Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Se non se trata adecuadamente e a tempo, prodúcese a perda parcial ou total da visión
Trátase dunha enfermidade do globo ocular caracterizada por unha elevación da presión intraocular ata un nivel que produce un dano irreversible nas fibras do nervio óptico. Isto produce unha perda gradual da visión, que pode chegar á cegueira. Ó primeiro non hai síntomas, pero co paso do tempo e se non se trata adecuadamente a perda parcial ou total da visión prodúcese irremediablemente. O termo glaucoma deriva do grego e utilizábase para designar as cataratas: ollos glaucos, ollos caracterizados por unha opacidade verdosa que as cataratas lle confiren ó cristalino. Non ten nada que ver co aumento da presión intraocular, pero malia ser inadecuado séguese empregando este vocábulo.
Polo interior do ollo circula un líquido que nutre as estruturas do globo ocular. É o denominado humor acuoso, totalmente transparente, que é atravesado pola luz e polas imaxes. Estas baten na retina sen interferencias; cómpre non esquecer que o ollo funciona como unha cámara fotográfica e que debe ser absolutamente transparente. O humor acuoso fórmase no corpo ciliar e flúe a través da pupila para chegar á cámara anterior do ollo, onde nutre o cristalino e a superficie anterior da córnea. É unha circulación sinxelísima, cun sistema de produción, unha irrigación polo interior do ollo e un mecanismo de evacuación. Cando se altera, xorden graves problemas. Se entra á cámara anterior do ollo máis líquido do que pode saír, a presión elévase e as fibras do nervio óptico comezan a sufrir. A presión do humor acuoso dentro do ollo é variable dunhas persoas a outras: adoita estar comprendida entre 12 e 21 mmHg. Coa idade prodúcese certa deterioración das vías de evacuación e a presión sobe, pero isto non sempre comporta a aparición do glaucoma, e por iso é moi importante a revisión oftalmolóxica completa.
Aínda que os oftalmólogos diferencian varias decenas de tipos, os fundamentais redúcense a tres:
Os síntomas do glaucoma conxénito e do glaucoma agudo son bastante claros desde o comezo da enfermidade. Non así no caso do glaucoma crónico, no que os síntomas son inicialmente inexistentes e só aparecen cando o nervio óptico está danado, producíndose unha diminución da visión: vense ben os obxectos que se teñen diante, pero non os que se atopan ós lados ou se ollan de esguello. Esta perda de visión vaise acentuando se non se lle pon remedio.
Hai persoas que son máis propensas a padecer glaucoma crónico:
O único xeito de diagnosticalo precozmente é a revisión oftalmolóxica que inclúa as seguintes exploracións:
Tendo en conta que a detección precoz se torna fundamental para conservar a visión, é obvio dicir que as persoas de máis risco, as máis propensas a padecer glaucoma, deben someterse a exames periódicos da visión. Pero, ademais, as persoas sen riscos específicos, ó chegaren a certa idade -entre os 50 e 60 anos- tamén deben revisar a vista regularmente. Ese recoñecemento debe incluír a medición da presión intraocular e, se cómpre, tamén unha campimetría. Non se debe esquecer que a idade é un factor de risco.
As posibilidades de tratamento eficaz son maiores canto antes se diagnostique o glaucoma, e nunha enfermidade coma esta, que inicialmente é asintomática, o único xeito de facelo é mediante a revisión polo oftalmólogo.
O glaucoma agudo é unha urxencia médica e precisa tratamento inmediato, pois se non se recibe pódese producir cegueira no ollo afectado no prazo de 24-48 horas. O tratamento é cirúrxico nestes casos e consiste en practicar unha perforación no iris para que o líquido poida circular. Esta operación, moi efectiva, denomínase iridotomía e realízase con láser.
No caso do glaucoma conxénito a cirurxía é segura e eficaz, e canto antes sexan intervidos os nenos máis probabilidades teñen de que a súa visión sexa boa no futuro.
No tocante ó glaucoma crónico, se se detecta precozmente o seu tratamento é inicialmente farmacolóxico. Utilízanse medicamentos a xeito de colirios ou píldoras, máis a miúdo os primeiros, polo xeral administrados varias veces ó día. O seu obxectivo é que se produza menos humor acuoso. A maioría das persoas toléraos sen problemas, pero algunhas presentan dores de cabeza ou síntomas locais coma proído, comechón ou arroibamento do ollo. Cómpre utilizar as pingas ou píldoras de maneira continua, sen interromper o tratamento, e hai que informar o oculista se se están tomando outros medicamentos. Se co tratamento farmacolóxico non controla a presión intraocular cómpre recorrer á cirurxía, que na actualidade se realiza mediante raios láser. A intervención denomínase trabeculoplastia con láser e os seus resultados son bos, pero ás veces os efectos van diminuíndo co paso do tempo e case na metade dos operados a presión volve elevarse ó cabo de dous ou tres anos. É pouco eficaz en mozos e en casos graves.
A cirurxía convencional é o método de elección nos casos graves ou cando fallaron outros tratamentos (fármacos, cirurxía láser...). Denomínase trabeculectomía e consiste na creación dunha nova vía de saída para o humor acuoso. Esta operación non permite recuperar a visión perdida, pero salva a visión que queda. É eficaz nun 80-90% dos casos, pero ás veces o novo orificio péchase co tempo e cómpre volver operar. O feito de que se efectuara a intervención non supón que haxa que deixar o tratamento farmacolóxico; algúns pacientes precisan seguir con el.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI