Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Zonas peonís: estudadas 57 das principais rúas peonís de 13 cidades: Máis da metade suspenden

As infraccións ás restricións para vehículos son frecuentes, a maioría falla en sinalización e en accesibilidade, e o equipamento é escaso en moitas rúas

  Case sete de cada dez españois viven en cidades de máis de 20.000 habitantes cun denominador común: sufrir as consecuencias do excesivo tráfico de vehículos de motor. As zonas peonís, polo que significan de mellora da calidade de vida dos seus residentes, adoitan ser ben acollidas pola poboación, pero sen que iso signifique unanimidade social, xa que hai persoas e sectores económicos que entenden que esta iniciativa os prexudica.

Agora ben, o cidadán pódese preguntar se as zonas peonís teñen a calidade urbanística necesaria para cumpriren o seu cometido, se pagan a pena as molestias que causa non poder circular no coche e aparcalo en rúas nas que antes podía facerse, ou se na práctica se respectan as restricións á circulación e estacionamento de vehículos.

A revista CONSUMER intentou responder a estas cuestións, e fíxoo mediante o estudo -durante os primeiros días de abril- de 57 rúas peonís de 13 cidades de todo o país. O informe dividiuse en tres apartados: mobiliario e equipamento urbano, sinalización e accesibilidade, e, para rematar, o grao de cumprimento da restrición de circulación e aparcamento de vehículos. Segundo os resultados desta investigación, a situación é ben distinta segundo a cidade da que se trate, o equipamento polo xeral é só aceptable, outro tanto acontece coa sinalización e a accesibilidade (especialmente, para usuarios discapacitados) e, para rematar, o grao de infraccións ás normas que restrinxen a circulación rodada é superior ó desexable.

O informe conclúe, xa que logo, que moitas rúas peonís das nosas cidades non o son totalmente, ó non cumpriren as características que as definen e ó non se respectaren suficientemente as restricións (nalgunhas cidades, normas específicas) que as preservan do tráfico indiscriminado de coches. En concreto, o 54% das rúas peonís analizadas suspenden o exame de CONSUMER. E só A Coruña, Oviedo e San Sebastián aprobaron con folgura o exame ó que se someteron as súas principais rúas peonís. Pamplona, Bilbao, Alacante e Vitoria acadaron un simple "aceptable", mentres que o resto suspenderon. Madrid achegouse ó aprobado, sen conseguilo, e as cinco cidades con rúas peonís que mereceron un claro suspenso foron, de mellor a peor, Valencia, Murcia, Málaga, Almería e Barcelona.

As conclusións, polo miúdo

  A sinalización específica que distingue estas zonas como peonís e que informa da restrición para a circulación e estacionamento de vehículos e a accesibilidade para os cidadáns en xeral (e, en especial, para os discapacitados) é claramente mellorable. Neste apartado suspende nada menos có 60% das rúas estudadas, e só aprobaron, e cun mediocre "aceptable", A Coruña, Oviedo, San Sebastián, Bilbao e Valencia. Tres cidades (Alacante, Pamplona e Vitoria) quedaron nun "regular" e o resto (Madrid, Murcia, Málaga, Almería e Barcelona) suspenderon rotundamente este exame. Todo iso revela que este é o apartado máis manifestamente mellorable das rúas peonís estudadas.

Ademais, comprobouse que as infraccións ás restricións que garanten que as zonas peonís se vexan libres do tráfico rodado son demasiado frecuentes. Case a metade das rúas peonís suspende neste apartado, se ben só as de Valencia, Barcelona e Vitoria non o aproban se son tomadas conxuntamente coas outras rúas estudadas na súa cidade, o que dá unha idea do comúns que son as infraccións e da lasitude existente no control do cumprimento da normativa. Destacaron positivamente as zonas peonís visitadas en Madrid e Murcia, e quedaron ben as de Pamplona, A Coruña e Málaga, mentres que as das outras cinco cidades tiveron que conformarse cun mediocre "aceptable". Tomouse nota, nesta proba, da existencia de vehículos en horario distinto do autorizado para carga e descarga e, por outra banda, intentouse acceder en coche (cometendo unha irregularidade, claro está) a cada unha destas 57 rúas, e mesmo estacionalo durante 15 minutos, comprobando, en primeiro lugar, a existencia ou non de bolardos, valados, pivotes ou testos con plantas que impedisen o paso, e, despois, a presenza ou non de policía que velase polo cumprimento da normativa. Comprobouse que en moitas destas zonas peonís hai vehículos estacionados (non autorizados) fóra do horario permitido, e que os horarios de carga e descarga -demasiado amplos en moitas cidades- non se cumpren.

No tocante ó mobiliario e equipamento urbano (bancos para sentar, papeleiras, iluminación nocturna, aseos públicos, fontes de auga potable, árbores, testos con plantas e flores, esculturas e outras obras de valor estético-artístico, estado do pavimento, limpeza e conservación de todos os elementos), os resultados tampouco foron satisfactorios: suspendeu o 37% das rúas peonís. Destacaron moi positivamente as visitadas na Coruña, Oviedo e San Sebastián, seguidas de preto polas de Pamplona. Tamén mereceron boa nota as de Bilbao, Alacante, Vitoria e Madrid. As rúas peonís analizadas en Valencia obtiveron un "aceptable", mentres que o "regular" das visitadas en Barcelona comeza unha franxa de suspensos que representan con gran nitidez (un "moi mal") as estudadas en Murcia, Málaga e Almería. Neste sentido, en moitas rúas peonís falta mobiliario urbano case imprescindible, como papeleiras ou bancos, mentres que outras teñen o pavimento lixoso ou con irregularidades (baldosas rotas, gabias, gretas, pozas, etc.) que dificultan o discorrer peonil.

Doutra banda, o esforzo en facer rúas peonís dista moito dunha cidade a outra. Os viandantes téñeno moito mellor en Vitoria (2,49 m2 de zona peonil por habitante), San Sebastián (1,1 m2), Bilbao (0,96 m2) e Barcelona (0,92 m2), ca en Alacante (0,08 m2 por habitante), Murcia ou Valencia (en ambas as dúas, 0,5 m2), sempre segundo as respectivas fontes municipais. Os concellos de Almería, Madrid, A Coruña, Málaga e Oviedo non proporcionaron este dato.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto