Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Ferros de pasar eléctricos con vapor: Un dos mellores é barato

O vapor e a comodidade de uso, claves para unha boa elección

 Analizáronse oito ferros de pasar eléctricos con vapor, de prezos moi distintos: desde os 41,79 euros de Fagor ata os 92 euros de Siemens. A mellor relación calidade-prezo é Braun ProStyle SI8520, por ser o mellor na proba de uso, o terceiro máis barato, cumprir todas as normas de seguridade, ser o máis livián e ofrecer o consumo máis reducido.

Os oito ferros utilizan o vapor para alisar os tecidos, o que é fundamental para un resultado óptimo. O laboratorio mediu o tempo que tarda cada equipo en quecer. Siemens e Solac son os únicos que alcanzan o 'moi ben' (algo máis dun minuto), seguidos por Fagor, Ufesa e Bosch ('ben') que tardan o dobre. Braun, Philips e Rowenta quedan nun 'normal', xa que precisan tres minutos. Nesta proba Solac tívose que medir dun xeito distinto ó resto, xa que non xera vapor de auga vertendo auga sobre a base quente senón que dispón dun termóstato e resistencia distintos ó da base, o que lle permite expulsar vapor mesmo cando o ferro está ó mínimo de temperatura.

Solac é o ferro de pasar que máis tarda en alcanzar os 180º centígrados na súa base (2 minutos e 39 segundos), mentres que os outros sete tardaron practicamente o mesmo en alcanzar esa temperatura (algo máis dun minuto). Non se puido analizar o material das bases, porque algúns fabricantes utilizan fórmulas propias.

No tocante á uniformidade da calor ó longo da base, os mellores son Siemens, Solac e Fagor, seguidos de Philips, Ufesa e Rowenta. Braun e Bosch quedaron nun 'normal'. Para saber o tempo que pode estar o ferro expulsando vapor quéntanse á máxima temperatura na posición que máis vapor expelen, sen usar o 'vapor extra': Rowenta obtivo a mellor valoración ('moi ben') e Braun e Bosch quedaron nun 'normal'.

No tocante ó caudal de fuga (as perdas de auga) é inexistente nos oito, pois todos contan cun sistema antipingas. Como se comprobou na proba de uso, os usuarios prefiren os ferros que emiten o vapor xusto, nin excesivo nin escaso. Neste apartado os mellores foron Siemens e Philips, e os peores Braun e Fagor.

Lixeiros e manexables

  Un ferro de pasar debe ser lixeiro para que traballar con el sexa o menos fatigoso posible. Os máis liviáns foron Braun (1,3 kg) e Bosch (1,4 kg) e os máis pesados Rowenta (1,7 kg) e Solac (1,6 kg). O consumo real de electricidade foi inferior ó indicado na súa documentación. O cable máis longo (un metro máis có segundo) é o de Siemens (3,5 metros), e Fagor e Rowenta só ofrecen 1,9 metros. Solac incorpora o único cable que non pivota 360 graos (só oscila 180º). Este xiro de 360º si está presente no resto e dálle ó ferro maior manexabilidade. Todas as mostras inclúen unha luz que se acende mentres o ferro de pasar se está quentando e que se apaga cando alcanzou a temperatura idónea. Solac incorpora unha segunda luz que indica se está enchufado.

O tamaño do depósito de auga inflúe no tempo que cómpre pasar o ferro, xa que se se acaba a auga hai que recargalo e agardar a que volva quecer. Braun ten o depósito máis pequeno (220 mililitros). Os seguintes son Siemens, Fagor e Bosch, con case un 50% máis (300 ml). Nos máis grandes (Solac e Rowenta) caben 400 ml de auga. Os oito ferros ofrecen un spray que pulveriza finas pingas de auga para humedecer os tecidos engurrados. Segundo os fabricantes, para encher o depósito pódese utilizar auga da billa, aínda que se é moi dura (demasiado cal) convén diluíla con auga destilada ó 50%. Non se debe mesturar con aditivos como amidón, perfumes, suavizantes ou substancias antical, que poderían danar o equipo. Todos os ferros incorporan filtros antical. Braun é o único con filtro extraíble; Philips e Siemens inclúen un sistema de autolimpeza para os restos de cal.

Proba de uso

Tres usuarios habituais probaron os oito ferros de pasar sobre varias prendas de diferentes tecidos (algodón, fibra, la...) seguindo as indicacións do fabricante. Cada usuario valorou diversos parámetros entre o 'mal' (un punto) e o 'moi ben' (catro puntos). Todos os ferros superaron os 2 puntos sobre 4 posibles en cada ítem avaliado. Ademais, os resultados foron semellantes, con pouca diferencia entre o mellor e o peor. Globalmente, Braun, Siemens, Philips e Bosch foron os que máis lles gustaron ós usuarios, xa que se pode regular o vapor e son os máis lixeiros. Os peores (aínda que aceptables) son Fagor e Rowenta (ambos moi pesados).

A proba de uso dividiuse en dous apartados: por unha banda mediuse a ergonomía, avaliándose a claridade e utilidade do manual e dos menús, controis e iconas, o seu aspecto exterior, estabilidade, o peso e dimensións do ferro de pasar e a lonxitude do cable. Bosch, con 3,4 puntos de 4 posibles, e Braun e Siemens, con 3,3 puntos, foron os mellores. Fagor e Rowenta aprobaron, pero con só 2,8 puntos. Por outra banda, mediuse a facilidade de uso, valorouse a súa eficacia e velocidade, a emisión de vapor, o pulverizador, a facilidade de escorregada, a limpeza e a facilidade de almacenamento. Neste segundo caso, a valoración máis alta correspondeulle a Braun (3,6 puntos de 4, en especial pola súa velocidade e pola súa función vapor, aínda que fallou en dispersión de auga), seguida de Siemens, Philips e Bosch (con 3,4 puntos). Fagor (2,8 puntos), Ufesa e Rowenta (ambas as dúas 3 puntos) foron os peor valorados.

Cuestión de interferencias

  Todos os ferros de pasar aprobaron o test de compatibilidade electromagnética, que comproba se causan interferencias noutros aparellos eléctricos. No tocante á súa seguridade, unha das probas efectuadas é o ensaio de funcionamento anormal, que analiza o comportamento do equipo ante un curtocircuíto. Para superalo, os ferros de pasar non deben xerar fume, chama ou temperaturas perigosas cando quecen excesivamente. Fagor foi o único que suspendeu este apartado, xa que o fusible térmico saltou, pero non puido impedir que do interior saíse unha gran cantidade de fume.

Siemens, Solac, Ufesa e Bosch non incluíron todas as indicacións obrigatorias que marca a norma, aínda que esta é unha falta leve. O resto de probas (estabilidade sobre superficies inclinadas, acceso a partes activas, corrente de fugas, rixidez dieléctrica, illamento adecuado, impedancia entre as partes condutoras...) foron superadas satisfactoriamente por todas as mostras. Siemens é o único que inclúe un útil mecanismo de seguridade: se non detecta movemento durante trinta segundos cando está apoiado sobre a súa base (ou oito minutos se está erguido sobre o talón) desconéctase de xeito automático.

Os oito ferros de pasar inclúen manuais de uso e información sobre aspectos de seguridade. Tamén os oito teñen garantía, pero non foi correcta en todos os casos: unicamente Braun, Philips e Ufesa ofrecen os dous anos de garantía que marca como mínimo a lei (que entrou en vigor en setembro de 2003, e que cobre todos estes produtos, indíqueno ou non). Fagor ofrece só seis meses, Bosch e Rowenta un ano e Solac un ano de garantía "normal" e outro que cobre o recambio de pezas, pero non a man de obra. A garantía que axuntaba Siemens non especificaba a súa duración, polo que tamén suspendeu este apartado.

A temperatura

Un dos parámetros máis decisivos para un alisamento eficaz é a temperatura que alcanza a base do ferro. O laboratorio mediu a calor xerada en catro puntos distintos da base nas tres posicións que ofrece cada termóstato. A primeira (entre 70º e 120º centígrados) utilízase principalmente para tecidos sintéticos e moi delicados. A posición de temperatura intermedia (entre 100º e 160ºC) emprégase para seda ou la mentres que a de temperatura máis viva (entre 140º e 210ºC) destínase a prendas de algodón ou liño. A cuarta resérvase para a temperatura mínima do equipo.

Con esta proba descóbrese se o ferro é estable termicamente, é dicir, se non ten diferencias de temperatura entre unhas partes e outras da base. Tamén se comproba se se supera a temperatura máxima fixada pola norma para cada posición, e que podería danar as prendas. Todos os ferros de pasar aprobaron, pero Braun, Solac, Philips e Rowenta obtiveron os resultados máis estables e próximos ós que indicaban os seus termóstatos. Para realizar este test manipulouse o mecanismo electrónico de Siemens que apaga o ferro tras trinta segundos de inactividade.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto