Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O 4 de outubro de 1957, Moscova sorprende o mundo enteiro coa posta en órbita do Spútnik 1. Esa data histórica significou o comezo da era espacial, un período no que a investigación e o desenvolvemento nas súas máis altas cotas de perfección e aplicación práctica son o eixe da acción. Resulta sorprendente descubrir que moitos elementos que utilizamos na nosa vida cotiá proceden dos laboratorios ultramodernos da NASA ou da Axencia Espacial Rusa. Amais da súa eficacia e do seu alto grao de tecnoloxía ata no máis sinxelo, coma no velcro, estes inventos contan cunha gran vantaxe: en moitas ocasións trátase de descubrimentos paralelos ó obxectivo final, polo que carecen de patentes e toda a humanidade se beneficia do seu uso.
Pode parecer unha lista de anécdotas, pero ferramentas e tecidos que hoxe nos parecen tan domésticos e cotiáns débense ó enxeño de investigadores espaciais.
Os avances médicos e farmacolóxicos están cada vez máis ligados á carreira espacial. Algúns experimentos non se poden realizar na Terra e, por iso, cando o transbordador espacial Columbia despegou en 1981, levou ó espazo máis de 80 experimentos científicos de física fundamental, bioloxía e seguridade contra o lume. Tamén na Estación Espacial Internacional poderán xurdir tratamentos ou programas de prevención para patoloxías cardiovasculares, a osteoporose, a retinopatía asociada á diabetes e os cálculos renais.
Pero a novidade na carreira espacial radica no programa denominado Desenvolvemento de Produtos do Espazo, concibido para estimular as compañías privadas a empregar as misións dos transbordadores e as instalacións da Estación como centros de investigación de novos produtos.
Entre os experimentos financiados polo sector privado atópanse o deseño dunha nova xeración de sistemas de control de incendios, o cultivo de plantas no espazo e a manipulación xenética de especies vexetais. Tamén a biociencia e os seus potenciais usos en medicina forman parte das misións, que inclúen estudos de proteínas para a súa aplicación no tratamento de diversos tipos de cancro e o desenvolvemento dun sistema de microencapsulación para as terapias oncolóxicas. Aínda que isto é aínda futuro, xa hai numerosas compañías de moi distintos sectores que tiveron a oportunidade de se beneficiaren do programa, mesmo unha empresa cosmética... e é que no espazo, nin as flores cheiran igual.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI