Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

José Luis Garrido, catedrático de Educación: "A clave para mellorar a educación tena a sociedade"

 José Luis Garrido é catedrático da Universidade Nacional de Educación a Distancia e traballa na súa Facultade de Educación, na que ten encomendados labores docentes e investigadores no ámbito da Educación Comparada e Internacional.
Académico numerario e Vicepresidente da Academia Europea de Artes e Ciencias (con sede en Salzburgo, Austria); conselleiro titular do Consello Escolar do Estado dentro do capítulo de "Persoas de recoñecido prestixio", desenvolve un labor permanente de asesoramento a organismos internacionais e gobernos de varios países sobre reformas educativas, accións de formación de profesorado e dirixentes escolares. Ocupou diversos cargos no Ministerio de Educación e pertence a varias asociacións internacionais. Foi presidente da Comparative Education Society in Europe entre 1985 e 1988, así como da Sociedade Española de Educación Comparada. Entre a súa obra escrita (23 libros e máis de 300 artigos e ensaios, publicados en revistas e publicacións nacionais e internacionais e en varias linguas), destacan Fundamentos de Educación Comparada (Dykinson 1982, 1986, 1991, con traducións ó romanés, ó inglés e ó chinés), Problemas mundiales de la educación (Dykinson 1982, 1987, 1992), Primary Education on the Threshold of the Twenty-first Century (en inglés, francés e español, París 1986, 1987, 1988); Reformas educativas en Europa (Madrid, 1994), The Enciclopedia of Higher Education, vol I (coordinador, Pergamon Press, Oxford, 1994), La sociedad educadora (en colaboración, Madrid, 2000).

Estamos educando ben os nosos fillos?

En primeiro lugar poderíase dar unha resposta desdramatizada, parece como se houbese un declive da educación dos fillos e, non obstante, existe unha enorme preocupación. A atención que hoxe lles prestan ós pais e nais ós fillos non ten parangón con ningunha outra época, especialmente por parte dos pais, que case desaparecían nese labor e lle encomendaban esa misión á nai, á sociedade e ós centros educativos. Pero ese maior grao de compromiso e dedicación non sempre se corresponde cunha atinada condución dos feitos. Estase producindo un abandono do poder dos pais e nais, se cadra porque teñen medo a que os chamen paternalistas, cando non algo peor. Pero a autoridade dos pais debe prevalecer, entendendo como autoridade sinxelamente a consideración de que os pais teñen algo que dicir na vida dos seus fillos. A realidade é que os fillos contan con outros referentes, e a sociedade respalda a mensaxe de que o que din os seus pais é un recado que non convence.

Así e todo, a institución que goza de mellor predicamento é a familia.

Pero no tema da educación a familia atópase soa. Hoxe, o contorno é absolutamente deseducativo. Isto levou a que a familia e a escola pasen de ser axentes activos da educación a ser defensivos. Dedican boa parte do seu tempo a intentar previr e reconducir as condutas. A clave da mellora da educación non reside agora na familia nin na escola, senón en mellorar a sociedade, o medio no que se desenvolve o neno.

Que factores provocan ese medio? A televisión, por exemplo?

A televisión é un factor deseducante máis da nosa sociedade, pero tamén é un chibo expiatorio. A tele acéndena as persoas e a súa programación decídena as persoas, non podemos cargar a culpa sobre as comunicacións audiovisuais como se fosen entes autónomos. En moitos outros ámbitos preséntase unha sociedade agresiva, que incita a imporse ó contrario, unha sociedade que ten como iconas o lecer e o modo fácil de acadar diñeiro a calquera prezo. O número de actos violentos que ve un neno ata os 18 anos é arrepiante. Isto confirma que hai que cambiar o signo dos tempos, saír da crise na que estamos sumidos e procurar unha sociedade que incite á aprendizaxe e que premie o esforzo. Diciamos que os pais están sós, e a escola con eles, pero é que a escola se ve abocada a enviar mensaxes negativas: evitar as drogas, evitar que pase o día vendo a televisión, evitar que se enganchen ó móbil... Ten que poder abandonar o credo negativo e ofrecer alternativas positivas.

Os sistemas educativos tamén están cuestionados.

Despois da Segunda Guerra Mundial houbo un intento de igualitarismo en todos os ambientes da sociedade, e no ensino isto traduciuse na posta en marcha dunha educación igualitaria. O que en Inglaterra se chamou escola comprensiva, na que un mesmo programa era impartido nunha clase moi heteroxénea. Para tornar a todo mundo igual esquecéronse as diferencias entre as persoas. Eu coido que así saen perdendo os rapaces con maiores dificultades, xa que os estamos enganando cando lles dicimos que teñen que facer o mesmo cós demais, cando non poden ou non queren. Hai, xa que logo, unha porcentaxe de escolares con moito atraso que pasan de curso sen aprender. Pero iso quizais é o menos preocupante, o máis negativo é o ambiente de mediocridade que se impón, que choca frontalmente coa excelencia. Moitos estudiantes saen coa sensación de que perden o tempo e fan un esforzo abondo para cumprir o expediente, pero non para dar o mellor deles. E isto vai en contra do desenvolvemento dun país, xa que nun país precisa persoas que se esforcen. Para crear igualdade estase producindo desigualdade. E precisamente os máis conscientes disto son o estudante avantaxado que se aburre na clase e o que non chega, que desde o primeiro eran menos iguais ó resto.

As estatísticas de fracaso escolar en España son das máis altas da Unión Europea. Case tres de cada dez alumnos non remata os estudos obrigatorios e preto da metade dos que obteñen o título de Graduado en Secundaria o fan con materias pendentes.

O fracaso escolar non é só preocupante, é dramático. Hoxe en día, fóra da escola non hai posibilidade de se socializar. A persoa extraescolarizada quedou sen recursos para entrar na vida social, ata para aspirar a unha profesión pouco especializada cómpre pasar pola escola. Non en van os focos de pobreza no mundo están ligados á falta de educación, pero non só en países non desenvolvidos. En Occidente tamén acontece, co agravante de que a escolarización é obrigatoria e gratuíta. Agora produciuse un fenómeno novo: os analfabetos que foron á escola durante 12 anos da súa vida, o chamado iletrismo escolarizado. Non se quixo ver que pasar curso sen aprender, tolerar o fracaso, obviar a falta de coñecemento leva eses rapaces que estiveron só ocupando un pupitre ó mundo marxinal. Cómpre que tomemos boa nota e que pensemos por que a escola non os atrae, e procurar unha escola atraente que axunte vontades para a aprendizaxe.

Tamén o profesorado acusa esta crise. É o sector profesional con maior porcentaxe de estrés e de depresión. Por que?

En todos os países do noso contorno se produce esa angustia nos profesionais que están implicados e son colaboradores na educación, amais de estaren preparados para iso, pero que se atopan con alumnos que non queren aprender e cun sistema que lles permite non facelo. Isto conduce á desmotivación do profesorado, que ó cabo dun tempo está corroído e que ó longo de todo un curso pasa de se sentir frustrado a estar estresado. E, ó final, os mellores profesionais, antes que se enfrontaren coa aula, prefiren facer outra cousa, marchar a outros departamentos, buscar outra saída profesional dentro da súa carreira. Ademais, en España o seu descrédito procédese na base. Por que nas escolas de Maxisterio se pide máis nota para estudiar a rama de Educación Física e de Música ca para Primaria? Doutra banda, o profesorado tamén debería tomar nota da crise social e saberse exemplo do seu alumnado. O profesor de lingua clásica non pode ser visto polos alumnos lendo sempre un xornal deportivo.

Un problema do ámbito educacional que neste momento chama poderosamente a atención é o da violencia na escola. Con que datos nos enfrontamos?

En 1998 estaba rexistrado un 13% de profesorado agredido. Esta porcentaxe está subindo de xeito alarmante. Estanse introducindo armas brancas nas escolas. As agresións ó profesorado medraron. Ademais, non só son agresións verbais, pícanse as rodas dos seus coches e son ameazados fisicamente. A esta violencia cómpre sumar a que sofren outros alumnos. Sempre se produciu o caso do neno intimidado, pero hoxe está ameazado por un grupo máis violento, e non atopa apoio no profesorado, que tamén está ameazado. A solución, insisto, está en cambiar os valores sociais.

O alumnado pasa cada vez máis tempo na escola, coas chamadas clases extraescolares. Como axudan na súa educación?

É un tema de enorme importancia. Ó deixarmos nas mans da escola a educación, como se fose o único axente válido, pois é o profesional, a escola convértese en totalizadora da educación do neno. E, non obstante, as investigacións advirten que cantas máis horas está aberta unha escola menos educación produce, pois conforme pasa o día vaise perdendo o ambiente de aprendizaxe. Isto lévanos a concluír que as actividades extraescolares non poden ser responsabilidade da propia escola. Se as imparte o mesmo centro, non se trata en esencia de clases extraescolares.

Pero a sociedade demanda a súa implantación.

Pois debe ser ela a encargada de procurar actividades educativas fóra da escola, e non só organizar o lecer. Unha escola é unha institución de aprendizaxe que sabe ensinar mellor ca outras institucións determinadas materias, pero non todas. A manía co ensino da relixión. Ninguén aprende a ser católico, musulmán ou protestante na escola.

Avoga, entón, por suprimir o seu ensino?

Para min, o ensino da relixión na escola forma parte da materia cultural. Todas as culturas teñen referencias relixiosas, polo que a súa aprendizaxe é necesaria para acceder a outros coñecementos. Non avogo polo ensino catequístico, esa é unha tarefa das igrexas e das familias. Pero a relixión relaciona o home coa trascendencia, e cómpre ensinarlle ó neno as solucións que dan as diferentes crenzas, sen afán de adoutrinar a ninguén.

A escola é tamén o reflexo dunha sociedade, onde a inmigración é cada día maior.

Pero non podemos pretender que sexa a única chave de integración dos novos cidadáns na comunidade. Estana deixando soa, converténdoa no único espazo de convivencia. A súa verdadeira acollida tense que producir en moitos outros ámbitos. Así e todo, si que cómpre un esforzo engadido da escola na integración do emigrante, pois, como dixemos, se non logramos a súa escolarización condenámolo á marxinación. Neste aspecto, en España estamos aínda a tempo de non cometer os erros de países veciños.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto