilómetros aconsellaríalles que intercalasen noites en pensións ou en habitacións para descansaren mellor".

O peregrino debe entender que o emprego que fai de todo o que atopa no Camiño, desde os albergues ata a natureza, as ermidas románicas e as fontes, é un préstamo, polo que o debe deixar igual, se non mellor, que como o atopou.

Ser peregrino nos albergues

Unha das cuestións que máis lle preocupa a quen comeza a peregrinación é o lugar no que vai poder durmir. No inverno e a comezos da primavera e do outono, a capacidade dos albergues absorbe sen problemas a chegada de camiñantes, pero de maio a setembro o número de camas é moi inferior á demanda. Non en van, se en 1987 eran 2.500 as persoas que completaron a Compostelana, os últimos datos, do 2003, falan de preto de 300.000.

Os albergues de peregrinos son aloxamentos que concellos, parroquias, asociacións e outras institucións poñen á disposición dos peregrinos. Polo xeral non teñen establecida unha tarifa para ofrecer cama, pero isto non significa que sexan gratuítos. O seu mantemento, a atención prestada e os gastos que xeran deben ser sufragados coas contribucións voluntarias de quen os utilizan. En moitos albergues téñense visto obrigados a solicitar, no verán sobre todo, un pagamento en euros, a xeito de vontade, pois precisamente esa vontade era moi escasa. Outras normas que rexe neles é que está prohibido pasar nestes albergues máis dunha noite, salvo causa de forza maior, e que os peregrinos que percorren o Camiño a pé teñen preferencia, ata as 8 da tarde, para obter aloxamento. Son regras que velan por un bo e equilibrado funcionamento.

Facer a peregrinación a Santiago implica certa sobriedade nos gastos, polo que non é de recibo pedir refuxio barato e gastar os cartos sen control en bens prescindibles. Ser un auténtico peregrino denota honradez e austeridade. No tocante ós hospitaleiros, cómpre dicir que son voluntarios que, con mellor ou peor acerto, desexan atender o camiñante con semero, polo que se debe valorar e apreciar o seu esforzo, moitas veces abnegado. Se non atopa sitio nun albergue, pódese optar polos hostais rurais que proliferaron nos últimos anos. Tamén se lles pode preguntar ós lugareños, que en moitas ocasións ofrecen xenerosamente cea e cama nas súas propias casas.

Guía práctica Camiño de Santiago: en papel e CD-ROM

  Fundación Grupo Eroski quíxose sumar á celebración do actual Ano Xacobeo e editou a Guía Práctica CONSUMER "O Camiño de Santiago", coa finalidade de axudar a quen ten pensado percorrer o Camiño Francés ou o Aragonés. A guía divide a peregrinación en 35 etapas e está ilustrada con máis de 800 fotografías e 35 gráficos orixinais de monumentos. Inclúe comentarios sobre un cento de lugares, vilas e cidades, e en cada unha das etapas enumera e define os lugares e albergues que o peregrino pode atopar, cunha proposta de actividades que se poden desenvolver nos momentos de descanso ó rematar a xornada. Á guía en papel súmaselle un disco compacto multimedia que contén información complementaria que non aparece no formato papel, como mapas interactivos, infografías ou calculadora de gastos. Destacan, neste CD, as vantaxes que permite o formato dixital, como a rápida e cómoda accesibilidade ós contidos e unha conexión directa coa nosa páxina web www.caminodesantiago.consumer.es,que transmite a cotío as novas que xera o Camiño e a programación de actividades do Ano.

Ser peregrino no camiño

  •  O camiño atravesa campos e en ocasións hai que abrir valados e cancelos que hai que pechar. Hai que evitar as terras sementadas e respectar o gando.
  • O lixo, as colillas e todo desperdicio que se xera ó andar "tamén o papel hixiénico" hai que levalo ata atopar unha papeleira.
  • O móbil deben entenderse só como un sistema de seguridade. É preferible non abusar del durante a peregrinación.
  • se viaxa de noite, hai que usar prendas reflectantes.
  • Se se camiña pola estrada, lembremos que cómpre circular sempre pola beiravía do lado esquerdo.
  • Pódese viaxar sen compañía, pero se quen elixe esta opción pasa apuro, pode camiñar a certa distancia dalgún grupo e non perdelo de vista.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto