Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Gambas peladas conxeladas: Demasiado xeo e menos gamba do anunciado

En seis das sete mostras estudiadas a cantidade real de gamba é notablemente inferior á indicada nas etiquetas

  Analizáronse sete mostras de gambas peladas crúas conxeladas ou ultraconxeladas, con formatos desde 200 ata 1000 gramos. Os prezos (peso escorregado real) variaron desde os case 13,5 euros o quilo de Elmar e Froxá ata os 23,09 euros o quilo de Frudesa.

Ó igual ca todos os mariscos, as gambas son moi perecedoiras e esixen baixas temperaturas para se manteren en bo estado ata o seu consumo.
As conxeladas deben presentar, ó corte, unha carne compacta e non se deben ver cristais nin agullas de xeo. Convén rexeitar as que non presenten a dureza e consistencia dun conxelado e o envase debe estar en perfecto estado e sen xeo. Para evitar que non se rompa a cadea de frío convén que non transcorra máis dunha hora desde que se adquiren ata que se gardan no conxelador. As gambas desconxeladas deben ter o aspecto, consistencia e cheiro das gambas frescas. Unha vez desconxeladas aconséllase non conxelalas de novo, salvo que se cociñaran antes.

  Detectáronse algunhas irregularidades: Elmar e Frudesa non indican correctamente peso neto e peso neto escorregado, e, agás Pescanova, todas teñen unha cantidade de gamba notablemente inferior cá que indican debido a que, salvo Pescanova, utilizan demasiado carambelo, ou capa de xeo protectora: desde o 28% de Frudesa ata o 35% de Riazor. Outra irregularidade é que Froxá, Riazor e Compesca indican un calibre (tamaño) das gambas superior ó real.
Só as gambas de Elmar fallan en frescura, aínda que non hai normativa española sobre frescura. No tocante ó estado hixiénico sanitario, foi correcto en todas as mostras, agás en Riazor, que só obtivo un regular.
A cata deparou resultados mediocres e similares nas sete mostras (ningunha alcanzou 6 puntos). A de peor nota final foi Delfín, con só 4,6 puntos.
A mellor relación calidade-prezo é Pescanova: tan boas coma as mellores na cata, son as de menos aditivos e as máis frescas. O prezo real (excluíndo o carambelo) é un pouco superior ó doutras mostras, pero hai dúas que son máis caras.

Etiquetaxe

Elmar e Frudesa incumpren a normativa. Elmar non expresa a cantidade como "peso neto" (gamba máis carambelo) e "peso neto escorregado" (só gamba), como establece a norma, senón que indica "peso bruto" e "peso neto". Esta denominación non é correcta, xa que o peso bruto corresponde ó peso total (envase, gamba e carambelo) e o neto á gamba co carambelo. A norma obriga a indicar "peso neto escorregado" nos produtos con carambelo.
Frudesa indica unha única cantidade de peso, 200 gramos, pero non aclara se corresponde ó peso neto ou ó peso escorregado.
Doutra banda, non sempre é posible ver o alimento a través do envase, polo que é desexable que os fabricantes indiquen o calibre ou tamaño das súas gambas. Só Froxá, riazor e Compesca ofrecen esta información. Ademais, conviría que sinalasen o calibre como unidades de gamba por quilo e non como unidades de gamba por libra, como se fai neste produto; unha libra equivale a 0,454 quilos. Conviría tamén que indicasen a composición nutricional, pero só Delfín, Pescanova, Froxá e Frudesa o fan.
Destaca Froxá: amais de incorporar os datos obrigatorios, informa sobre o calibre e a composición nutricional.

Gambas e nutrición

Todas as mostras foron obtidas mediante "pesca extractiva" e capturadas nos océanos Índico e Pacífico. Seis das sete mostras foron sometidas a ultraconxelación, mentres que as de Compesca son gambas só conxeladas. A ultraconxelación, máis rápida cá conxelación tradicional, permite unha menor alteración na estrutura e valor nutritivo das gambas.
O laboratorio non analizou a composición nutricional xa que, salvo en que algúns fabricantes engaden sal, pode considerarse idéntica en todas elas: gambas, xeo e aditivos. O compoñente maioritario é a auga (80%) e a súa achega de calorías é moderada: 96 calorías cada cen gramos. Conteñen só entre 1,3 e 1,5 gramos de graxa cada cen gramos de gamba e nela predominan os ácidos insaturados sobre os saturados, polo que teñen un perfil lipídico saudable. Proporcionan tamén unha cantidade estimable (21 gramos cada cen gramos) de proteínas de alto valor biolóxico, que conteñen todos os aminoácidos esenciais. O "debe" constitúeno o importante contido en colesterol (200 miligramos cada 100 gramos) e a presencia de purinas, compoñentes proteicos que no noso organismo se transforman en ácido úrico. En minerais, destaca a achega de fósforo, iodo e sodio. E as vitaminas son escasas: só cabe citar a vitamina E, de acción antioxidante.

As gambas son, na maioría dos fogares, un alimento de consumo esporádico, empregado preferentemente como entrante (gambas en gabardina, ó allo) e como complemento doutros pratos: paella de marisco, pasta con gambas e setas, ensaladas, tortillas e revoltos, entre outros. Por este motivo, a súa transcendencia na dieta é modesta. Con todo, pola súa riqueza de colesterol, purinas e sodio deben consumilas con moderación ou, mellor, evitalas, as persoas con hipercolesterolemia, elevado ácido úrico en sangue, gota, cálculos renais por sales de ácido úrico (litíase renal) e quen siga dietas baixas en sodio por padeceren hipertensión arterial, insuficiencia cardíaca ou retención de líquidos. As reaccións alérxicas tralo consumo de certos mariscos débense ás proteínas musculares deste alimento, e quen as sofre deben evitar o consumo deses mariscos.

O que desvelou o laboratorio

Exceptuando Pescanova, con 5 gramos máis da cantidade indicada, todas as mostras ofrecen unha cantidade real de gamba notablemente inferior á que indican. Os defectos de peso roldaron desde os 15 gramos de Delfín ata os case 155 gramos de Riazor. A normativa prohibe que os envases conteñan un defecto de cantidade superior ó dobre do máximo tolerado, que varía en función do contido. Delfín, Elmar e Riazor incumpren esta norma.

As gambas peladas e o marisco en xeral, debido á súa gran cantidade de auga, son moi perecedoiros e facilmente atacables polos microorganismos, de aí a necesidade de incorporar ó produto diversos mecanismos de protección, entre os cales o máis utilizado é o carambelo, ou barreira que impide que o produto sufra as consecuencias dos cambios de temperatura e humidade ás que se pode ver sometido durante o proceso de comercialización. Consiste en somerxer as gambas, xa conxeladas, durante uns segundos en auga moi fría para que a auga se solidifique formando unha capa de xeo que protexa o produto. As mostras estudiadas, salvo Pescanova (14% de carambelo), presentaron desde o 28,6% de carambelo de Frudesa ata o 35,2% de Riazor, valores excesivos que poden diminuírse sen que a calidade e seguridade do produto se resinta.

Só Froxá, Riazor e Compesca informan do calibre ou tamaño das gambas pero, en evidente irregularidade, indican un calibre que é case o dobre do real.
Ó consumidor interésalle coñecer o calibre das gambas, xa que en función da receita que pense realizar pode interesarlle un ou outro tamaño. As de maior calibre son Riazor (115 unidades/kg), seguidas de Elmar (152 unidades/kg). As máis pequenas foron Frudesa (325 unidades/kg), e Delfín, 311 gambas por quilo.

A melanose é un proceso natural que ocorre trala morte do crustáceo e a súa consecuencia é o cambio de coloración corporal cara a tons escuros, que despreza o gran valor comercial deste marisco. Para a súa prevención e control, utilízanse axentes conservantes. O laboratorio buscou dous aditivos: sulfitos (permitido) e ácido bórico (prohibido por tóxico). En ningunha mostra se detectou bórico. O sulfuroso total (metabisulfito potásico) foi detectado en catro, non apareceu en Pescanova, Frudesa e Riazor. Os contidos deste aditivo variaron desde os 25 miligramos por quilo de gamba pelada de Elmar ata os 110 mg/quilo de Delfín, proporcións aceptadas pola norma.

A frescura das gambas conxeladas

  O contido en bases volátiles totais (substancias indesexables que aparecen cando se degradan as proteínas debido á deterioración ou perda de frescura dos crustáceos) utilízase como indicador de frescura. As cantidades detectadas foron aceptables, coa excepción de Elmar, cun contido de 49 miligramos de nitróxeno cada 100 gramos de produto, que excede en moito á das demais mostras. A norma española non establece un máximo para este crustáceo, pero si o fai a lexislación chilena, que fixa un máximo de 30 mg de nitróxeno cada cen gramos de gamba.
No resto de mostras, os valores van desde os 3 mg/100 g de Pescanova ata os 16 mg/100 g de Delfín.
Para rematar, constatouse en todas as mostras a ausencia de cloranfenicol, un antibiótico que reduce a contaminación bacteriolóxica nas gambas e que está prohibido na UE polas súas consecuencias na saúde humana.

Estado hixiénico-sanitario

A gamba pelada é un produto moi perecedoiro. Para a súa correcta conservación débense manter a unha temperatura próxima a -18ºC evitando que desapareza o carambelo e non desconxelándoas ata poucas horas antes do seu consumo. Realizáronse análises microbiolóxicas na procura de aerobios, E. coli, enterobacterias, salmonela e S. aureus. Todas as mostras menos unha obtiveron resultados correctos. Riazor amosou un contido lixeiramente superior ó permitido en aerobios, o que indica unha rotura leve e breve na cadea de frío durante o procesado ou distribución do produto. Por iso, o seu estado sanitario foi considerado "regular", aínda que non represente risco sanitario para o consumidor.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto