Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

José Manuel Navia, fotógrafo: "O fotógrafo quere capturar o tempo"

 Vitoria. Unha rúa empedrada que desemboca na Catedral. Á dereita, aproveitando os tímidos raios de sol que se coan entre os tellados, unha anciá, apoiada no marco da ventá, depila as cellas. É un intre. Igual có roubado ó can solitario que deambula pola mollada zona vella da capital vasca, coa súa lingua ben vermella fóra. Ambas as imaxes corresponden á última exposición asinada por José Manuel Navia, que, baixo o título "Desde a catedral", plasma a súa particular visión da restauración á que está sendo sometido o templo gótico para recuperar a súa beleza apagada polo paso dos séculos. Trátase de recuperar o tempo, que para Navia supón a materia coa que traballa. "A fotografía prodúcese nunha fracción de segundo, nun intre que o ollo humano non é capaz de ver, e iso é o que quere captar a cámara para deter o tempo".

Estudiou filosofía, pero sempre gañou a vida facendo fotos.

Sendo adolescente fascinábame a técnica fotográfica, o mundo do cuarto escuro onde se fai alquimia co tempo, e como a miña familia podía pagarme a carreira pero non a vida diletante que eu ansiaba, decateime de que un bo recurso económico era facer fotos. Así comecei a traballar nunha editorial mentres remataba os estudos, que me achegaron á antropoloxía, sen dúbida o nexo narrativo do meu traballo. Pero o que máis determinou a miña actual profesión foi a lectura. Son un lector empedernido, non teño espírito de aventureiro, polo que dubido que se me dese por viaxar, pero os libros avivaron a miña curiosidade e as ansias de saciala fanme percorrer quilómetros.

Un trazo moi característico da súa obra é que sempre emprega a cor. Por que?

O branco e o negro é por si unha abstracción da realidade. O mundo ten cores. Non obstante, por un condicionante sobre todo técnico -ata hai relativamente poucos anos a cor era moi difícil e incómoda para traballar-, a historia da fotografía escribiuse en grises, polo que, polo menos para min, queda moito máis que dicir en cor. Coido que se ben o pintor debe fuxir dela, esquivando o feito de que a percepción visual nos leva a fixarnos ó primeiro na cor, antes ca na forma, na fotografía acontece ó revés. Por vulgar que sexa unha imaxe, se está contada en branco e negro parece algo. De todos os xeitos, igual que xa non se discute se na pintura debe haber debuxo, superarase esta dicotomía.

Outro grande avance, sen dúbida, son as novas tecnoloxías aplicadas á imaxe. Que supón á irrupción das cámaras dixitais na fotografía?

Cambiou o concepto de facer fotos en todos os ámbitos. Creo que eu seguirei utilizando o soporte químico, aínda que a miña posprodución é dixital. De todos os xeitos, cómpre non esquecer que o que importa é a imaxe, e a maneira en que se capte tampouco inflúe tanto. Pero ese vicio que nos permite a tecnoloxía de desbotar practicamente sen ver, sérvenos para reflexionar sobre a nosa vida actual. Non nos decatamos, pero imos ás carreiras, sen tempo para detérmonos a pensar que facemos.

José Manuel Navia foi editor gráfico en El País, pero deixouno cando se decatou de que transcorrera un ano sen facer unha soa foto. Na actualidade mantén a súa relación co xornal como freelance, publica reportaxes en periódicos italianos e franceses e en revistas do prestixio de National Geographic. Premio Godó de Fotografía, defínese fascinado polo seu traballo, que lle permite manter un particular idilio coa lingua portuguesa e sumar as ocasións de viaxar a países desa fala. Sempre só.

Como se prepara unha viaxe?

Lendo. Se vou traballar en Marrocos, o primeiro que fago é somerxerme na súa literatura, documéntome, cartografo a zona e aínda que ó chegar alí non fago o que tiña pensado, pois na fotografía as pretensións axiña se se descobren, a formación non é en balde. E outra cousa: sempre hai que viaxar só, dous son un grupo, e non te mesturas.

Non viaxan xuntos xornalista e fotógrafo?

 No meu caso, nunca. Eu coido que é moito máis enriquecedor realizar dúas obras que se complementan, pero que non procuran explicarse a unha á outra. Se o traballo é resultado dunha inmersión simultánea corre o risco, e así mo di a experiencia, de que a personalidade máis forte se impoña á outra. Se o escritor ou o xornalista ten moita forza, o fotógrafo acaba ilustrando o escrito, e non narra con imaxes; se é á inversa, o escrito queda convertido nuns pés de foto de luxo. Cando Julio Llamazares escribiu o "Trás-os-Montes (Unha viaxe portuguesa)", pasoume o manuscrito. Lino e viaxei a Portugal, pero non co propósito de apoiar o seu texto, non intentei enriquecelo. De feito, o libro transcorre en xullo, e eu viaxei alí no mes de xaneiro.

Ata que punto hai implicación sentimental do fotógrafo coas persoas, momentos ou lugares que retrata?

A fotografía non serve para salvar o mundo. O fotógrafo de guerra comprometido que pensa que o vai cambiar ten moito valor, e boas intencións, pero non creo que sirva para máis nada que para dar testemuño. Neste aspecto son escéptico. Si creo que coa fotografía compartes dúbidas sobre o sentido da vida, porque o fotógrafo debe aceptar o azar que a cámara lle regala, capta o que ve, e o que non ve. Como dicía a gran fotógrafa Lisette Model, a fotografía non ten respostas, pero con ela podémonos facer preguntas, e mesmo despois, atopar a súa resposta nesa imaxe. Por iso, cando tiro fotos son sempre consciente de que estou traballando, non me deixo levar, xa que se trato de gozar non captarei boas imaxes, necesito distanciarme e non violentar a realidade.

E pasar desapercibido.

Lembro que facendo un traballo no Atlas me vin sorprendido por unha festa privada de bérberes. Pedinlles permiso para facer fotografías, e dediqueille pausa, moito tempo, e acabei fotografando mulleres e nenos. De súpeto descorreron a porta da haima e apareceu un colega cun equipo tremendo e, sen dicir nada, púxose a disparar. Case o matan. A fotografía é moi agresiva mesmo cando non é esa a túa intención. De feito, os nenos deixan de selo cando son conscientes de que están sendo retratados e perden a naturalidade.

É certo, daquela, que só fai fotos a unhas determinadas horas?

É un pouco mito, pero elixir as horas para sacar fotos é de sentido común. Nesta sociedade que inventamos a xente vive de maneira absurda. Que facemos na rúa á 1 do mediodía un día de calor? En países tristemente moito máis pobres pero máis naturais, ás 6 da mañá no verán a rúa está chea de xente; cando o sol está no seu cénit non hai ninguén. Lóxico, pódeche dar algo. Pois iso que parece tan obvio, tamén o é para min á hora de facer fotos. No fondo adáptome ó que me dita a natureza.

Na actualidade, toda cita importante coa arte contemporánea está obrigada a incluír fotografía. Está vivindo o seu momento doce?

Comeza a suceder en Europa, onde lle tardou en chegar o recoñecemento, pero en toda América a fotografía goza do respecto desde hai lustros. Así e todo, un ten a sensación de que os fotógrafos de verdade, os veteranos que levan moitos anos nesta arte, quedan eclipsados agora que lle chega un recoñecemento ó medio. O desembarco un pouco violento dos artistas plásticos que utilizan o soporte fotográfico para desenvolver a súa obra fai parecer que estes autores quedaron anticuados sen chegaren a estar nunca en primeira fila como lles correspondía. Agora quérense facer grandes obras en pouco tempo. Canto hai de realidade e canto de mercado? Será o tempo quen o acabe dicindo.

Cantos cartos debe custar unha reprodución dunha fotografía?

Quero pensar que na fotografía, coma en calquera arte, hai un valor intrínseco. Non acepto que a calidade dunha fotografía dependa de quen a elixe, de onde se expoña, de quen a merque e de por canto a merque. Quero crer que hai algo na propia imaxe que nos di a súa calidade. Négome a aceptar que todo sexa mercado.

Defende a estreita relación entre a fotografía e a palabra. Que quere dicir?

Para min a fotografía ten moito máis que ver coa literatura ca con calquera outra arte. É certo que xorde como un desenvolvemento natural da pintura, pero co que traballa a fotografía é co tempo. A fotografía prodúcese nunha fracción de segundo, ese intre que o ollo humano non é capaz de captar. A foto detén o tempo. Isto ten moita relación coa memoria. E, que é a literatura? Pois un exercicio da memoria, a capacidade de recuperar o tempo pasado, mesmo perdido.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto