Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Quenllas navarras, cabaneiras aragonesas, cordeis e vereas castelás... As antigas rutas da transhumancia gandeira configuran unha extensa rede de vías pecuarias que atravesan e percorren a Península Ibérica nuns 125.000 quilómetros de lonxitude, ocupando unha superficie de 425.000 hectáreas. As vías pecuarias son unha especie de corredoiras ecolóxicas que se distribúen por máis de 40 provincias e que, na actualidade, amais de serviren para o tránsito de reses, se converteron en sustento doutras prácticas de lecer na natureza. Estímase que case o 40% destes camiños desapareceron na actualidade. Ante o progresivo abandono deste patrimonio público, cómpre coñecer o estado actual destas vías e ofrecer alternativas de uso, compatibles co aproveitamento gandeiro, que garantan a súa recuperación e revitalización.
A súa orixe remóntase ós primitivos pastores nómades e acada o seu esplendor co desenvolvemento da Mesta castelá (organización gandeira e económica) nos séculos XV e XVI. Tradicionalmente, os movementos estacionais de rabaños na procura de pastos, a transhumancia, realizábanse a través das quenllas que unían os pastos de verán nas montañas cos de inverno situados nas áreas de clima máis benigno dos vales. Historicamente foron frecuentes os conflitos nas quenllas polo paso dos rabaños a carón das propiedades agrícolas. Para evitar este tipo de disputas, procedeuse a delimitar (deslindar e pór fitos) as vías pecuarias, e mais a regulamentar o seu uso. A rede de vías pecuarias complementábase con bebedeiros (píos, regatos ou remansos de ríos onde o gando bebía), descansadoiros (zonas destinadas ó descanso de animais e pastores) e cabanas (lugares onde se pasaba a noite, o gando recollido e os pastores ó abeiro).
Na segunda metade do século XX, a crise dos sistemas gandeiros tradicionais e o abandono rural, xunto ás numerosas agresións ás que foron e son sometidas as quenllas, agudizaron a súa decadencia ata extremos que fan perigar a súa integridade futura, e con ela a do patrimonio etnográfico, histórico e cultural asociado a elas.
Hai tres grandes sistemas de vías pecuarias
A central ou segoviana, a occidental ou leonesa e a oriental ou da Mancha. A segoviana era tamén coñecida como andaluza ou soriana. As dúas primeiras penetran amplamente no territorio da actual Comunidade de Madrid, unha das provincias de maior densidade de vías pecuarias debido á súa estratéxica posición ó sur do Sistema Central. As dúas posúen alí tramos moi importantes, obrigadas como están a traspoñer o Sistema Central polos seus pasos naturais.
O réxime xurídico das vías pecuarias consagra o carácter público destes camiños, considerando a totalidade deles como un legado histórico de interese capital e único en Europa. A lexislación actual contempla que as comunidades autónomas deberán levar a cabo a súa actuación respecto ás vías pecuarias de acordo cos seguintes fins:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI