Saltar o menú de navegación e ir ao contido
De que falamos exactamente cando nos referimos ó xogo sexual? Ó igual ca en calquera acto voluntario que busca a diversión, cada paso do xogo sexual é un xogo en si, desde que comeza ata que remata. Cada etapa ten o seu sentido, e vívese e gózase sen que ningunha parte sexa considerada máis ou menos importante. Así é como entendemos o xogo sexual. Un bico, unha aperta, un coito, unhas caricias, unha masturbación... e tantos xeitos de atopar o pracer son en si xogos sexuais. De maneira errada as prácticas sexuais dividíronse en completas e preliminares. A importancia das primeiras fronte á desvalorización das segundas o que fai é que perdamos o goce do xogo a prol dunha meta que pode chegar ou non, e pode buscarse ou non.
Chamámolo xogo sexual porque implica certa relación lúdica. O adulto decide cederlle terreo á parte máis sincera e menos condicionada pola súa madurez, á súa parte máis infantil. Trátase de desbotar os prexuízos, de afastarse dos tabús e mitos encorsetadores e prohibitivos, e chegar ó xogo polo pracer de xogar, dándolle paso á curiosidade, á exploración, á fantasía e á paixón. Trátase de aprender dun mesmo, de coñecerse máis e de desenvolver as potencialidades dun encontro sexual onde se fan presentes a cooperación e o gozo. Abandónase a condición de persoa aprendida e a máscara que obriga a aparentar, a controlar e, en definitiva, a saber, e déixase arribar a personalidade máis nena. O poder e a prepotencia aquí non serven, pois o pracer implica liberdade, concederlla a un mesmo e procurarlla ó outro, propiciar risa e fuxir da seriedade. Trátase de xogar, sabendo que a satisfacción do xogo non dependerá do amor nin da habilidade, senón de permitirnos un código que nos afaste do autocontrol.
Ser un bo xogador dependerá da nosa actitude ante a vida. Devén do código de comunicación co que nos desenvolvemos nas relacións e ante as situacións. Unha actitude positiva ó pracer e unha comunicación aberta, serena e de encontro afastaranos de competir e fará ridículas as comparacións. A seguridade e a autoestima son os resortes seguros que abren a porta do desexo. Admitir o desexo e querer aprender a gozar é unha opción consciente e educable a calquera idade, só se precisa liberdade para desenvolvela.
A satisfacción sexual non vén, xa que logo, da man dun manual de posturas, roces ou caricias máis ou menos habilidosas. Todo isto é materia de aprendizaxe que vén despois e que non tería ningún efecto se non temos ben claro que a nosa capacidade de pracer, é dicir, a nosa sexualidade, é un proxecto que comeza por aceptarnos, respectarnos e amarnos, e segue por querer e aprender a gozar e a facer gozar. Sen présas, sen retos e ó noso ritmo.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI