Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Piercing e tatuaxes: 105 establecementos de 13 cidades, analizados: Fanse sen dar a información imprescindible e en condicións moi mellorables

  Non se dispón de cifras estatísticas fiables sobre a súa implantación real, pero ninguén discute que a afección ó piercing e ás tatuaxes experimentou un gran pulo durante os últimos anos. E iso traduciuse en que o negocio aumentou enormemente a súa facturación e en que proliferaron nas nosas cidades os establecementos que colocan piercings ou gravan tatuaxes nos corpos dos seus clientes.

Os profesionais do sector indican que esta moda "é unha cuestión de estética, sobre todo entre os máis novos", á vez que matizan "hoxe as perforacións teñen moita máis aceptación cás tatuaxes". Os piercings percíbense como unha intervención temporal, mentres que se sabe que a tatuaxe é para sempre, polo seu carácter indeleble, salvo que os eliminemos da nosa pel mediante prolixas, complexas e (no caso do láser) moi caras técnicas que, ademais, non sempre resultan completamente eficaces.

Coa finalidade de estudar o servicio que se lles ofrece ós usuarios, técnicos de CONSUMER que se fixeron pasar por clientes visitaron o pasado mes de febreiro 105 establecementos dedicados á colocación de piercings e á gravación de tatuaxes en 13 cidades: Barcelona, Madrid, Valencia, Bilbao, Málaga, A Coruña, San Sebastián, Vitoria, Pamplona, Murcia, Almería, Alacante e Oviedo. Os locais visitados foron 73 establecementos exclusivamente dedicados a estas prácticas e 32 centros de beleza e de estética nos que se realizan outras actividades para a estética persoal. Para confeccionar o cuestionario que cubriron os técnicos unha vez realizada a visita contouse coa colaboración de médicos dermatólogos e partiuse tanto da normativa que algunhas comunidades autónomas lles aplican a estes establecementos coma do eloxiable -por moi esixente- código de boas prácticas da Asociación Nacional de Mestres Tatuadores e de Piercing.

O primeiro que cómpre dicir sobre este tema é que desde un punto de vista médico e sanitario, trátase dunha práctica desaconsellable: en ambos os dous casos prodúcense feridas na pel ou en certas partes do corpo e tanto en piercings coma en tatuaxes existe o risco de reaccións alérxicas e de contraer -por contaxio vía utensilios non debidamente esterilizados- enfermidades graves como o SIDA ou a hepatite. Médicos e profesionais do body art coinciden en que son moitos os clientes que non adoptan as precaucións precisas e que, malia a recente e só parcial regulación do sector en España, algúns establecementos non cumpren cos requisitos mínimos.

En definitiva, quen pensa facerse un piercing ou unha tatuaxe debe acudir a profesionais cualificados que, amais de garantiren unha hixiene impecable e unha calidade técnica satisfactoria, informen sobre as prevencións necesarias e sobre os coidados posteriores.

Suspenso case xeneralizado en información ó usuario.

  A principal conclusión da investigación é que nos máis dos establecementos o cliente non recibe a información necesaria para saber se pode ou non decorar o seu corpo con estas técnicas -non exentas de riscos- e para evitar os problemas que poidan xurdir.

Noutras palabras, son moi poucos os que asesoran ben o usuario, malia a que a información e os consellos son imprescindibles. Polo tanto, son minoría os que lle ofrecen ó cliente as explicacións que cómpren antes de colocar un piercing ou unha tatuaxe: o 85% dos profesionais non lle preguntaron ó cliente se padece algunha alerxia, enfermidade ou problema de cicatrización que desaconselle a intervención, o 55% non informaron de precaucións antes de realizarse unha tatuaxe, como a de non acudir en xaxún e non inxerir alcohol ou consumir drogas previamente, e o 64% non explican o proceso de colocación dun piercing ou da realización dunha tatuaxe: se cómpre anestesia, canto dura a sesión...

Ademais, tan só no 40% dos establecementos recomendaron a necesaria aplicación de crema hidratante unha semana despois de colocar a tatuaxe e durante un mes. Continuando coas tatuaxes, no 75% dos locais non se proporcionaron consellos sobre os coidados necesarios, como non lavalo con esponxas nin toallas, non arrincar as bostelas ou costras, non bañarse en piscinas nin no mar durante o proceso de cicatrización, ou a conveniencia de lavalo con xabón neutro.

Esta insuficiente información é o principal motivo do suspenso case xeneralizado que mereceron os establecementos analizados. Tal como indican os dermatólogos (médicos especialistas na pel), ambas as prácticas constitúen lesións na derme, polo que convén que o usuario estea ben informado sobre os problemas que poden xurdir (infeccións, reaccións alérxicas, etc.) e sobre os coidados que se requiren posteriormente: pomadas antibióticas e cicatrizantes, necesidade de non tomar o sol no caso de se tatuar, ou a limpeza que require un piercing.

A colocación dun piercing ou dunha tatuaxe pode ser motivo de infeccións, de irritacións, de alerxias e mesmo -se non se respectan as medidas hixiénicas- da transmisión de graves enfermidades víricas, como a hepatite ou o SIDA.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto