Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Unha horta no balcón

Por que non empregar os testos do balcón e as macetas da terraza para plantar allo, mostaza ou macela?

  Cultivar no balcón plantas aromáticas ou mesmo hortalizas é sinxelo e permítenos dispormos de pequenas cantidades de alimentos naturais. A alfabaca, macela, lavanda, menta, perexil, pementos e pequenos tomates, entre outros, préstanse perfectamente a ser caseiros. Amais de luz e solos con boa drenaxe, esixen unha rega puntual e outros coidados sinxelos e doados de proporcionar. A elección das plantas dependerá da orientación da terraza ou balcón e da climatoloxía que vaian aturar.

Como plantalas

Cando só se dispón dun balcón ou dunha ampla terraza convén colocar os testos en soportes de grandes dimensións e dunha certa fondura, abonda para que as raíces se desenvolvan sen problemas. Moitas plantas aromáticas son orixinarias do Mediterráneo -hisopo, lavanda, melisa, ourego, tomiño...-, o que significa que precisan moito sol, aínda que resultan tamén adaptables a climatoloxías máis frías. Ademais, adoitan seren sensibles ó exceso de auga, polo que requiren solos cunha excelente drenaxe. Con todo, non son esixentes no tocante á calidade da terra e poden vivir e florecer en solos malos e pobres. Calquera época do ano é boa para plantalas seguindo as instrucións que hai para cada unha delas, aínda que convén evitar os días de excesiva calor ou frío: non prenderían ou faríano con moita dificultade. Recoméndase pór pedras pequenas ou cachos de cerámica no fondo do testo e enchelo con substrato de boa calidade.

Auga e luz

Interesa que o balcón ou terraza estea orientada cara ó sur, e, se non é así, que polo menos reciba varias horas ó día de sol, xa que ás plantas cómprelles a súa luz para realizar correctamente a fotosíntese, proceso do que depende o seu desenvolvemento e o seu contido en nutrientes e vitaminas. Se non recibe abondo sol directo pódese ampliar a luz pintando a parede máis próxima de branco para que reflicta a radiación. Aínda que se trate dunha horta urbana non está exenta de sufrir as consecuencias das inclemencias meteorolóxicas. Xa que logo, a cantidade de auga que reciba tamén aquí se torna esencial, ó igual que acontece no campo. O exceso crea problemas de podremias e fungos parasitos; a carencia mingua o seu desenvolvemento vexetal e torna as plantas duras. Para as persoas máis esquecedizas aconséllase un sistema de rega localizada, que consiste en tubos de goteo cos goteiros intercalados cada 30 ou 40 centímetros e un sinxelo programador de rega (que se vende en tendas de xardinería). Este sistema conéctase a unha billa, de xeito que as plantas se regan quince minutos cada día ou media hora cada dous días, e ten a vantaxe de que nos permite ausentarnos sen que por iso sucumban os nosos cultivos por falta de rega. Así e todo, unha simple pero puntual rega manual chega abondo.

O perexil, un clásico dos cultivos caseiros

  Cultívase por sementes, nun testo ou maceta preferentemente situado preto dunha ventá e nun lugar cálido. Aínda que o perexil prefire os climas cálidos, resiste ben o frío. Aínda que os solos húmidos son os máis axeitados acomódase a calquera tipo de terreo, aínda que o fará mellor nos profundos, soltos, frescos, provistos de materia orgánica moi descomposta e limpos de malas herbas. O máis axeitado é utilizar dúas macetas e plantar nelas as sementes a comezos da primavera e de novo a finais do verán; así obterase perexil todo o ano. Para acadar unha mata compacta e tenra non se deben deixar nacer as flores; hai que arrincalas cando comezan a aparecer. Tamén se poden deixar saír se se dispón doutra maceta lista para cortar; dese xeito as flores deixarán caer as sementes na terra e despois teremos de novo unha planta fermosa sen que iso supoña un esforzo adicional. Para rematar, a recolección das follas do perexil debe facerse coas mans, nunca con tesoiras.

Evite cometer os erros máis comúns

  • Non semente a planta moi fondo.
  • Non amoree terra en exceso sobre a raíz da planta.
  • Non utilice excesivo fertilizante.
  • Non regue en exceso as plantas nin se esqueza de facelo.
  • Non elixa a planta equivocada para as condicións ambientais da zona. É dicir, non semente unha planta que precisa polo menos seis horas diarias de exposición solar nun lugar no que como máximo se reciben dúas horas.

Compost caseiro

As plantas, como organismos vivos, precisan ser alimentadas e diso encárgase o compost e toda a materia orgánica en descomposición presente na terra. Utilizar o compost caseiro é un xeito perfecto de prolongar a actividade a favor do medio natural na casa xa que serve para reciclar parte do lixo orgánico. Sen ser difícil, hai que ter verdadeira intención, un espazo dun metro cadrado para armar un bidón de depósito dos refugallos e a vontade e paciencia para separar e cortar metodicamente o lixo orgánico, pero paga a pena, máis cando somos conscientes de que deste xeito evitamos mercar terra de folla que moi a miúdo se obtén das fragas erosionando os seus solos.

Para producir compost, o home moderno emprega os mesmos principios que os chineses de hai 4000 anos: crear condicións óptimas para a vida dos microorganismos que degradan a materia orgánica. Trátase de estimular os microorganismos que se alimentan en condicións aeróbicas, é dicir, nun ambiente con osíxeno. O proceso pode durar entre 3 meses e un ano, dependendo da maneira en que se traballe a pía. Se se van agregando de xeito constante máis refugallos o proceso será lento, mais se se deixa a pía co que empezou e se mantén a humidade adecuada acadará axiña que a súa composteira renda froitos. Precísanse materiais verdes (cinzas de madeira queimada, cítricos, cascas ou cachos de froitas e verduras, follas e bolsas de té) e cafés (lascas de madeira, follas, podas) engadidos por capas homoxeneamente, e ir humedecendo a mestura ocasionalmente.

Nunca se debe utilizar carne, ósos, peixe, aceites e graxas, produtos lácteos, comida cocida e grans, excrementos de mascotas, xa que emiten cheiros e atraen roedores. O lugar onde estea a pía debe manterse parcialmente con sombra e protexido de vento forte, apoiado no solo e con boa drenaxe. A mellor época para comezar a fabricalo é a primavera. Dependendo de canto traballou o proceso, o compost estará listo nun período de 3 a 12 meses. Para sabelo pódese facer a proba da bolsa: colócase arredor dun quilo de compost nunha bolsa transparente, péchase e exponse ó sol directo a temperatura ambiente. Se despois de 24 horas a bolsa transpirou moito, por aumento da temperatura dentro da bolsa, é porque o compost aínda non se atopa maduro e debe seguir procesándose.

Outras plantas e verduras

  Allo
Deben ser dentes grandes e gordos e plantarse co extremo aguzado cara a riba e a rentes da terra, e para iso pódese usar un contedor grande. Hai que deixar 8 centímetros entre un dente e outro. Cómpre regalo ben, sen inundalo, e é recomendable aplicar un fertilizante orgánico ata que aparezan os bulbos. Recóllense cando a punta luza de cor castaña case en toda a súa totalidade. Necesitan sol directo.

Alfabaca:
É importante contar cunha terra que drene ben. Plántase a semente a medio centímetro de profundidade, deixando tres centímetros entre semente e semente. Precisa rega frecuente e fertilizante. Comezará a medrar 10 días despois de seren plantadas.

Mostaza:
Cultívase en terra moi húmida, a un centímetro de profundidade. Cómpre podar os brotes para que manteñan unha distancia de 8 centímetros entre si. Precisan sol directo, unha boa rega e fertilizantes. Coléctanse cando as follas están verdes e tenras, e para servir de especia pódese cortar toda a planta ou só as follas, ó gusto.

Anís verde:
Precisa dun contedor fondo e grande porque as súas raíces son moi longas. Plántase en terra lixeira e ben drenada. Precisa sol directo. Florece ós tres meses de sementada e un mes despois obtéñense as cobizadas sementes de sabor doce coas que se fai licor.

  Tomate:
E outras hortalizas como o pemento, a cebola, o apio e a berenxena cómpre crialas antes en caixóns de madeira. Colócase neles terra gorda, ben refinada e sitúanse sobre ladrillos nun lugar abrigado e con luz. Deste xeito poderemos ir coidando as plantas a medida que medren, aínda que lles falte auga e protexéndoas do frío e da calor excesiva. Cando as plantas teñan 3 ou 4 follas ou o talo acade o grosor dun lapis, estarán listas para seren transplantadas ó lugar definitivo de cultivo. En xeral cóbrese con terra a nivel do colo das plantas. No caso do tomate, tamén se pode soterrar parte do talo, xa que co tempo este bota raíces.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto