Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Aprendemos valores e normas imitando as actitudes de quen nos educa
Ensinar a vivir é acompañar a alguén no proceso de maduración cara á súa propia autonomía. Neste camiño, quen ensina debe manter unha postura activa, próxima e vixiante, pero tamén respectuosa, e non pensar ou facer nada que a outra persoa é capaz de dicir, pensar ou facer por si mesma. Doutra banda, coma en toda aprendizaxe, e de modo máis salientable na que se fai da vida, a seguridade que se lle ofreza a quen está aprendendo servirá como piar ó que se aferrar na vida cotiá. Respecto e confianza deben ser, xa que logo, as bases nas que soster a educación. Pero antes, e para chegar a iso, quen ensina debe ser coherente co que vai ensinar, pois vai se converter en modelo coas súas propias palabras e, sobre todo, cos seus actos.
Un bo compañeiro na viaxe de se facer persoa entrelaza a súa dispoñibilidade e compromiso baixo as pautas do amor e da aceptación. O educando debe saberse querido, escoitar que o é, pero tamén sentilo. Polo tanto, cómpre usar con el palabras de afecto, sen esquecer o tacto: a través do seu corpo aprenderá a sentir que se valora a súa persoa, non unha abstracción ou unha realidade conceptual, senón unha concreción que se agarima e se bica, e non só cando é bebé. Tamén debe sentirse aceptado tal e como é, pensa e sente, aínda que non coincida co xeito de pensar e de sentir de quen o educa. A súa seguridade reafirmarase se se lle trata desde a aceptación incondicional, que o admite tal cal é, sen reproches, descualificacións nin etiquetaxes. Hai que ser consciente de que aceptación non ten que ser sinónimo de gustar. Pode suceder que a personalidade de quen estamos educando non nos guste e mesmo que se atope na antípoda da escala propia de valores, pero iso non xustifica unha non aceptación. Cada persoa é independente e distinta.
Diciamos, pois, que a seguridade nun mesmo está en boa parte condicionada por quen no seu día nos acompañou nos comezos da aprendizaxe da vida. Cómpre, polo tanto, preguntarse: que é o que reporta seguridade? Sen dúbida, aquilo no que se confía, que se coñece de xeito empírico e que está avalado pola coherencia. Se o educador se pregunta como pode ofrecer esa coherencia que o vai converter nunha persoa crible, en quen se pode confiar e, polo tanto, en alguén capaz de proporcionar seguridade, pode repasar a súa maneira de estar no mundo.
Educar é acompañar permanentemente. Significa nutrir, proporcionar e enriquecer as potencialidades e aptitudes da persoa a quen se acompaña na súa educación. E significa, ademais, tirar o mellor dela. Pero, mentres os conceptos e as teorías poden transmitirse coa palabra, e mesmo poden chegar a ser obxecto de diálogo e de análise, na aprendizaxe de valores e normas que establecen comportamentos e actitudes o que conta prioritariamente é a imitación dos modelos. Nos casos en que o modelo presenta incoherencia entre o que di e o que fai, a persoa que se está educando quedará co dato do que se fixo, sabendo que é contrario ó que se dixo, pero pesa, importa e demóstrase máis co feito. Non lle falta razón ó dito: "vale máis unha imaxe ca cen palabras". Esta falta de coherencia ofrecerá unha ensinanza na que se dubida e desconfía, e ademais, pode chegar a facer dubidar da persoa que ensina.
E é que, se ben ser coherente implica ser respectuoso coas ideas, os sentimentos, os momentos e as opcións que toman os demais, tamén é selo con un mesmo. Cando non somos claros e enmascaramos e ata en ocasións nos avergonzamos do que pensamos, sentimos ou decidimos, desatendemos o que queremos ou precisamos. Isto lévanos a delatarnos ante quen nos toma como modelo, e xera no aprendiz unha desorientación que se traduce en incredulidade, desconfianza e, en última instancia, en inseguridade. Non en van, a coherencia require e denota a responsabilidade coa que asumimos as nosas vidas. Se vivimos e nos amosamos comprometidos co noso benestar e felicidade estaremos achegando a mellor das ensinanzas da arte de vivir. Esa arte de vivir en interrelación, pois somos persoas sociais, comeza coa harmonía con un mesmo, é dicir, coa propia autoestima, que despois se transmitirá no exemplo.
Visto o poder da coherencia nas nosas vidas e, xa que logo, en toda educación que emprendamos, fagamos que:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI