Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Nenos en Internet: Mellor cun adulto

Internet é para os nenos un novo mundo cheo de posibilidades, pero tamén alberga algúns perigos

  Desde unha idade cada vez máis temperá, nenas e nenos achéganse ó monitor coa mesma curiosidade coa que se asoman ó mundo real, ben sexa para xogar, navegar, descargar música e programas ou para 'chatear' cos amigos. Algúns pais e educadores ven con certo receo que os nenos se 'enganchen' ó ordenador demasiado axiña, pois consideran que fomenta o illamento e deteriora o desenvolvemento das habilidades sociais. Para moitos, os maiores problemas chegan coa conexión a Internet, unha extraordinaria ferramenta de información e comunicación que pode comportar riscos se os menores a utilizan sen supervisión.

Unha rede apta para menores

Os dous principais problemas cos que se atopan os menores en Internet son os contidos non apropiados e o contacto con estraños. O acceso a contidos que poidan ser daniños para os cativos é sinxelo e a miúdo casual, por exemplo a través dunha palabra de significado ambiguo introducida nun motor de busca. Ademais, o anonimato dos chats permítelles ós adultos entrar en contacto con rapaces. As 'salas de charla' son a ferramenta máis utilizada polos menores (case a metade a empregan), pero o máis preocupante é que o 14,5% dos nenos que 'chatea' habitualmente acudiu a unha cita cun descoñecido, segundo un estudo do Defensor do Menor e varias ONG dedicadas á defensa da infancia.

As accións para protexer os nenos na Rede van encamiñadas a crear unha rede segura, con contidos específicos e portas para pechar o acceso á Internet 'perniciosa'. Estados Unidos puxo en marcha o dominio '.kids.us' a xeito de "sección infantil dunha biblioteca", onde as webs se pregan a unhas normas, como non contar con enlaces ó exterior e non incluír chats. Ademais, hai numerosas páxinas que crearon un contorno exclusivo para os nenos, como kids-space.org , kidsdomain.com ou Yahooligans!, todas elas en inglés.

En España, o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía seguiu esa liña cos portais Chaval.es, con ofertas de lecer educativo para os nenos, e navegacion-segura.es destinada a pais e educadores con consellos para tutelar os menores no manexo de Internet e con ferramentas para filtrar contidos. Co mesmo obxectivo, a Fundació Catalana per a la Recerca e a Comisión Europea puxeron en marcha internetsegura.net, que aborda a sensibilización e a prevención.

Información e educación

Os expertos coinciden en que, por riba da censura e da vixilancia sempre inexacta que ofrecen algúns programas informáticos, as mellores armas para protexer os nenos na Rede son a educación e a información. Dáse o paradoxo de que o ordenador e mais Internet son a miúdo terreos onde son os pais os que reciben leccións dos seus fillos, máis familiarizados coas novas tecnoloxías.

Ante o deber de entrar nun medio descoñecido para poder guiar os seus fillos, moitos pais aforran ese esforzo e optan pola censura absoluta ou, no mellor dos casos, por limitar o horario fronte ó ordenador como se fai coa televisión. Así e todo, abondan unhas poucas nocións informáticas, algún consello dos expertos e un pouco de boa vontade para comprender os perigos de Internet e o xeito de evitalos, e mais para poder axudar os nenos a utilizar esta xa imprescindible ferramenta para comunicarse, estudar e atopar información do xeito apropiado.

Consellos

A maioría dos moitos consellos que se poden atopar sobre como deben os pais afrontar a relación dos seus fillos con Internet insisten no mesmo punto: a Rede non é distinta cá rúa. Igual que os pais non deixarían os nenos soltos nunha gran cidade, agora deben seguir os seus pasos no medio virtual, levalos da man ou, en definitiva, "navegar xuntos". Deste xeito eliminaríase o paradoxo, salientado por algúns estudos, de que sete de cada dez proxenitores non están tranquilos cando os seus fillos navegan, á vez que no 95% dos casos deixan que os nenos naveguen sós.

Numerosas páxinas web ofrecen ladaíñas de consellos máis ou menos técnicos para familias, profesores e mesmo para os nenos por tramos de idades (www.internetsegura.net), entre eles: colocar o ordenador nun lugar público da casa, crear unha páxina de inicio con enlaces a sitios de confianza e interesantes para os fillos, crear listas de favoritos co mesmo propósito, informarse e advertir sobre como protexer os datos persoais e sobre o perigo do correo non desexado (spam), os virus, etc.

Malia que o último plan para o desenvolvemento da Sociedade da Información (Educación.es) ten como obxectivo introducir as novas tecnoloxías no contorno educativo, a escola aínda permanece 'desconectada'. Segundo un estudo da Universitat Oberta de Catalunya (UOC), nin profesores nin alumnos empregan Internet no ensino e a aprendizaxe: case 4 de cada 10 alumnos non se conectan nunca en horas de clase e outros tres fano só unha vez por semana. O estudo conclúe que Internet se emprega para axudar os profesores e alumnos a facer mellor o que xa facían, pero non como instrumento de innovación nin como parte do proceso de formación, pois moitos docentes aínda non saben como incorporalo á súa actividade. De feito, o 34% dos profesores de ensino non universitario é incapaz de manexar un ordenador "a nivel de usuario", e tan só o 30% o utiliza cos seus alumnos. O dato positivo é que os alicerces están postos: o 90,5% das escolas públicas e o 89,1% dos privados ten conexión a Internet (máis da metade de banda ancha). Agora só queda utilizar ben esa conexión.

Internet segura
  www.internetsegura.net
Calquera destes dous sitios é un bo punto de inicio para informarse sobre os pasos que se deben dar para que os menores non atopen na Rede desagradables sorpresas.

Contidos
  Chaval.es
Unha colección de enlaces elaborados polo Ministerio de Educación para que os rapaces naveguen por augas seguras e aproveiten ó máximo a súa singradura.

Astronomía para nenos
  http://www.alucine.com/iniciog.htm
Internet está chea de contidos útiles, divertidos e didácticos para rapaces. Nesta páxina, os máis cativos poderán aprender que a Terra avanza moito máis rapidamente ca un Fórmula 1 ou que condicións son necesarias para que se forme un arco da vella.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto