Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Isel Rivero, socióloga, escritora e ex directora de información da ONU en España: "As mulleres entenden o poder dun xeito moi distinto ós homes"

 

Exiliada nos Estados Unidos desde o comezo do golpe de Castro, compaxinou estudos e traballo "nese tempo de despiste que é o exilio". Licenciouse en Socioloxía, "pois axiña souben que me ía ser moi difícil sobrevivir sendo escritora", e, malia ese pensamento, foi precisamente pola publicación dunha novela que lle deron unha bolsa para viaxar a Europa, onde comezou a súa profesión. Ingresou na ONU a primeiros dos anos 60, "abriuse unha oficina nova en Viena e precisaban persoal, así que mandei o currículo. O organismo sintetizaba os meus ideais: axudar ós máis necesitados e loitar pola paz no mundo". Iso é o que fixo durante corenta anos nos que traballou en proxectos de desenvolvemento industrial, programas de promoción da muller e encontros entre as Nacións Unidas e ONG. Participou activamente nos proxectos de paz de Namibia e Honduras como voceira e asesora política. Viviu moi de preto as atrocidades de Ruanda, onde traballou ata que Boutros-Ghali, o daquela Secretario Xeral da Organización, se fixou nela e a nomeou, en 1996, Directora da Oficina de Información da ONU en España, cargo do que se xubilou o pasado ano, momento en que se pechou a oficina.

"Creo firmemente que as mulleres van cambiar o mundo". Esta afirmación súa está moi lonxe de poder comprobarse.

Cando nas Nacións Unidas unha muller accede á xefatura dun departamento, axiña se instauran xuntanzas de consulta, de intercambio de opinión, non ten medo a compartir o seu poder sen renunciar á súa autoridade. É algo semellante ó que fan as nais cando teñen unha familia, que non lles queda máis remedio ante a autoridade patriarcal que recoller os seus poliños e darlles a cada un o seu valor intrínseco. Esa é a definición de qué debe ser o poder e a maneira de exercelo. Olla ó teu redor (a cita ten lugar na cafetería do hotel Palace de Madrid), estamos nun lugar habitual de almorzos de traballo. Só hai homes, obviamente financeiros pois non hai escoltas. Isto que vemos aquí aínda non mudou, e non só en España, en toda Europa é igual. Que non nos enganen, a muller hoxe en día está moi lonxe do poder. Conseguimos que o dereito á igualdade non sexa cuestionado, polo menos na teoría, pero non nos abonda con ese recoñecemento, queremos participar no reparto e na xestión da cousa pública. Nós, as feministas, sempre mantivemos que buscaremos a consulta, o consenso, o recoñecemento dos axentes sociais e o acceso ás decisións.

Este discurso faime retroceder no tempo. O termo feminista parecía superado.

Pois debería usarse máis ca nunca, e con orgullo. Cando comezaron os movementos feministas, nos anos 60 e 70, ser feminista era ser revolucionaria, pero é que, ademais, dábaselle unha connotación subversiva, parecía que eramos bolxeviques e que queriamos romper co poder establecido caese quen caese. Hoxe, polo menos, enténdese que o que estamos buscando é a igualdade, e amais de entenderse, acéptase que é de xustiza. Sen dúbida, avanzamos, pero non esquezamos que non foi ata 1993, en Viena, durante a Segunda Conferencia dos Dereitos Humanos, cando se falou por vez primeira nun foro internacional dos dereitos da muller.

Antes, hai case 30 anos, en 1975, Nacións Unidas celebrou a Primeira Conferencia sobre a Muller, en México. Despois seguírona Copenhague, Nairobi e Pequín. Que mudou en todo este tempo?

 Desde que tivo lugar a Conferencia de Pequín só experimentamos retrocesos. Os gobernos claudicaron de certas responsabilidades, felicitándose polos pequenos progresos acadados, que nos amosan como mérito propio cando son da sociedade e, ademais, son uns mínimos. O que realmente atopamos é: máis mulleres traballando, aínda que ganen menos; axudas específicas para a maternidade, aínda que non se cuantifican correctamente; oportunidades, pero non igualdade. É moi pouco. Ó analizar os centros de poder, a muller nin sequera albisca o cumio; na política a súa presencia é moi escasa.

Como acadar que isto cambie?

Hai que ter claro que quen ten o poder non o quere deixar. Nunca. E o poder é masculino. Estamos falando de acadar un cambio fundamental na sociedade, na que unha parte, as mulleres, pide a súa inclusión, fronte á outra parte, os homes, que precisamente baseou o seu poder na exclusión. Pero as cousas non foron moi ben no mundo.Botemos unha ollada ó actual panorama: proliferación de armas cada día máis sofisticadas, a costa da propia sociedade, non só de quen padece as guerras, tamén os países que as observan saen directamente prexudicados. Esta fantasía do home de que o de enfronte se debe dobregar ante el non nos está levando a un lugar seguro; no medio natural as cousas non van mellor; se queremos escoitar a verdade, o cambio climático é un feito. Non estamos avanzando naquilo que se persegue: cara a unha sociedade que goce de dereitos humanos, que teña recursos económicos dirixidos ó benestar. Hai que acadar que a mensaxe de inclusión sexa a que prime como motor de cambio. As mulleres, non só as feministas, todas elas, pola súa condición de muller, entenden o poder dun xeito moi diferente ó home. Habería que convencer os homes de que o cambio tamén os beneficiaría a eles.

Tamén á muller para que se involucre nese cambio.

A presencia da muller sempre é obxecto de negociación; de feito, as norueguesas comprenderon que se non chegaban elas ó poder non ía cambiar nada. E todas se meteron nas listas, de todos os partidos: progresistas e conservadores. Na ONU, as mulleres que faciamos moito traballo coas delegacións dos gobernos, decatámonos de que onde se tomaban as decisións finais era no bar. Así que alá fomos. Sabiamos que non iamos cambiar os costumes de súpeto, así que se cumpría xogar ó golf, xogábase. Un grupo moi numeroso de mulleres confeccionamos unha lista na que puxemos quen xogaba a que ou quen podía ir cear a miúdo, e repartimos os papeis.

Conseguiron algo?

Era o único xeito de, polo menos, intentalo. Despois tratamos de promover xantares e xuntanzas de mulleres executivas, e aí comezou a tradición de que as embaixadoras, cando comeza a Asemblea Xeral, se xuntan nun xantar. Pero segue sucedendo: onde está o poder, nunca hai mulleres. No Consello de Seguridade só houbo unha muller. Na comisión de desarme, ningunha. Hai que intentar chegar.

Puña o exemplo de Noruega. Segundo un estudo do Centro Reina Sofía, hai sete países do noso contorno europeo por diante de España en cifras de mulleres mortas a mans da súa parella ou ex parella. Entre eles están os países nórdicos, onde as políticas de igualdade foron moi desenvolvidas, pero semella que non serviron para cambiar os patróns culturais da violencia machista.

O poder mata e seguirao facendo ata que a educación dos nosos fillos non cambie de modo cualitativo e cuantitativo, desde o núcleo familiar, a escola e as institucións públicas. O que as nórdicas están facendo é cambiar as políticas de educación. Son elas as que están traballando para darlle o modelo a todo o mundo. Trátase de deseñar unha educación igualitaria no sentido de non definir roles determinados polo sexo. Os roles deben compartirse e ser inclusivos. En moitas familias aínda o home non lava un prato, aínda se ensinan roles de gran dicotomía: papá fai isto, mamá fai isto; aínda estamos baixo o poder do patriarcado, e custará cambialo.

Será, polo tanto, a longo prazo; e mentres?

A educación é a clave para rematar coa violencia. Lembremos as torturas ós presos iraquís. Á pregunta dunha xornalista a dous protagonistas sobre se gozaban con iso, viuse claro que non tiñan nin conciencia do que facían. Esta é unha mostra de que se a natureza humana non a educas, se non a levas polo camiño para autorrealizarse, é perfectamente capaz de chegar aí. A violencia vese, apréndese e imítase. Como todo na vida. Se vives nun contorno de consenso e de diálogo, non tes que ir máis alá para probar que es unha persoa aceptada.

Cando se comezou a tomar conciencia de que a violencia contra a muller era un mal que cumpría erradicar?

Foi unha conservadora que puxo sobre a mesa a violencia machista. Moulin Reagan expuxo en voz alta en Copenhague o que as progresistas diciamos nos corredores. O feito de que fose unha conservadora quen o expuxese foi fundamental. Colleu o micrófono e denunciou os malos tratos que sofren as mulleres de clases altas. Abusos sexuais e físicos. Ela afirmou: "Coñezo moitos casos". Daquela comezou a discutirse a violencia como un impedimento da igualdade. Rompeu ademais o mito de que a violencia machista era propia de bébedos e de clases pobres. De igual maneira prodúcese en países desenvolvidos e en clases podentes.

Non emprega o termo violencia de xénero.

Non me gusta e, ademais, é produto dun erro de tradución. En inglés "gender violence" encerra claramente unha acepción sexual, pero en español o termo xénero ten un significado completamente diferente. Eu falo de violencia patriarcal e, se queres, de violencia machista. Ademais, a Declaración das Nacións Unidas non deixa dúbidas, e na súa versión en español do que trata é da "Violencia contra a muller".

Como cambiar costumes que se herdan e que se tende a deixar en herdanza?

Reparemos nos labores compartidos nunha parella. Como a muller tiña reducido o seu poder ó fogar, amoláballe que o home interferise no reducido espazo onde podía tomar decisións e xestionalas, esa era a súa limitada esfera de poder. Pero agora o problema non é ese. Cando a muller se integra no mercado laboral non pode con todo, e, ademais, intentalo é perpetuar o modelo tradicional. É o modelo o que cómpre cambiar: o home debe asumir as súas responsabilidades no fogar, para que a muller poida acceder en igualdade ó mercado laboral.

A linguaxe non sexista, axuda ou caricaturiza a situación?

Unha das medidas que se tomaron a comezos dos anos 70, en organismos internacionais, foi examinar o glosario de termos, e aplicalos ás declaracións e documentos de especial importancia. Elimináronse palabras e connotacións que reforzan roles e ideas de supresión. En inglés existe certa vantaxe pois moitas palabras e, sobre todo, cargos, non teñen xénero. Pero si, cómpre insistir en asexuar a linguaxe, pois a forma, sen dúbida, reforza o fondo.

Se cadra na linguaxe pódese incidir, pero, que me di da publicidade sexista, dos modelos de muller que impón?

É unha desgraza. A miña nai, que vive en Florida, pediume que lle enviase unha revista con imaxes da voda real. Antes de mandarlla, boteille unha ollada. Sen entrar a fondo no tema, si me sorprendeu unha cousa: os deseñadores de moda teñen diferentes modelos de chaqués, tamén de gravatas, de zapatos, e, sen embargo, non atopei ningunha referencia a iso. Algo semellante acontece nas revistas supostamente femininas. Os modelos que presentan escravizan a muller, porque a obrigan a xulgarse ela mesma só desde o punto de vista da beleza e da atracción sexual. E son as propias mulleres as que as mercan!

Pódese pensar que a muller occidental está máis liberada?

Na Convención de Nairobi abriuse o espazo para que falasen as mulleres africanas. Eran máis militantes feministas ca nós, as occidentais, e ata nos reprocharon as posibilidades que tiveramos e que desaproveitaramos. Por exemplo, houbo unha chamada de atención á muller israelí, por non involucrarse máis nos movementos de paz. Tamén a primeira muller que falou publicamente contra a ablación era musulmá e africana.

Os Dereitos Humanos, protocolos, convencións... Non dubida ás veces de se tanto papel é realmente eficaz?

É tempo de recuperar os tratados e facérllelos cumprir ós gobernos que os asinaron. Se só nos limitamos a confeccionar novos, estaremos inventando o ovo todos os días. Custou moito chegar á Resolución da Violencia contra a muller, onde queda perfectamente definido qué é a violencia contra a muller. E esta resolución foi acordada por todos os países do mundo, pero cómpre darlle vida. Un dos compromisos destes tratados é que se lles dea difusión, a través dos organismos gobernamentais, e tamén a través das ONG, pero non se fai. Os tratados internacionais deberían formar parte dos manuais que se estudan nas escolas, como un material didáctico máis. Hai funcionarias, hai concelleiras, hai directoras de áreas, elas son as que deberían valerse destes tratados para impulsalos.

Isel Rivero é unha activista dos dereitos de Cuba. As súas ideas, xa o vimos, son claramente progresistas. Que pensa da ollada condescendente sobre Castro en Europa, seguramente nos seus círculos ideolóxicos máis próximos?

É unha pregunta que me fixen moitísimas veces. Sendo defensora da democracia, son moi crítica cos partidos políticos, pois coido que atan a liberdade de pensamento das persoas dun xeito terrible. Por algunha razón, a esquerda considera que Cuba é o paradigma da independencia contra o imperio, contra USA. Non importa o que faga Castro na súa casa, pode maltratar a muller, o homosexual, o político contrario, e segue sendo un símbolo. Se les os discursos de Castro, podes estar en moitas cousas de acordo. Ademais, en ocasións é o único que se atreve a dicir o que moitos pensan, pero como Cuba o ten todo perdido, déixanlle ese papel. Os países non aliñados apoian a Castro, pero sen se enfrontaren ós Estados Unidos. Tamén a dereita realizou un discurso dogmatizado, aproveitándose da situación e amparándose no que fai Castro para rexeitar as súas ideas. Penso que houbo unha especie de pacto de silencio para non criticar a Castro, xunto con intereses económicos; non esquezamos que o capital turístico en Cuba non é cubano, é español, francés, canadense... Pero o pobo está sufrindo dun xeito espantoso. E aquí somos indiferentes. E non só con Cuba. En Guantánamo, os Estados Unidos están vulnerando os tratados de Xenebra, e debería haber un clamor universal contra o que está pasando.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto